Navegación por
Etiqueta: mitoloxía

Por que cremos en cousas raras (II): mito, metáfora e mentira

Por que cremos en cousas raras (II): mito, metáfora e mentira

Outra cuestión que se nos presenta frecuentemente é a da utilidade da crenza. Se a crenza falsa (relixiosa, supersticiosa ou sobrenatural) está presente en todas as sociedades humanas, debe servir para algo. Este “servir para” debería facer revolverse no seu asento a calquera darwinista de ben. O longo pescozo da xirafa “serve para” acadar as pólas máis altas? Iso soa a deseño intelixente ou o que é peor, a lamarckismo. En realidade, a maneira correcta de enfocalo é que as xirafas cos pescozos máis longos foron seleccionadas para sobrevivir. Non “serve para” nada. Co da crenza pode ser semellante. Pode ser que as crenzas non teñan unha “utilidade”, senón que máis ben doten dunha avantaxe ao individuo ou grupo de individuos que as xeneran.

1. Causalidade: COMO. Unha teoría ao respecto é que as crenzas responden á necesidade humana de atopar respostas. O noso cerebro funciona buscando causalidade, e cando non a atopa, invéntaa. En situacións nas que non existe posibilidade de achar a resposta real a certos fenómenos, os seres humanos inventan mitos acerca de deuses que provocan o raio, a chuvia ou fan medrar as colleitas. Buscan unha explicación causal, pero falsa. Dende este punto de vista, se a crenza tivo algún tipo de sentido evolutivo, hai xa tempo que o perdeu, porque xa non precisamos a Thor para explicar por que se produce o trono. Unha mágoa.

2. Causalidade: POR QUÉ. Hai outro tipo de relacións causais non tan obvias que teñen que ver, non con buscar unha relación errónea, senón con buscar causalidade alí onde non a hai. Podemos chegar a entender como se produce realmente o trono, pero nunca atoparemos unha resposta a por que lle pasan cousas malas ás persoas bóas. Ese tipo de causalidades, simplemente, non existen. Buscar un motivo en eventos aleatorios é moi propio do pensamento relixioso, e case todas as crenzas teñen as súas propias respostas. Nas relixións politeístas explícase moi ben polas liortas, alianzas e contraalianzas entre as distintas divinidades (a ofrenda que lle levaches a Afrodita era moito mellor que a de Artemis, hoxe non vas cazar nin un triste coello, pero vas ligar), pero no monoteísmo a cousa complícase. A teoloxía ten toda unha rama adicada ao “problema do mal” (se deus é bo, por que permite que sucedan cousas malas?) que trata de parchear con escaso éxito esta flagrante contradición. Polo tanto, neste segundo suposto, as crenzas poden ter unha utilidade, pero non soportan a proba do mínimo contraste lóxico.

3. DE CASUALIDADE: As crenzas aparecen como unha consecuencia aleatoria doutras características do cerebro humano que si son favorables evolutivamente. Particularmente, da linguaxe e da teoría da mente. A linguaxe fai posible que transmitamos unha grande cantidade de información entre individuos, sen que sexa necesario que cada un deles chegue por si mesmo a certa conclusión. Se un individuo atopa caza e o comunica, todo o grupo posúe esa información. Para que isto suceda, e necesario que o resto “crea” a información que se lle transmite. Polo tanto, a utilidade da crenza, entendida como dar algo por certo sen necesidade de comprobalo persoalmente, é evidente. Claro que isto pode dar lugar, nun segundo paso, a que asumamos como certas cousas que non o son, con tal de que teñan algunha avantaxe para o grupo, en termos de cohesión, identidade ou seguridade. Tamén se pode dar que, no medio de algún conxunto de regras míticas máis ou menos arbitrarias, exista unha delas que confire avantaxes, como por exemplo algunhas prohibicións alimentares. Dado que as persoas que forman esa comunidade non teñen xeito de saber cal é a norma que lles beneficia, todo o conxunto se perpetuará, e ademais daráselle unha explicación sobrenatural. Científicos como Stephen Jay Gould avogaban por esta última explicación, a crenza irracional como un subproduto (indesexado) da linguaxe e, secundariamente, da teoría da mente.

4. FAIME CASO: O último (e peor) motivo para crer é o medo. Se é certo que as crenzas irracionais están presentes en todas as épocas e culturas, non o é menos que tamén sempre serviron para atemorizar, controlar e manter un determinado (e inxusto) status quo. As relixións monoteístas e as súas leis salvaxes son as que nos quedan máis preto, pero o aparentemente inofensivo budismo tamén se empregou para someter e explotar poboacións enteiras, por non falar da pintoresca relixión hindú e o seu divertido sistema de castas. Aínda que non fose así, as relixións en tanto organización fomentan un tipo de pensamento pouco crítico e pouco orixinal, e reprimen, incluso fisicamente, a disensión.

En calquera caso, aínda que poidamos atopar unha utilidade positiva de determinada crenza, isto non afectaría á súa veracidade. Podes crer o maior disparate polos mellores motivos, e que ademais crelo sexa moi positivo para ti, e seguirá sendo falso.

Imaxe: Leda e o Cisne, de Antonio da Correggio. Cousas moi, pero que moi raras… Ou era unha pomba?