Rosas para Heliogábalo

Rosas para Heliogábalo

Escoitar aínda en pleno 2020 que a diversidade sexual é “unha moda” ou “unha pose” podería parecer simplemente absurdo e desfasado, pero por desgraza é unha idea que aínda persiste. Parece que as persoas LGBTI empezaron a existir ao mesmo tempo que os pantalóns de campá, e están fastidiosamente empeñadas en non pasar de moda. Hoxe quero falar da historia da primeira persoa transexual da que temos noticia, só pola casualidade de que foi un emperador romano.

Cando escribes Heliogábalo nun buscador de internet, comezan a aparecer asociadas palabras como “depravación”, “obscenidade”, “decadencia”… Lendo sobre el, eu só vexo un choque cultural e relixioso, un adolescente cunha sexualidade non binaria e moito drama.

Heliogábalo naceu en Siria no ano 203, e non se chamaba Heliogábalo. O seu nome real era Vario Avito Basiano, e era familiar do emperador Carcalla. De todos xeitos, o parentesco e sobre todo a xuventude de Vario deixábao bastante lonxe da liña sucesoria imperial, pero o que si que lle correspondía por herdanza era o cargo de sumo sacerdote do deus solar El-Gabal, do que finalmente tomaría o seu nome, latinizado como Heliogábalo. Os cultos orientais frecuentemente implicaban prácticas sexuais, e pode que Vario fose unha sorte de prostituto sagrado ao servizo do deus. Esta asociación entre o sexo e a relixión pode ser moi chocante para a nosa visión xudeo-cristiá, fondamente reaccionaria ante todo o sensorial ou pracenteiro, pero tamén na cultura romana existían tradicións que combinaban ambas cousas, como a das bacantes. Os romanos non eran sexófobos nin homófobos, pero si fondamente misóxinos. Calquera práctica sexual podía ser aceptada sempre que se mantivesen os roles de xénero que subordinaban ás mulleres a un papel pasivo. Así que o feito de prostituírse sendo home era cando menos chocante para os romanos. En Siria, porén, Vario cumpría sen ningún tipo de problema co seu papel de sumo sacerdote-efebo do deus solar, cando se viu envolto nunha desas conspiracións tan frecuentes na política imperial: a avoa, nai e tía do rapaz urden unha trama para derrocar ao sucesor de Caracalla, Macrino, e elevar ao poder a Heliogábalo, claramente un monicreque a través do que gobernaban estas mulleres da dinastía dos Severos. As auténticas emperatrices sirias precisaban alguén cun cromosoma Y para gobernar, un calquera que pasase por alí, e tocoulle a Vario.

Así que Vario trasládase a Roma coas conspiradoras, e leva con el o culto a El-Gabal materializado na pedra meteorítica que se adoraba en Siria como símbolo do deus. En Roma non se escandalizan por un deus máis, pero a cousa comeza a torcerse cando Vario, agora xa coñecido como Heliogábalo, trata de instaurar unha sorte de henoteísmo, con El-Gabal como deus supremo en lugar de… Xúpiter! Entre isto e que os ritos do deus eran un pouco de máis para os senadores, o novo emperador empezaba a resultar antipático, pero o colmo xa foi cando decidiu casar cunha vestal, unha das sacerdotisas virxes da deusa Vesta, un dos colexios sacerdotais máis importantes da relixión romana.

Ata o momento, só vemos un choque relixioso entre os cultos romanos, que daban unha importancia fulcral á decencia pública e á castidade feminina, e unha visión moito máis laxa do tema dos cultos orientais. Posteriormente, viría o choque pola identidade sexual do emperador. Tras divorciarse sucesivamente de cinco esposas, Heliogábalo contrae matrimonio cun escravo masculino, pero adoptando nesta parella un rol claramente feminino, referíndose a si mesmo como esposa. Aínda que as relacións homosexuais estaban perfectamente integradas no mundo clásico, calquera actitude que puidese considerarse feminina era obxecto de forte repudio social. A visión das mulleres como seres claramente inferiores facía que un home “afeminado” resultase indigno e inhábil para a política ou a vida pública. Os historiadores recollen tamén o desexo do emperador de someterse a cirurxía de reasignación para que lle proporcionaran unha vaxina, todo isto en modo século III, no que a xente morría dun flegmón ou por tragar unha espiña, así que hai que recoñecerlle polo menos o valor.

Heliogábalo caeu vítima da mesma conspiración que o elevara ao poder, ao ser evidente a súa mala fama e as altas probabilidades de que o destronasen. A súa avoa promoveu unha nova revolta militar que asasinou ao emperador e á súa nai, poñendo no trono, no seu lugar, ao seu curmán.

Ata aquí, todo normal na política imperial. Sendo emperador, a morte natural era o menos natural, case máis raro que unha familia unida. Onde eu quería poñer o foco é na fama posterior de Heliogábalo, que a pesar de non ser en absoluto un psicópata asasino como outros predecesores no cargo, pasou á historia como o exemplo de degradación moral e perversidade do imperio tardío. A historia, e non falo só dos seus contemporáneos, senón de visións máis actuais, parecen aceptar mellor o xenocidio, desculpándoo como o signo dos tempos, que a diversidade sexual. Se esta diversidade, ademais, pon en dúbida os estereotipos de xénero, semella que vestirse de muller, querer ser muller ou ser muller trans (porque non coñecemos a historia por boca do adolescente Vario, e non podemos saber como se pensaba a si mesmo ou a si mesma) é un crime peor que sementar campos de cadáveres crucificados.

Lendo sobre Heliogábalo, é incrible a misoxinia, a xenofobia e a transfobia que destilan as visións actuais. Os cultos relixiosos orientais son descritos como excesivos, histéricos e dalgún xeito perversos, como se a púrpura romana fose un prodixio de contención e mesura. Das mulleres sirias, verdadeiras políticas da época e emperatrices de facto tras Heliogábalo e despois tras Alexandre, destácase a crueldade e a conspiración, como se no resto da aristocracia a conduta inatacable e a empatía cos seus semellantes fose a norma. De Vario, os crimes son ter un aspecto que aos romanos lles resultaba chocante por proceder doutra cultura, manter relacións homosexuais publicamente e non en secreto, como o resto de senadores, e adoptar un aspecto tradicionalmente asociado co feminino. O resto semellan unha serie de acusacións máis ou menos disparatadas ou banais que se lles achacaban a todos os caídos en desgraza: comer bebés (un clásico), os sacrificios humanos e ser tan excesivo co luxo e a decoración que chegou a afogar aos convidados aos banquetes con pétalos de rosa, como reflectiu Lawrence Alma-Tadema na imaxe que ilustra este post. O mesmo que se lles achacou aos cristiáns, por exemplo, outro culto orientalizante que non caía demasiado ben en Roma.

Curiosamente, as acusacións de histriónicas, excesivas, decadentes e moralmente reprobables seguen a caer sobre as persoas LGBTI, especialmente se non responden ao rol de xénero aceptado socialmente. A primeira persoa trans da que temos noticia xa foi vítima deste tipo de prexuízos, que parecen persistir, 2000 anos despois, en case idéntica forma. Menos o de comer bebés. Ou si.

Comentarios pechados.