Navegación por
Etiqueta: His Dark Materials

A Materia Escura ou a auténtica subversión: ciencia, ateísmo e steam punk.

A Materia Escura ou a auténtica subversión: ciencia, ateísmo e steam punk.

Para os que pensamos que o futuro da literatura galega está (tamén) na tradución, editoriais como Factoría K dannos agradables sorpresas. Polo pronto, eu papei a triloxía da Materia Escura en galego, o cal é unha agradable sorpresa para quen le maior e principalmente traducións.

Ter que ir buscar “A Materia Escura” á sección de literatura infantil e xuvenil, e que se compare coas Crónicas de Narnia significa que, ou ben alguén non leu os libros mais que pola contracapa, ou ben que a estratexia do autor funcionou: escribamos algo absolutamente prorrevolucionario e subversivo, engadamos despois animaliños que falan para despistar e… voilá! Pasará por libro infantil e chegaremos a milleiros de adolescentes ávidos de ideas para os que non se escriben libros de filosofía.

Porque a Materia Escura son, antes ca ningunha outra cousa, novelas de tese. E a tese é bastante explícita dende o segundo volume (supoño que por iso non fixeron as outras partes do filme). Sen facer spoiler, e resumindo: a relixión debe ser eliminada, se é preciso pola forza, se o ser humano quere ser verdadeiramente libre e vivir conforme a súa natureza. Sen confundir o de “natureza” con ningún tipo de paranoia biocrática ou heterocéntrica, porque para Pullman a natureza humana defínese como a autoconsciencia e a capacidade para explicar (e modificar) o mundo no que vivimos. A ciencia, nunha palabra.

Por iso a imaxinería steam punk está especialmente xustificada nesta saga, porque a tecnoloxía (zepelíns e luz eléctrica, pero tamén supercomputadores e ferramentas) tamén forma parte do que caracteriza ao ser humano, e será o que permita cambiar para sempre a nosa visión do mundo. Como dixo Bakunin, “se Deus existise, tería que ser destruído”.