Navegación por
Etiqueta: Filosofía da ciencia

Vintage só en moda, por favor

Vintage só en moda, por favor

E aínda así, con coidado. Hai uns días, alguén fíxome notar que nunca escribira no blog sobre a enfermidade mental. En concreto, sobre as bases biolóxicas da esquizofrenia, que tanto están dando que falar ultimamente. “Ben, nunca escribín porque é algo obvio, non?”, contestei. Pois parece que non. Facendo memoria, ocórrenseme varios exemplos de libros ou artigos deste ano que continúan a repetir teses dos anos setenta.

A min gústame o retro como a que máis. Gústame Jane Austen, Sherlock Holmes, os chalecos, as chisteras e os reloxos de peto. O stempunk e Dickens. Mola. Pero en ciencia, o antigo non só non é mellor senón que é claramente peor. Mal. Caca. Non podes citar un traballo de hai corenta anos e quedar tan ancha/ancho. Por que? Porque todo avanza a un ritmo absolutamente vertixinoso, e corenta anos noutro eido poden non ser moito, pero no coñecemento científico e máis ou menos como se falas da teoría dos humores.

Explícome: non é que o coñecemento acadado no pasado non teña valor (a teoría da Evolución enunciouse hai máis de cen anos e aí está) pero cada década trae tal avalancha de novos datos que é moi probable que sexa inexacto ou que xa estea superado. Se non é así, perfecto, nese caso haberá novos datos que o confirmen.

No caso concreto da enfermidade mental grave (esquizofrenia, trastorno bipolar, trastornos do espectro autista…) o grande salto foi o Proxecto Xenoma Humano. Dende entón, nada volveu ser o mesmo, e ideas que previamente eran só hipóteses, contrapostas a outras hipóteses diferentes, acharon confirmación. Centrándonos na esquizofrenia, existen un conxunto de xenes implicados na súa xénese, cun patrón de herdanza probablemente multixénica (con multitude de xenes implicados, como a diabetes ou o Alzheimer, por exemplo) dos que aínda non coñecemos en profundidade o seu funcionamento. Pero que existan lagoas no coñecemento científico non significa que non saibamos nada. Sabemos que existe unha base xenética, que está afectado o neurodesenvolvemento e que se herda. Xa é moito saber!

Porén, continúan repetíndose unha e mil veces ideas tomadas do movemento da antipsiquiatría, como que os afectos destas enfermidades son en realidade disidentes sociais, persoas que sinxelamente non encaixan na norma social dominante, pero que non lles pasa nada. Non lles pasa nada no cerebro, implicitamente. Vaia por diante o meu respecto ao que significou a antipsiquiatría (moitos deles psiquiatras en exercicio) como movemento en favor dos dereitos dos pacientes, da súa dignidade e da súa integración social. As bases morais das que parten son completamente defendibles tamén hoxe en día, pero as bases científicas estaban erradas. Non pasa nada, isto é ciencia, a xente equivócase, recoñéceo e sigue adiante. Pero neste caso concreto, as teses da antipsiquiatría deron o salto ao terreo da filosofía e do pensamento, e foron defendidas por autores multicitados, especialmente Foucault e Lacan. Ambos son fillos do seu tempo, e fan de altofalante ás ideas preponderantes na súa época, pero a súa época, por sorte, non é a nosa. Polo tanto, citar a Foucault para defender a orixe social da esquizofrenia é un completo anacronismo, o equivalente a citar a Tales de Mileto para defender que todo é auga.

Por que se repite unha e outra vez neste erro? A miña impresión é que os científicos pasamos mil de Foucault, en liñas xerais, e os humanistas non len Science. Unha vez máis, o desinterese noutras disciplinas que non sexan a propia xera monstros conceptuais. Que os científicos non lean filosofía é un problema grave, como defende razoablemente Mario Bunge, entre outros, pero non é menos grave que para escribir un traballo filosófico no que se vai facer mención á esquizofrenia a ninguén se lle ocorra a extravagante idea de mirar a ver que teñen que dicir as neurociencias ao respecto, e fique unicamente coa idea preponderante da filosofía de hai corenta anos.