Teoría da Mente (I)
O outro día, explicando o que era a Teoría da Mente (de agora en diante TOM, abreviado do inglés) decateime de que era un nome tan grandilocuente e pretensioso como o da famosa Teoría do Todo ou M, da que xa falei algunha que outra vez aquí. Pero peor, en realidade, porque a Teoría do Todo si que o explicará TODO unha vez apareza o maldito bosón de Higgs, mentres que a Teoría da Mente non pretende, nin moito menos, explicar a mente no seu conxunto. O único que explica a TOM é que, para relacionarnos cos demais, é imprescindible partir da teoría de que tamén teñen mente.
Isto, que semella tan estúpido, queda claro no sensacional exemplo de Sally e Ann. Para adaptalo á nosa realidade sociocultural, vámoslles chamar Uxía e Jennifer. Supoñamos que Uxía e Jennifer teñen unha caixa e unha cesta, e que nesta última gardan unha pelota. Uxía sae do cuarto e Jennifer mete a pelota dentro da caixa. Cando Uxía volve entrar, onde buscará a pelota? Obviamente, calquera de nós diría que Uxía vai buscar a pelota na cesta, onde a deixou cando saíu do cuarto. Un autista, en cambio, podería dicir que Uxía vai buscar a pelota na caixa, que é onde realmente se atopa.
Cal é a diferenza entre os dous tipos de razoamentos? A diferenza estriba en que un autista non posúe teoría da mente, é dicir, non comprendería que os contidos mentais de Uxía poden ser diferentes dos propios ou, en casos extremos, nin sequera chegaría a comprender que Uxía posúe unha mente propia. Uxía vai buscar a pelota na cesta porque ela pensa que está na cesta, aínda que realmente está na caixa, e nós sabémolo. É dicir, a mente de Uxía posúe contidos diferentes dos nosos, e polo tanto chega a unha conclusión diferente.
A TOM postula que, nas nosas interaccións con outros seres humanos, facemos a comprobación inconsciente e sistemática de cales poden ser os contidos da súa mente. Existe unha comunicación non verbal constante coa que nos facemos unha idea aproximada (unha teoría) do que as outras persoas pensan ou senten.
Poderiades dicir que non podemos saber o que os outros pensan. O exemplo de Jennifer e Uxía demostra que determinados contidos de pensamento son susceptibles de ser deducidos polo contexto: se Uxía non ve a Jennifer cambiar a pelota de lugar, non pode saber onde está realmente. Se non existise teoría da mente, non sería posible mentir, pero tampouco interpretar ou producir creación artística, porque non poderiamos diferenciar o real do finxido, e tampouco a ironía, ou o dobre sentido.
A TOM tamén describe como a nosa mente é quen de funcionar en varios niveis sucesivos, como se fose un xogo de bonecas rusas: sei que ti sabes que eu sei. Ou ao revés, fago que ti creas que eu creo. Por suposto, todo se basea nunha aproximación á realidade, que é moito mais complexa do que podemos captar, pero tamén a nosa propia percepción de identidade non deixa de ser unha aproximación útil de algo moito mais complexo. O cerebro humano funciona dese xeito: xeramos hipóteses e comprobámolas continuamente, refinándoas ata o límite da nosa capacidade de interpretación da realidade. Pero sempre será a mellor aproximación posible ata o momento, porque como dixo Lyall Watson, se o cerebro fose tan simple que puidésemos entendelo, seríamos tan parvos que non o entenderíamos.