Cerebro adolescente
Estou metida nunha lea que implica ir de xira por institutos e falar con moitos rapaces, e está a resultar unha experiencia divertidísima e moi estimulante, da que estou aprendendo un montón, pero cando o conto, a reacción case unánime é algo así como: “uf, adolescentes!”. Parece que estou contando que me apuntei voluntariamente para que me meteran nun tanque con escorpións, tipo Houdini.
Lembrades como erades vós mesmos con 15, 16, 17 anos? Eu recórdoo perfectamente, e por unha banda identifico completamente a miña personalidade e as miñas aspiracións naquela época, pero por outra teño a impresión de ser unha persoa completamente diferente. Esa vivencia debeu inspirar con facilidade mitos como o de Perséfone, a doncela infantil e ao mesmo tempo superpoderosa (e escurísima) deusa do inframundo. Ou as triplas deusas do norte de Europa, moza, muller e vella. Nos mitos clásicos, a figura do adolescente, ou da persoa que se atopa na transición entre a infancia e a idade adulta, sempre aparece rodeada dun halo case máxico, como máxicos debían de parecer os cambios tan rápidos que se operaban nesas etapas para as sociedades precientíficas.
O caso é que non é maxia, aínda que o pareza, e o cerebro adolescente experimenta unha serie de cambios relativamente bruscos e universais, que explican esta sensación de estrañamento que teñen algúns adultos ao tratar con eles, e que podemos ter nós mesmos ao lembrar esa etapa das nosas vidas. “Con 15 anos vólveste idiota”. Pois non, queridiños, non te volves idiota. Tampouco deixas de selo cando cumpres 30. O que pasa é que os cerebros de 15 anos non funcionan igual que os de 30. Por exemplo, a cortiza prefrontal, a parte do cerebro responsable da planificación e o control de impulsos, situada sobre os ollos, non está aínda completamente desenvolvida. Polo tanto, é difícil que unha persoa desa idade sexa quen de prever consecuencias ou facer planos a longo prazo coa mesma eficacia que alguén de máis idade. Por outra banda, ten lugar un proceso chamado “poda neuronal”, que como o seu propio nome indica, consiste nunha morte programada (apoptose) de certo número de neuronas, para permitir que as restantes establezan conexións máis eficaces. Se o queremos ver así, o cerebro infantil acumula información, pero na adolescencia comeza a organizala.
Outra característica desta fase é a mellora das conexións entre a amígdala, a área do cerebro responsable das emocións, e a cortiza prefrontal. Moitas veces achácase aos adolescentes que son ao mesmo tempo adultos intelectualmente pero infantís no plano emocional. Isto explícase porque ambas áreas están aínda en proceso de integración, e polo tanto a capacidade de manexo emocional non é aínda tan boa como o será despois (tamén hai moitos adultos que non lidan ben con estados emocionais intensos).
Ademais, toda a arquitectura de neurotransmisores cambia, e aumentan os que teñen que ver coa actividade, iniciativa e impulsividade, porque os adolescentes deben, dende o punto de vista evolutivo, comezar a facer cousas que non facían na infancia. O repertorio de novos comportamentos debe aumentar vertixinosamente para que o individuo madure e busque o seu lugar social (ás veces coa oposición, frontal e desesperada, dos pais) e isto conséguese a base de ensaio e erro, impulsado por uns circuítos de recompensa (as áreas do cerebro que fan que busquemos actividades satisfactorias e agradables) hiperactivados.
Todo isto tamén me fai pensar en que lles estamos pedindo a cerebros aínda inmaturos. Suponse que son anos nos que teñen que tomar decisións que van marcar o seu futuro por completo, como que estudar, ou se comezar a traballar. Por unha banda, os adultos continuamente repetimos a mensaxe de que son inmaturos, incapaces, impulsivos e desastres en xeral, que non saben gobernar a súa vida, pero despois queixámonos cando non son quen de tomar decisións importantísimas e con moitas repercusións, cousa, por certo, na que os adultos tampouco somos o que se di uns expertos. Teñen que explorar, probar e equivocarse, e dicímoslles continuamente que o fan mal. Que van á toa, que non son consistentes. Teñen que diferenciarse e construírse, e pretendemos que se comporten como nenos ou coma adultos, segundo nos convén en cada momento. Todo, menos recoñecer as particularidades destas etapas, e tamén as cousas boas que teñen, e que non está tan presentes noutros momentos da vida. A enerxía, o entusiasmo, a potencialidade, a espontaneidade. Non será que temos un chisquiño de envexa, un chisco só, cando dicimos o de “uf, adolescentes”?
Imaxe: The Fate os Persephone. Walter Crane, 1877.