Navegación por
Etiqueta: ciencia-ficción

Arrival (CON MOITO SPOILER)

Arrival (CON MOITO SPOILER)

Non podía deixar acabar o ano sen escribir algo sobre o fenómeno cinematográfico do ano, o filme que puxo o Reino da Galiza no mapa (atención ao sutil xogo de palabras) e que POR FIN amosa unha filóloga como o que en realidade son: heroes de acción. Supoño que ir ver Arrival con expectativas moi altas fixo que me quedase unha sensación agridoce dunha película que ten moitos acertos, pero tamén puntos fracos que non vin destacados en ningunha das críticas que lin. A partir de aquí, o post convértese en puro spoiler, quen avisa non é traidor.

Puntos a favor

1. Filólogos como heroes de acción. Xa está ben de que outras profesións teñan representantes heroicos nas súas filas. Xa non só policías, bombeiros e médicos non psiquiatras, senón incluso avogados, cociñeiros e contables son retratados no cinema facendo cousas máis ou menos extraordinarias e salvando ao mundo. Neste caso, a utilidade dunha experta lingüista non só é que estea xustificada, senón que é o eixo sobre o que pivota todo o filme. Que ante un contacto extraterrestre imos necesitar expertos en linguas é algo que nin o Ministro de Educación podería negar.

2. Protagonista feminina. E bastante alonxada de estereotipos. Non aparece sexualizada nin se pon en cuestión a súa capacidade psicomotriz, pode subir e baixar soa da nave e toma decisións autonomamente. Se vos parece que isto segundo é pouco relevante, revisade media ducia de filmes ao azar e despois contádesme.

3. Os aliens. Ainda que aparecen envoltos nunha néboa branca, que supoñemos que é a súa atmosfera nativa, non nos furtan ver ao becho, violando unha das regras da sci-fi de extraterrestres: non ensinar moito ao becho. Aquí vémolos dende o principio, e a pesar de resultar bastante ameazadores e non ter rostro, acabamos empatizando con eles, e dános pena que marchen.

4. Todo o relacionado coa gravidade. Os aliens claramente teñen unha tecnoloxía capaz de modificar o campo gravitatorio, para crear unha gravidade inversa dentro da nave e unha situación antigravitatoria no exterior, o cal tamén explica por que a nave non ten unha forma nin sequera lonxanamente aerodinámica. Punto positivo para os asesores cientificos.

5. A lingua dos extraterrestres. Dado que a película vai sobre o proceso de tradución da lingua dos extraterrestres, este aspecto tiña que estar ben coidado e resolto para que resultara crible e atractivo. Os aliens producen unhas fermosas grafías circulares coa tinta que segregan (á fin e ao cabo son unha especie de chocos ou luras) que flotan na súa atmosfera leitosa. Visualmente precioso e moi, moi estraño.

Puntos en contra

1. A historia da nena morta, en xeral. Non achega nada á trama, non debuxa tampouco máis finamente á personaxe e semella un pegote para vender mellor un filme sobre filólogos cun engado sentimental. Ademais, a pesar de que a nena é filla de ambos protagonistas, queda claro que o conflito só o ten a personaxe feminina, nun novo capítulo de: “imos ser feministas, pero sen pasarnos”.

2. O problema que teñen os guionistas coa maternidade. Por moi ben que lles quede unha personaxe feminina, non poden resistirse a introducir este elemento. Deben de pensar que descifrar unha lingua extraterrestre e salvar o planeta non é unha motivación suficientemente poderosa para unha muller, e non vai ser crible para o público. As mulleres, parecen dicirse a si mesmos, só actúan movidas polo impulso biolóxico ineludible de empreñar. Se non, ninguén se vai tragar esta personaxe. Pensando en títulos recentes, Prometheus e Gravity tamén introducen subtramas nas que as protagonistas femininas arrastran traumas coa maternidade.

3. O problema do tempo. Aquí ven o spoiler máis gordo de todos, pero se estades lendo a estas alturas, estavos ben empregado. A pesar de que a sorpresa final é moi eficaz, bótase en falta un pouco máis de soporte que a teoría de que, aprendendo a lingua dos extraterrestres, pódese coñecer o futuro. Semella que os guionistas entenderon mal aquela máxima de que a nosa lingua determina a nosa percepción do mundo, o cal funciona para os famosos (e falsos) 16 tons de branco dos inuit, pero non fai que, por moito que teñemos unha palabra para nomealo, sexamos quen de ver o espectro ultravioleta. Pola mesma, que os aliens teñen unha percepción do tempo diferente á nosa non modifica a natureza física do espazo-tempo. Podería polo menos introducirse unha liña de guión con algunha coartada clásica (saltos no tempo, universos paralelos…) que explique que os aliens poidan ter coñecementos sobre o noso futuro, sen que a trama perda nada e facéndoo un chisco máis consistente. E eliminando a subtrama maternidade/nena morta, por favor.

