Por que divulgar
Hoxe emitiuse en Radio Galega a miña colaboración co programa de divulgación científica Efervesciencia, cos incribles Manuel Vicente e César Goldi. Falamos de psiquiatría e antipsiquiatría, de jazz e de cinema, así que creo que o programa mola bastante. Ademais, puxéronme xusto despois de Luís Sampedro, que fala da súa viaxe á Antártida.
Facendo auténtica arqueoloxía de internet, recuperaron un artigo meu en Cianuro nas Mazás sobre patoloxía neuropsiquiátrica en músicos de jazz, que xa tiña case esquecido. Nel, un neurólogo fai un percorrido pola vida de varios dos máis coñecidos intérpretes e autores da era dourada do jazz. Un artigo ameno, para público xeral, bastante alonxado do resto da súa produción, que conta con títulos tan trepidantes como Current and Emerging Potential of Magnetoencephalography in the Detection and Localization of High-Frequency Oscillations in Epilepsy. E moitos outros. Por que facemos divulgación? Por que Philip Pearl, que publica en Epilepsy Research, ou eu mesma, que vexo vinte pacientes ao día, decidimos dedicar parte do noso tempo á divulgación, e non ao pádel?
Programas como Efervesciencia, e iniciativas como Escépticos no Pub, Regueifas da Ciencia ou C4 Carral e Pint of Science, que aglutinan a diferentes profesionais en activo con interese pola divulgación, cumpren un papel esencial na creación de cultura científica. A ciencia ten un discurso técnico e hiperespecializado, dixirido a outros cientificos, e isto é necesario e natural, igual que o mecánico fala do carburador ou a miña perruqueira dime (cada vez que vou) que teño freezing. Pero máis aló diso, temos a responsabilidade de crear tamén discurso dirixido ao público non especializado, que consume, vota, come ou fai uso da sanidade pública e precisa coñecemento científico para facelo de xeito informado. Crer que a ciencia só interesa aos científicos é un erro no que non podemos caer, nunha sociedade profundamente complexa e tecnolóxica, na que moitas das nosas decisións dependen de cuestións científico-técnicas. Os científicos e os técnicos temos a responsabilidade de facer ciencia, si, pero tamén de difundir o seu coñecemento entre as persoas que, en última instancia poden beneficiarse delas, é dicir, todos e todas nós.