Navegación por
Etiqueta: Marilar Aleixandre

Libros de ciencia e viaxes

Libros de ciencia e viaxes

“Pola mañá cedo chegamos ao punto onde o canal Beagle se divide en dous brazos, e seguimos polo do norte. Aquí a paisaxe vólvese incluso máis espléndida ca antes”.

Charles Darwin, A viaxe do Beagle, 1839.

Ten sentido escribir un libro de viaxes en 2017? Hoxe que case todas nós coñecemos outros lugares máis ou menos distantes, e sobre todo, que a tecnoloxía nos permite coñecer case calquera lugar do planeta en tempo real, podería parecer que unha narración sobre lugares que se atopan a golpe de clic é superflua.

Xurxo Mariño conta en Terra: Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, un feito curioso sobre a selva amazónica: alí podes morrer de fame doadamente, no entorno con máis variedade animal e vexetal do mundo, se non sabes atopar alimento. As viaxes son un pouco o mesmo: dá igual canta variedade humana, natural ou arquitectónica te rodee, podes morrer figuradamente de fame se non sabes mirar. Todos coñecemos a alguén a quen as viaxes non parece que lle axudasen máis que a poñer selos no pasaporte.

No caso de Xurxo Mariño, é a súa mirada a que fai a viaxe, e poucas veces temos acceso ás reflexións dunha persoa que percorre o mundo e que o fai baixo o prisma do coñecemento cientifico. A deriva continental, a especiación, a vida vexetal e os diferentes climas son tratados, non como elementos meramente visuais, senón como o centro da propia viaxe e sobre os que se desenvolve un discurso moi alonxado do habitual ton descritivo ou evocador. Ao mesmo tempo que relata anécdotas e vivencias máis persoais, tamén explica detalladamente as bases de peculiaridades das paisaxes, da fauna ou da climatoloxía. Non hai chisco de romantización dunha experiencia que debeu ser fermosa pero tamén ás veces dura, como tamén se deixa entrever nas excelentes entrevistas para Praza e no blog da viaxe, Vagamundeando.

A viaxe de Charles Darwin no Beagle, entre 1831 e 1836, a grande aventura científica de viaxes. está tamén moi presente na crónica de Mariño. Neste caso, trátase dunha viaxe 2.0, con cámaras, tablet, GPS e redes sociais. Estou segura de que Darwin estaría encantado.

Para min, ler este Terra tivo extraño efecto: aprendendo sobre lugares nos que non estiven nunca, lembrei moi vivamente as lecturas de infancia e adolescencia que provocaron que quixera dedicarme, modestamente, á ciencia (ou polo menos a unha profesión técnica): A Orixe das Especies, Cosmos, A Expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre, eran todos, dun xeito ou doutro, libros de viaxes, que marcaron un determinado xeito de achegarse ao descoñecido.