O tempo fantástico dos átomos e dos segundos
Na década de 1910, Jaques-Henry Latrigue, un neno da burguesía francesa, recibe como agasallo de aniversario a súa primeira cámara fotográfica, un estravagante obxecto de luxo, e dende entón pasa a fotografar incansablemene todo o que o rodea. Non moi lonxe, en Berna, un escuro empregado de patentes pon patas arriba as leis do tempo e o espazo. En Viena, un neurólogo discípulo de Charcot crea un escándalo ao afirmar que non somos donos da nosa propia mente. Henry Ford fabrica o Ford T, que se vende ao incriblemente asequible prezo de 825 dólares.
Latrigue non se diferenciaba moito de calquera outro neno da clase alta do momento, pero resultou unha testemuña excepcional dun momento igualmente excepcional, e utilizou un enxeño técnico incriblemente axeitado: a instantánea. Deixou constancia dun intre no tempo no que o mundo cambiaba para sempre, e fíxoo capturando, ao mesmo tempo, a inmediatez e o movemento.
As ideas sobre o tempo, a luz, a distancia e a velocidade tiñan que ser urxentemente revisadas e, de xeito intuitivo, foi o que Latrigue fixo coa súa cámara. Non é casual que os motivos escollidos sexan os coches, símbolo por excelencia da modernidade, pero tamén os reflexos e as composicións nas que conxela instantes case que inapreciables pola súa fugacidade.
Non só iso. Capturou un mundo feliz, sereno e sempre igual a si mesmo, pero na necesidade de deixar constancia tamén espreita a inminente destrucción que, aínda que Jaques non o sabía, xa pesaba no ambiente. Non moito despois, o neurólogo escapaba a Inglaterra, gravemente enfermo, e o empregado da oficina de patentes, convertido xa no mais famoso científico da historia, exiliábase tamén. Pero esa calma que precede á tormenta foi, por un intre, o tempo fantástico dos átomos e os segundos.