Navegación por
Etiqueta: prións

Organismos no límite da vida

Organismos no límite da vida

A versión reducida deste artigo foi publicada na miña columna Po de Estrelas, no diario Nós. Podes lela aquí.

Cando era estudante de medicina sucedeu a famosa crise das vacas tolas e os prións entraron nas nosas vidas. Ata o momento, as enfermidades priónicas só ocupaban unha nota ao pé no capítulo de enfermidades infecciosas, e só se daban nalgunhas tribos raras e pouco civilizadas que tiñan o curioso costume de honrar os seus defuntos coméndolles o cerebro. Lembro que ese ano houbo incluso unha palestra especial porque os mestres entenderon que as nosas familias ían preguntarnos e nós non tiñamos nin a máis remota idea de que ía aquilo. E así era.

Se os virus seguen a ser un enigma biolóxico, os prións son xa o seguinte nivel de dificultade conceptual. Os virus foron descubertos en 1884 polo biólogo ruso Dmitri Ivanovski, que estudou o virus do mosaico do tabaco. O seu descubrimento obrigou a reformular o concepto de ser vivo, porque estamos ante organismos acelulares, é dicir, que non posúen as estruturas propias dunha célula. Están formados unicamente por un recubrimento ou cápside que contén material xenético, ADN ou ARN. Isto fai que non teñan capacidade de reprodución autónoma e teñan que parasitar unha célula para replicar o seu ADN e crear novos individuos. Polo tanto, se un ser vivo é aquel que é quen de reproducirse, un virus é un ser vivo? Semella unha cuestión puramente conceptual, pero como veremos máis adiante, as implicacións son bastante prácticas.

Os virus son un misterio en todos os aspectos. Non queda claro tampouco se proceden de células que perderon progresivamente a maior parte das súas estruturas ata quedar reducidas aos mínimos compoñentes da vida (o material xenético), se evoluíron a partir de fragmentos de ADN “libres”, non confinados ao núcleo celular, ou ben se coevolucionaron ao mesmo tempo que as propias células. A idea dunha célula simplificándose ao máximo semella contraintuitiva porque tendemos a pensar que a evolución xera estruturas progresivamente máis complexas, pero non ten que ser necesariamente así. A selección natural favorece aos individuos mellor adaptados, con máis éxito reprodutivo, e a complexidade pode ser un arma de dobre fío. Que llo digan, se non, aos complexísmos e maxestosos dinosauros, que palmaron mentres sobrevivían as comparativamente simples pero indestructibles cascudas.

Se os virus son células reducidas á súa mínima expresión, é dicir, só material xenético, os prións son o summun daquela premisa da moda, o “menos é mais”. Son simplemente unha proteína, pero con capacidade para replicarse facendo que outras proteínas normais do organismo infectado adopten a súa mesma forma, converténdose así en novos prións. Dalgún xeito, crea proteínas zombies por simple contacto con elas. Os prións son os responsables da encefalopatía esponxiforme bovina e da enfermidade de Creutzfeldt-Jakob, a súa forma en humanos. Tamén do kuru, unha entidade moi semellante que se describiu nos nativos de Nova Guiné que comen os cerebros dos defuntos como parte do rito funerario. Para contraer a forma infecciosa das enfermidades priónicas (tamén hai unha forma xenética por mutación espontánea ou por herdanza) é necesario inxerir partes do sistema nervioso central do afectado, xa que é alí onde se localizan as proteínas priónicas. Daí aquel despropósito en plena emerxencias sanitaria das vacas tolas sobre non comer ósos longos. Alguén cunha carteira ministerial confundiu medula ósea con medula espinal, cando é esta última a que forma parte do sistema nervioso e pode conter prións.

Tanto os virus como os prións son sempre, na nosa mente, os malos da película, aínda que hai moitos virus que infectan células sen causar ningún trastorno ou enfermidade. A súa sinxeleza fai que sexan moi difíciles de eliminar, porque a nosa estratexia pasa case sempre por atacar algún orgánulo celular, dos cales estes organismos carecen. Contra os virus, o método máis eficaz é a vacinación, ou en todo caso os antirretovirais, medicamentos que impiden que o virus logre replicar o seu material xenético. Contra os prións, polo momento, non existe tratamento algún, aínda que a investigación parece pasar tamén por fármacos que impidan que as proteínas priónicas “zombifiquen” proteínas normais.

Porén, estas estruturas aparentemente malignas tamén teñen as súas avantaxes e podemos aprender moito delas. Por exemplo, empregando a cápside dos virus para introducir outro tipo de cousas nas células. Poden ser medicamentos ou outro material xenético que nós escollamos e que modifique o ADN celular, se este padece algún defecto que poida producir unha enfermidade. Por outra banda, parece que os xenes que codifican as proteínas priónicas das formas non infecciosas están presentes en organismos sans sen crear ningunha alteración. A idea dunha proteína que poida alterar outras tamén semella prometedora a nivel terapéutico.

A natureza non é boa nin mala, aínda que ás veces poida parecernos innecesariamente retorcida e cruel. Simplemente é. Correspóndenos aos seres humanos observala, estudala e, chegado o caso, modificala no noso propio beneficio sen perder de vista que tamén formamos parte dela. Como dicía Carl Sagan, somos o xeito que ten o cosmos de entenderse a si mesmo.