Navegación por
Etiqueta: internet

Enfermidades 2.0

Enfermidades 2.0

Esta semana tiven a sorte poder ver en Liverpool os Guerreiros de Terracota, nunha impresionante exposición de varias pezas do xacemento. Ademais do espectaculares que resultan os propios guerreiros, a montaxe da exposición daba moita información complementaria sobre a época, as crenzas e a cultura que xeraron en última instancia semellante obra funeraria. Unha das crenzas dominantes na dinastía Qin era o confucionismo, a escola filosófica fundada por Confucio no século V a.e.c. Basicamente, Confucio opinaba que antes era mellor. Falamos do século V, ollo. Para a nosa visión contemporánea, non hai moito “antes” ca iso. Pois Confucio rosmaba sobre os camiños, as pontes, e esa xuventude descarada e sen valores que está sendo corrompida por tanto progreso, que agora vas dunha aldea a outra en dous días escasos de marcha, e iso é unha bacanal e un sindiós.


Cada vez que aparece un fito tecnolóxico notable, que inevitablemente cambia aspectos das nosas vidas, saen os confucionistas involuntarios advertindo que tanta ponte, tanto camiño e tanto sistema de postas non é natural e non trae máis que corrupción e inmoralidade. No momento que nos toca vivir, teríamos que cambiar postas por apps de mensaxería e inmoralidade por enfermidade, e xa temos o cadro completo.

Se facemos caso aos medios de comunicación, semella que os trastornos mentais aparecen como fungos á calor da modernidade, que é unha época de vicio e desmadre comparable ao que lle tocou vivir ao pobre Confucio. Non me refiro á incidencia de trastornos mentais reais e coñecidos, como depresións, o cal daría para outro artigo, senón á hiperpresenza de supostos diagnósticos, non recoñecidos polas clasificacións internacionais, dos que se culpabiliza directa ou indirectamente á modernidade: síndrome de Peter Pan, adicción a internet, nomofobia (medo a esquecer ou perder o móbil)… Case cada semana algún xornal enche espazo con calquera destas fantásticas entidades que ningún psiquiatra diagnostica.

Hai uns días @deborahciencia falaba tamén da suposta “adicción a internet” no seu blogue, un trastorno que non existe e que non ten criterios diagnósticos que o avalen. Podemos falar de mal uso das tecnoloxías, ou de problemas psíquicos que levan a un emprego da rede desadaptativo, pero non de adicción. Xa co DSM-5 na man dende hai dous anos, segue sen incluírse ningunha desas supostas enfermidades.

1. Adicción a internet: unha adicción é unha conduta compulsiva de busca dunha substancia ou, no caso do xogo, de unha actividade. Os criterios que deben cumprirse para falar de adición, son a presenza de tolerancia (necesidade de incrementar a dose para lograr a mesma gratificación) e abstinencia (malestar intenso se non se realiza). No caso do xogo patolóxico ou ludopatía, por comparalo cunha adición non relacionada con substancias, está claro que os xogadores incrementan tempo, gasto e senten un intenso malestar se non poden xogar. No caso de internet é así? As persoas que empregan moito tempo en internet xeralmente fano por motivos laborais ou de ocio moi diversos, polo que xa de entrada é complicado cuantificar o tempo que se invirte. Por exemplo: se leo online ou escoito música, iso conta como tempo “en internet”. Que actividade tería que realizar? Que tempo sería “excesivo”? Outra característica das adiccións é a inversión de tempo que realiza o adicto, en detrimento doutras actividades. Non se observa que o uso de internet vaia en detrimento doutras ocupacións, en todo caso existen actividades que antes se realizaban off-line que agora poden desenvolverse na rede.

2. Adicción aos videoxogos: un recente estudo desmonta a existencia deste trastorno, relacionando un uso excesivo (entendido como problemático para outras esferas da vida) con dificultades de socialización ou ansiedade, polo que sería máis ben un síntoma ca un trastorno. Por outro lado, incluso a xente que xoga durante moitas horas, diminúe o tempo de xogo se é necesario, e non teñen “síndrome de abstinencia”.

3. Nomofobia: poñerlle o sufixo “fobia” é un xeito de darlle a calquera cousa un aire “científico” e que pareza que é unha fobia de verdade. Pois non. Calquera de nós pode sentise incómodo se deixa o móbil na casa, ou se deixa a carteira, pero a definición de fobia é: un medo irracional e irresistible. Está claro que isto non pasa.

4. Binge watching: si, xa hai quen está a falar de adicción ás series, atribuíndolles as mesmas características que ao xogo patolóxico: necesidade de consumo, diminución da calidade das relacións sociais, etc. Coma sempre, nin é certo, nin se lle parece. Cando vemos unha serie “do tirón” non deixamos de ir traballar por vela, nin necesitamos ver cada vez máis capítulos para que resulte satisfactorio, nin temos “síndrome de abstinencia”.

Os que vivimos os 80 lembramos perfectamente como daquela se falaba de “adicción á televisión” ou incluso ao teléfono (!), cousas que agora nos parecen ridículas. Se queredes un consello, evitade facer o ridículo con estas novas supostas patoloxías, porque agora, a diferenza dos 80, queda todo en twitter.

Imaxe: Black Mirror S03E03 (Nosedive)