Aínda así, e aínda que se me fixéchedes caso ninguén que non a vise debera estar a ler isto, continúa a ser un filme a recomendar, tanto polo aspecto visual como pola historia que propón. En todo caso, só por ser a única superprodución Hollywood na que se menciona Galiza, xa valería a pena.

Cita con Rama

Cita con Rama

Leis de Clarke

1. Cando un científico eminente pero ancián afirma que algo é posible, case seguro que ten razón. Cando afirma que algo é imposible, moi probablemente estea errado.
2. O único xeito de descubrir os límites do posible é aventurarse un pouco máis aló, cara ao imposible.
3. Toda tecnoloxía o suficientemente avanzada é indistingible da maxia

Se tres leis foron suficientes para Newton, modestamente decido parar aquí.

Profiles of the future,  Arthur C. Clarke, 1973 (ed. revisada)

Ser piloto da RAF, descubir a órbita xeoestacionaria, e que lle poñan o teu nome a un asteroide e a un dinosauro xa sería suficiente para considerar que tiveches unha vida do máis intensa e interesante. Pero se ademais resulta que escribiches ducias de novelas de ciencia ficción, e entre esas novelas están 2001: Unha odisea no espazo, e Cita con Rama, só podes ser Arthur C. Clarke.

Este verán relín 2001, que no seu momento me parecera menos impactante que a película, e descubrín un novo gusto por ela. O filme e a novela, escritos simultaneamente (non é un filme baseado nunha novela, como puidera parecer. Son dúas obras independentes baseadas na mesma idea), funcionan como unha historia clásica de ciencia ficción (a nave, o robot, os extraterrestres…) e a súa imaxe reflectida nun espello deformante. Todo aquilo que a pelicula ten de suxerente, impresionista e inquedante queda perfectamente clarificado e resolto na obra literaria, que aínda así resulta terrorífica, aínda que por outros motivos. Todo aquel que se pregunte que quere dicir 2001, o filme de Kubrick, non ten máis que ler a novela de Clarke para obter unha idea completa dos acontecementos que se narran. Iso si, non terá a experiencia íntegra a menos que vexa tamén a película.

Hoxe, porén, quería falar de Cita con Rama, a que foi durante moito tempo a miña novela favorita de ciencia ficción. Cita con Rama é o exemplo paradigmático de hard sci-fi: ciencia ficción “dura”, na que o progreso tecnolóxico xoga un papel fundamental. O inicio é sinxelo e case tópico: un asteroide descoñecido achégase á Terra e cando está o suficientemente próximo resulta ser unha xigantesca nave espacial. A civilización humana, que nese momento goza dun estado de paz mundial e colonizou os demais planetas do sistema solar, envía unha nave con tres cosmonautas para explorar este mundo en miniatura.

Spoiler: durante toda a novela, non se produce ningún contacto cos ramáns, os enxeñeiros da nave-mundo. A narración xira en torno a como se produce a gravidade artificial necesaria, a forma do océano interior, e as deducións sobre a natureza da especie extraterrestre a partir da súa tecnoloxía e a que debe ser a súa máxima expresión nesa Arca de Noé intergaláctica. Por outra banda, mediante a exploración deste obxecto, imos sabendo tamén cal foi a evolución da nosa propia civilización. Se en 2001: Unha odisea no espazo, a tecnoloxía figura en primeiro plano, pero a estrutura social semella tirada de Mad Men (os cosmonautas, dirixentes e científicos son homes, que deixan as súas familias na terra, e as mulleres son esposas, azafatas ou taquígrafas, unha organización que xa era anacrónica no ano 2001 real) en Cita con Rama é obvio que o cambio tecnolóxico tivo que producir tamén cambios sociais. As relacións humanas, os xeitos de organización social nun sistema solar completamente habitado, a medicina e incluso as relixións, sufren un cambio dramático, que imos descubrindo a medida que os científicos da misión Rama (dous homes e unha muller) exploran o asteroide artificial.

A ciencia ficción é perfecta para plasmar os nosos medos e as nosas ansiedades con respecto do futuro, a tecnoloxía e a sociedade, e tamén sobre o descoñecido, os outros, o exterior. Pero hai que ser un xenio como Arthur C. Clarke para saber transmitir o que ten o futuro de inquedante, pero tamén de luminoso e esperanzador.

Imaxe: Space Colony. Rick Guidice, NASA Ames Research Center. Public domain.