Navegación por
Etiqueta: febre tifoidea

Mary a Tifoidea

Mary a Tifoidea

Se credes que o estades a pasar mal co do confinamento, é o momento de lembrar a arrepiante historia de Mary Mallon, alias Mary a Tifoidea.

A febre tifoidea é unha enfermidade coa que xa ningún de nós estamos familiarizados, grazas ás medidas hixiénicas e de saneamento de augas. Isto sucede porque se trata dunha enfermidade que se transmite cando os produtos fecais entran en contacto coa comida ou a auga que inxerimos, e isto pode darse de diversos xeitos: porque as augas non estean correctamente tratadas e as residuais se mesturen coas de bebida, por unha escasa hixiene na preparación e manipulación de alimentos, ou por medio de moscas e outros insectos que transmitan a bacteria entre as feces e a comida. Superagradable todo, seino. Pero se pensades nun escenario de calquera barrio pobre do século XIX, xa non digamos actualmente en moitas área do planeta, veredes que calquera desas opcións era a cotiandade máis inmediata. A febre tifoidea é a principal sospeitosa de causar a grande epidemia de Atenas do 430 a.e.c., na que faleceu Pericles, e que se considera a fin da época clásica.

Na Europa e nos Estados Unidos do século XIX era unha epidemia en toda regra. Sen antibióticos, sen vacina e cunhas medidas de hixiene máis que cuestionables, un foco podía matar a moitas persoas se non se controlaba a tempo. Sabíase que a bacteria que a ocasionaba era a salmonella typhi, e que as persoas infectadas podían contaxiala, polo que un dos poucos medios para evitar que se estendera era o illamento dos pacientes.

Bacteria Salmonella Typhi

Mary Mallon era unha cociñeira norirlandesa que emigrou a Norteamérica e traballou en casas particulares na primeira década do século XX. Aínda que Mary non presentaba síntomas, cada unha das familias para as que traballou padeceron casos de febre tifoidea. Mary foi cambiando de emprego, sempre como cociñeira, ata que unha das familias contratou un investigador privado para descubrir quen podía ser o vector. Este primitivo epidemiólogo logrou localizar a Mallon, supoñemos que seguindo o rastro de morte e enfermidade que esta deixaba. O concepto de portadora asintomática aínda non se coñecía e realmente é bastante sorprendente: a bacteria podía persistir no seu organismo, burlando o sistema inmunitario, pero ao mesmo tempo non provocarlle a enfermidade.

Mary no seu confinamento

Quen realmente estaba detrás desta investigación era a médica Sarah Baker, especializada no que hoxe chamariamos saúde pública, que dedicou a súa carreira a mellorar as condicións hixiénicas nos barrios máis pobres e a promover medidas hixiénicas e de saúde entre os nenos. Foi a primeira muller en obter un título en saúde pública, e foi incluída como profesora na Escola de Medicina de Nova York só porque os responsables non atoparon un home co mesmo currículo. Participou tamén na Primeira Guerra Mundial, pero o recoñecemento profesional e a sona chegáronlle polo caso de Mary a Tifoidea.

A doutora Sarah Baker. Epidemióloga, heroína, icona de estilo, diva LGBTI.

Mary foi illada nun hospital, pero emprendeu unha batalla legal para que se lle levantase o confinamento, alegando que non cometera ningún delito. Obviamente, Mary non era responsable de ser portadora nin podía tampouco ofrecérselle ningún tratamento erradicador. Finalmente, gañou o caso e foi posta en liberdade a condición de cambiar de ocupación.

Se ben durante uns anos traballou nunha lavandería, posteriormente cambiou de nome para volver traballar como cociñeira, desencadeando un novo ciclo de enfermidades. Isto pode parecernos unha completa irresponsabilidade pola súa parte, pero non convén perder de vista as tremendamente precarias condicións ás que se enfrontaba a clase traballadora, con salarios en moitas ocasións de miseria. Sexa como for, Mary foi localizada de novo e posta en illamento en North Brother Island, onde permaneceu durante 29 anos, ata o día da súa morte. Así que se a corentena se vos fai longa, pensade en Mary.