Navegación por
Etiqueta: Proxecto Xenoma Humano

A foto 51

A foto 51

Se lle preguntamos a calquera persoa quen descubriu o ADN, por unanimidade a resposta será Watson e Crick, e posiblemente moita xente incluso saiba dicir que polo seu descubrimento recibiron o Nobel de Medicina en 1962. Porén, a verdadeira historia da dobre hélice inclúe a unha científica nova, unha foto roubada e un college que non permitía a entrada das mulleres na sala común cos seus compañeiros investigadores.

Rosalind Franklin tiña 31 anos cando entrou a traballar no King’s College de Londres, no equipo dirixido por Maurice Wilkins. Traballaba na técnica de difracción de raios X, que lle permitiría obter a imaxe da hélice de ADN coñecida como Foto 51, que confirmaba a súa estrutura helicoidal. Todas as informacións ao respecto fan fincapé no difícil carácter de Franklin (non quería levar café e madalenas aos seus colegas?) e á mala relación que mantiña con Wilkins (era un pouco quisquillosa e parecíalle mal que lle roubaran?) como un xeito de xustificación solapada do feito obxectivo: Franklin era unha investigadora brillante nunha institución fortemente machista, e Wilkins fixo un uso do traballo dela ilexítimo e desleal, que nunca acontecería de tratarse dun home, ao amosarlle a foto 51 a Watson sen o seu coñecemento.

Despois, todo se converte nun cúmulo de escusas de patacón para tapar o feito de que Watson e Crick pasasen a ser unha especie de Rolling Stones da ciencia e a Franklin non a coñezan nin no salón da súa casa: que se morreu moi nova e o Nobel só se outorga a persoas vivas, que se despois adicouse ao importante pero pouco vistoso campo da viroloxía (porque Wilkins ninguneouna sistematicamente ata expulsala do eido da investigación do ADN?), que se a súa carreira foi en realidade moi curta, xa que morreu traxicamente con só 37 anos dun cancro ocasionado probablemente pola radiación dos raios X cos que traballaba… O feito obxectivo é que, con Nobel ou sen el,calquera home que fixese un descubrimento comparable sería mundialmente coñecido e recoñecido, independentemente dos galardóns académicos que recibise. Nótese que estamos a falar da década dos 50 e 60, non do século XIX, e do King’s College de Cambridge, non dun escuro laboratorio privado nun rocho.

Se fose crente, que non o son, gustaríame poder imaxinara a Rosie á dereita de Marie Curie, indignadas ambas polo trato que aínda hoxe reciben as mulleres en moitos eidos da investigación, pero como penso que a única inmortalidade que podemos acadar é o recoñecemento póstumo do noso traballo, aquí deixo o meu pequeno gran de area á recuperación da obra e da memoria esquecida de Rosalind Franklin. E xa sabedes cal é a resposta correcta cando vos pregunten quen descubriu o ADN.