Navegación por
Etiqueta: Radiación

Hipersensibilidade electromagnética: por que o magnetismo non só non te mata, senón que lle debes a vida

Hipersensibilidade electromagnética: por que o magnetismo non só non te mata, senón que lle debes a vida

Hai crenzas máis disparatadas ca outras, e para ordealas teño unha escala mental entre o que me parece medianamente razoable e digno de ser explicado e aquilo que cae de cheo no terreo da irracionalidade. No top do irracional estaría todo o relacionado co esotérico/relixioso: aparicións marianas, milagres, poderes máxicos e adiviñatorios e mancias varias. Este tipo de crenzas desmíntense por si mesmas, e só se sosteñen por un esforzo intencional de crer contra toda evidencia. Por iso as relixións dan tanta importancia á fe. Discutir con alguén que cre na curación pola fe ou na resurrección é unha perda de tempo, porque non son atinguibles ao razoamento lóxico. As súas crenzas son manifestamente falsas, e o seu valor reside precisamente en que  non cumpren as regras do mundo natural.

Despois, de máis a menos chiflado, irían a crenza en fantasmas e outros fenómenos paranormais, a telequinese ou telepatía (que se tratou de comprobar cientificamente pero con resultado negativo, o cal faina xa máis falsable que as anteriores), nos OVNIS e nas visitas extraterrestres (non é fisicamente imposible, pero non está demostrado) e por último, nunha difusa zona gris, crenzas con respecto á saúde que poderían perfectamente ser certas (teñen forma de coñecemento científico e ás veces incluso se apoian con artigos ou documentos supostamente serios) pero que non o son. Neste último grupo poderían estar o colectivo antiantenas, a sensibilidade química múltiple, e a sensibilidade electromagnética. Todas elas apelan a fenómenos que existen na realidade, pero que non causan os efectos que se lles atribúen. Hoxe vou falar de electromagnetismo, por que é bo para ti e por que Magneto é o meu mutante favorito. E non, non é por Michael Fassbender.

En primeiro lugar, sen campo magnético terrestre estaríamos fritos. Literalmente. O campo magnético da Terra, xerado polo movemento do núcleo externo terrestre, que está formado por mineral de ferro fundido, crea un escudo protector arredor do planeta, ata máis de 500 km de altura, coñecido como magnetosfera. Esta capa protectora é a responsable de repeler a chuvia constante de radiación e raios cósmicos procedentes do vento solar, que de caer sobre a superficie terrestre convertirían o planeta nunha sorte de zona de exclusión de Chernóbil a escala global. O campo magnético terrestre tamén é o responsable do funcionamento dos compases e da capacidade de orientación de certos animais, como as pombas, que posúen órganos especiais con magnetita, que lles permite detectar a polaridade. Isto chámase magnetorrecepción.

Ata aquí, todo perfecto. Aparentemente, todo o relacionado co electomagnetismo é positivo, por non dicir vital. Pero poden existir efectos negativos dos campos magnéticos sobre a saúde? As persoas que din padecer hipersensibilidade electromagnética aseguran verse afectados polos campos magnéticos de orixe humana, como os que provocan os aparatos eléctricos. Afirman padecer toda unha serie de síntomas inespecíficos, como dores de cabeza, mareos, molestias musculares ou náuseas. O problema é que estes campos magnéticos, que existen realmente, son indistinguibles do campo magnético terrestre “natural”, polo que non habería ningún motivo para que as radiacións “artificiais” resulten daniñas e as creadas polo núcleo terrestre, un xigantesco electroimán, sexan inocuas. Ben, poderíamos pensar que os campos de orixe humana, sumadas ao campo magnético terrestre, supón “máis” electromagnetismo. Pero o campo magnético terrestre varía enormemente ao longo do tempo, e de feito era moito máis intenso no pasado que na actualidade (cando non existían campos artificiais). Por outra banda, os presuntos afectados non soportan un experimento dobre cego, e nos estudos controlados refiren síntomas ante campos magnéticos inexistentes (1). Ademais, os síntomas son indistinguibles dos provocados por outras moitas patoloxias, moitas delas psíquicas, e non dependen da carga magnética real, senón da percepción do suxeito de estar exposto a ela (2) (3). Por poñer un exemplo, os afectados reportan máis síntomas nunha cidade, xa que entenden que está cheo de campo “artificiais”, que nun entorno de apariencia natural, pero asentado nunha montaña cun alto contido ferroso. A postura da OMS ao respecto fala de efecto nocebo e sinala a terapia. psicolóxica, especialmente a cognitivo-condutual, como a que máis eficaz resulta(4).

É razoable preguntarse se un certo fenómeno físico pode ser nocivo para o ser humano. A radiación ionizante (radiactividade, raios X e Gamma) eran enerxías descoñecidas ata o século XX que resultaron ser potencialmente letais, polo tanto, a mesma dúbida pode trasladarse a outro tipo de enerxías. O que non é razoable é continuar a soster unha crenza a pesar de toda a evidencia en contra, simplemente por un prexuízo sobre as actividades do ser humano sobre o seu entorno. En realidade, todos os fenómenos físicos son naturais, porque de non selo, serían imposibles.

Bibliografía

1. Rubin GJ, Das Munshi J, Wessely S. Electromagnetic hypersensitivity: a systematic review of provocation studies. Psychosom Med. 2005 Apr;67(2):224–32.

2. Röösli M. Radiofrequency electromagnetic field exposure and non-specific symptoms of ill health: a systematic review. Environ Res. 2008 Jun;107(2):277–87.

3. Röösli M, Moser M, Baldinini Y, Meier M, Braun-Fahrländer C. Symptoms of ill health ascribed to electromagnetic field exposure–a questionnaire survey. Int J Hyg Environ Health. 2004 Feb;207(2):141–50.

4. Rubin GJ, Das Munshi J, Wessely S. A systematic review of treatments for electromagnetic hypersensitivity. Psychother Psychosom. 2006;75(1):12–8.