Navegación por
Etiqueta: Medicaid

Achégase o Inverno (sanitario)

Achégase o Inverno (sanitario)

Chegan tempos escuros. Parece que nin sequera temos dereito a un malo como deus manda, un supervilán de verdade, un Sauron, un Voldemort, un Destrutor de Mundos. Non. O malo ao que nos toca enfrentarnos podería ser, no mellor dos casos, un malo de Batman, un personaxe ridículo que parece que leva un mapache morto na cabeza e representa o peor gusto dos novos ricos, aínda que a súa riqueza non sexa nova precisamente.

Un dos primeiros actos de Trump trala súa investidura foi dar os primeiros pasos necesarios para derogar a famosa Patient Protection and Affordable Care Act (PPACA), ou Obamacare, como é popularmente coñecida. Lonxe de insituír unha sanidade universal nin nada parecido, a PPACA o que fai é aumentar a cobertura sanitaria das persoas xubiladas (Medicare) ou sen recursos (Medicaid) para que máis persoas podan beneficiarse delas, e obrigar ás compañías aseguradoras (privadas) a non discriminar aos usuarios e non denegar coberturas.

Como nos afecta todo isto en Europa? Inmediatamente, de ningún xeito, pero coido que é interesante coñecer a situación dos Estados Unidos por dous motivos:

1. Os partidos conservadores europeos tratan de implantar sistemas sanitarios a imaxe e semellanza do estadounidense, aínda que en menor medida, o cal significa degradar a nosa cobertura universal.

2. Moitas das críticas que se lle fan ao noso sistema parten de ideas erróneas sobre o seu funcionamento que teñen a súa orixe en informacións que se refiren en realidade os sistema sanitario norteamericano.

Realmente están tan mal en Estados Unidos en materia de saúde? Para unha clínica, unha persoa que presta asistencia directamente a pacientes, o sistema sanitario ianqui é o peor dos mundos posibles, un pesadelo conceptual deseñado por un psicópata.

En primeiro lugar, o estado que máis gasta do mundo en sanidade nin se achega aos estándares europeos en canto a calidade asistencial, esperanza de vida media e por suposto cobertura sanitaria, nin tampouco en estado de saúde xeral da súa poboación. Polo tanto, ademais de inxusto e discriminatorio, é un sistema moi pouco eficiente. Os datos podedes velos con calquera busca en internet, pero a idea xeral é que cada euro investido parece render menos beneficio. Aquí tedes un gráfico coas cifras de esperanza de vida e gasto sanitario en distintos países, tirado de Xataka.com, onde tamén podedes atopar os datos numéricos de todo o que se comenta neste post.

Contrariamente ao que escoitamos cada día, a xestión privada NON É MÁIS EFICIENTE. Polo menos, non o é en saúde. Un sistema de saúde público e universal pode contratar servizos e mercar medicamentos, materiais e tecnoloxía a moito mellor prezo que unha entidade privada, por unha mera cuestión de volume. En EEUU, un cento de hospitais e de aseguradoras compiten nun mercado desregulado e teñen que contratar igualmente materiais e servizos coas grandes farmacéuticas, que obviamente marcan o paso. En Europa, en xeral, son os estados os que lles poñen límites (polo momento) ás grandes empresas, porque case a totalidade do gasto sanitario (e do beneficio para estas, polo tanto) vehicúlase a través da cobertura sanitaria estatal.

Dous exemplos da desregulación do mercadeo coa saúde das persoas que sempre me pareceron estremos son os seguintes: En EEUU é legal a publicidade directa de medicamentos. É dicir, hai anuncios de televisión e prensa de tratamentos con receita igual que aquí podemos velos de Frenadol ou Aspirina. Se non vos arrepía isto, imaxinádevos que mañá calquera paciente chegue e diga que el quere Plimperidona Marca Tal para a súa esquizofrenia paranoide, porque viu o anuncio na Fox e pareceulle que estaba moi ben. Se eu non llo prescribo, pode cambiar de especialista. Eu podo explicarlle que no seu caso concreto iría mellor Chimperidona Marca Patacual, pero el quere Plimeridona Tal, porque o viu no anuncio. Liberdade do paciente? Decisión informada? Non, puro márketin que limita e condiciona a prescrición e deixa de lado a evidencia científica. No noso sistema, a pesar de que as farmacéuticas poden tratar de facer certa presión por outros medios, é evidente que a liberdade do profesional para prescribir queda moito máis resgardada, e por outra banda é o estado quen controla que se comercializa e a que prezo, coas garantías que isto dá en canto a seguridade.

Outro exemplo. As empresas aseguradoras deciden as pólizas que lles ofrecen aos seus asegurados sen ningún tipo de restrición, e poden decidir non asegurarte. Se es negro ou latino, por exemplo, podes ter que pagar máis, porque se presupón que vivirás nun ambiente máis desfavorecido e terás máis problemas de saúde. Se tes diabetes ou obesidade (EEUU, lembrades?) poden decidir non asegurarte. A lei tan absolutamente radical de Obama o que fixo foi unicamente limitar estes desmáns das aseguradoras e obrigalas a prestar cobertura a todos os clientes, e non aplicar discriminacións. Nin eliminou os seguros privados, nin creou un seguro estatal xeral, nin nada remotamente parecido. Un comunista radical, vamos.

O outro grande problema son os seguros estatais, Medicare e Medicaid, dos que falamos anteriormente. Podes ser pobre como unha rata e, aínda así, non ser o suficientemente pobre para que te cubra Medicaid, polo que existían arredor de 45 millóns de persoas sen dereito a asistencia sanitaria. Coa PPACA, aumentou o número de pacientes que se benefician de Medicaid, pero aínda así quedan fóra millóns de persoas. Por outra banda, tampouco é unha cobertura universal, e hai servizos de saúde que non prové.

Así que temos un gasto monstruoso en saúde que non parece beneficiar os cidadáns, unha batalla campal entre aseguradoras e farmacéuticas para facerse coa súa parte do pastel, e un panorama que combina centros punteiros e prohibitivos, por unha banda, con caridade e beneficencia digna dunha novela de Dickens, pola outra. A PPACA trataba de poñer un mínimo (moi mínimo, tampouco nos emocionemos) de xustiza social e sentido común nese desgoberno, pero aparentemente vai durar o que lle leve ao seu creador sacar das caixas as cousas da mudanza.

O noso sistema de saúde é imperfecto e ás veces desesperante, e as críticas construtivas son necesarias, pero convén ter ben presente cara onde nos queren levar, e como podemos facerlle fronte a esta tendencia. Temos un sistema incriblemente eficiente e socialmente xusto, a pesar das anomalías puntuais que poidan darse. O obxectivo non pode ser desmantelalo e substituílo por outro peor, máis caro e sobre todo máis inxusto.