Navegación por
Etiqueta: centeo

Farmacoloxía tradicional

Farmacoloxía tradicional

“Se as portas da percepción permanecesen abertas, todo aparecería tal e como é: infinito”

William Blake

Unha vila de centroeuropa padece un estraño brote de loucura colectiva. Un poeta lánguido experimenta cunha nova droga alucinóxena no seu gabinete. Unha muller leva centeo ao muíño nunha aldea galega. Que teñen en común estas tres escenas?

Esta cita dá título á obra de Aldous Huxley “As portas da Percepción”, unha viaxe psicotrópica que describe o consumo da droga LSD, siglas da dietilamida de ácido lisérxico. Aínda que temos asociado o LSD á cultura hippie dos 70 e a experiencias alucinóxenas de poetas e músicos, na cultura galega coñecíase e empregábase o vexetal do que se extrae o LSD para múltiples usos.

O cornecho ou dentón é un fungo que medra nos grans de centeo, un cereal do que se facía pan en Galiza con maior frecuencia que de trigo ata datas recentes. Contén múltiples substancias tóxicas e alucinóxenas, feito coñecido dende a Idade Media, cando se rexistran epidemias de ergotismo, como se lle chama ao envelenamento por cornecho do centeo. Ao moer o cereal, o cornecho mesturábase coa fariña e contaminaba o pan, o cal podía producir síntomas como alucinacións, convulsións e contracción dos vasos sanguíneos, que podía causar un intenso ardor (o nome popular do ergotismo era “lume de San Antón”) e finalmente gangrena e a morte.

Pero como a dose fai a cura ou o veleno, que diría Hipócrates, tamén se coñecen usos medicinais deste fungo. Na medicina popular era frecuente empregalo como abortivo, para inducir o parto ou para cortar as hemorraxias despois deste, polas súas propiedades vasoconstritoras e oxitócicas (semellantes ás da hormona oxitocina, responsable das contraccións do parto). Deste xeito a tradición de curandeiras populares, parteiras e incluso meigas e bruxas que provocan loucura e o aborto dos animais e as persoas entretécense arredor das propiedades case máxicas deste fungo diminuto.

Coa chegada da síntese farmacéutica, investígase o cornecho e as súas propiedades, illando diversas substancias con utilidade. A máis famosa é o LSD, que durante un tempo foi unha esperanza falida para o tratamento das enfermidades mentais, pero tamén o seu uso no campo da obstetricia atraía o interese da incipiente industria farmacéutica. Nos anos 30 do século XX, as mesmas mulleres galegas que coñecían os usos e os perigos do cornecho, que recollían o centeo e facían o pan, convertéronse en traficantes de dentón, de súpeto moi ben pagado para extraer del fármacos ergóticos.

A idea de que o natural e o artificial ou sintético son categorías opostas pode estar nas nosas mentes, pero non existe na natureza, como demostra a droga “sintética” LSD, que tamén está presente de xeito natural no cornecho. Tampouco os conceptos de fármaco, veleno e droga están separados no mundo material, senón que dependen unicamente do uso que lle deamos a cada substancia bioloxicamente activa. Tampouco os de médica, curandeira, parteira e… bruxa?

Para saber máis… podes ler o artigo de Praza Pública sobre o dentón e o nacemento da industria farmacéutica galega

Imaxe propiedade de Illa Bufarda, obtida na Facultade de Farmacia da USC. Aquí tedes a ligazón ao seu traballo en torno ao dentón do centeo: https://www.odenton.eu/