A triloxía dos gatos (1) Orixes

A triloxía dos gatos (1) Orixes

Este é Canela, que xoga un papel moi importante nesta historia. Se pensades que a historia vai de durmir e tirar ao chan obxectos decorativos seguramente tamén, pero para o que nos ocupa, Canela é un pioneiro científico. Foi o suxeito escollido para comezar o Proxecto Xenoma Gatuno. Como o seu correlato humano, este proxecto, que comezou en 2007, tiña por obxecto decodificar e estudar todo o ADN deste animal, unha das dúas especies que acompaña ao ser humano dende a máis remota Antigüidade. Os michos teñen 38 cromosomas en lugar dos 46 humanos, pero iso non lles quita un ápice de complexidade. Os gatos domésticos descenden dos gatos africanos, pero este estudo demostrou que o primeiro contacto tivo lugar hai entre 13.000 e 10.000 anos en Oriente Medio. Logrouse pescudar o rastro xenético ata cinco femias que se asociaron cos humanos que comezaban daquela a cultivar cereais, nunha simbiose na que elas atopaban roedores arredor do gran almacenado polos humanos. A partir de aquí, emprenderon unha meteórica carreira ata establecerse por dereito propio como deuses de Exipto, status que actualmente conservan en cada unha das nosas casas e en internet.

Vassil, CC0, via Wikimedia Commons
Felix Silvestris Lybica, o antergo máis próximo do gato doméstico común

Curiosamente, déronse moi poucos cambios no xenoma felino coa domesticación. Ao contrario que os cans, que sufriron importantes cambios morfolóxicos diferenciándose dos lobos, os gatos permanecen fisicamente moi semellantes ao seu antergo o gato salvaxe africano. O que desvelou a decodificación do seu ADN é que a maior parte dos cambios producíronse a nivel cerebral, para permitirlles interaccionar con nós: son cambios que os fixeron máis amigables, máis confiados coas persoas e menos temerosos. Tamén serven para recoñecer as nosas crías e non atacalas e incluso para desenvolver condutas de apego e coidado. O resto da súa conduta mantense practicamente igual e de feito os gatos sen dono apáñanse bastante ben porque conservan o instinto e a capacidade de cazar. Parece que o can pagou moita máis peaxe evolutiva nesta simbiose, pero o gato salvaxe cumpría perfectamente o seu papel de exterminador de pragas, bóla adorable de veludo e divo máximo en xeral.

Lily, amiga da famila, diva máxima. Se tes sorte, hónrate coa súa presenza.

Do mesmo xeito, as diferenzas entre as razas gatunas son sorprendentemente modernas, e ata a Idade Media todos os gatos tiñan o pelo curto e atigrado do Felix Lybica. Así que se nos cae outro mito, o da bruxa medieval co gato negro. Para ter gatos negros tiñan que ser bruxas modernas. As outras variedades son aínda máis próximas no tempo, como por exemplo o persa, que aparece no século XVII e o gato sen pelo ou Esfinxe, creado nos anos 60 mediante selección artificial en (decepción) Canadá.

Nos últimos anos tamén caeu o mito de que os gatos son animais independentes e non senten apego polos seus compañeiros humanos. Diversos estudos amosan que os gatos experimentan tanto afecto polos seus humanos como lles acontece aos cans cos seus. Simplemente exprésano de xeito diferente. Tamén se descubriu que, en contra do que poida parecer, os gatos comprenden perfectamente o seu propio nome e outras palabras e ordes. Cando parece que non obedecen porque non lles dá a gana, efectivamente: entenden perfectamente pero non lles dá a gana.

Bibliografía

Pontius JU, Mullikin JC, Smith DR; Agencourt Sequencing Team, Lindblad-Toh K, Gnerre S, Clamp M, Chang J, Stephens R, Neelam B, Volfovsky N, Schäffer AA, Agarwala R, Narfström K, Murphy WJ, Giger U, Roca AL, Antunes A, Menotti-Raymond M, Yuhki N, Pecon-Slattery J, Johnson WE, Bourque G, Tesler G; NISC Comparative Sequencing Program, O’Brien SJ. Initial sequence and comparative analysis of the cat genome. Genome Res. 2007 Nov;17(11):1675-89.

Vitale KR, Behnke AC, Udell MAR. Attachment bonds between domestic cats and humans. Curr Biol. 2019 Sep 23;29(18)


Saito A, Shinozuka K, Ito Y, Hasegawa T. Domestic cats (Felis catus) discriminate their names from other words. Sci Rep. 2019 Apr 4;9(1):5394. doi: 10.1038/s41598-019-40616-4. Erratum in: Sci Rep. 2019 Sep 10;9(1):13265.

Comentarios pechados.