Navegación por
Etiqueta: Esquizofrenia

Do The Evolution

Do The Evolution

O outro día tiven a oportunidade de escoitar unha conferencia sobre psiquiatría evolutiva que me fixo ter como unha especie de pequeno terremoto neuronal. Namentres un dos poñentes quedaba bloqueado en Londres polas cinzas dun volcán, unha amiga perdía un vo a Praga pola mesma razón e unha decena de manifestantes berraban “psiquiatría, asasinos” (?), con todo este panorama apocalíptico, eu reflexionaba sobre a evolución, a linguaxe e a tolemia.

A tese básica era que, sendo a psicose un padecemento basicamente humano, ten que estar relacionado cunha capacidade especificamente humana, en concreto a linguaxe simbólica. Aínda que todos os animais teñen formas de comunicación, e aceptando que todo é un continuum e que probablemente os grandes simios e os elefantes tamén posúan certa clase de linguaxe simbólica, no ser humano isto é unha habilidade básica, hipertrofiada e esencial para conformarnos como a especie que somos.

Eu sempre pensara na evolución humana mais ou menos na seguinte secuencia: deforestación, bipedestacion, mans libres, manipulación de obxectos, linguaxe e autoconciencia. Por esa orde. Pero o que se propuxo o outro día era unha inversión case total deses termos, así: deforestación, gregarismo, aumento da complexidade das relación, necesidades comunicativas novas, linguaxe, capacidade simbólica, manipulación de obxectos. Ou noutras palabras, que o verdadeiro motor da evolución humana non foi a posibilidade de fabricar ferramentas, senón que ésta xurdiu da posibilidade do pensamento abstracto (fago A, que non me é inmediatamente útil, para conseguir B) dada á súa vez pola linguaxe complexa.

E onde encaixa a psicose en todo isto? Pois porque un cerebro grande, hipertrofiado e hipercomplexo tamén ten mais posibilidade de erro. Seria a psicose unha sorte de exceso de simbolismo? Un ver símbolos onde non os hai? Unha hiperinterpretación? Ou pola contra, unha incapacidade de desentrañar a complexidade das relacións, da linguaxe, de xeito que todo se volve escuro e ameazante?


P.D: non me puiden resistir a poñer o vídeo…