Navegación por
Etiqueta: Raíña Vermella

A Carreira da Raíña Vermella

A Carreira da Raíña Vermella

”I pictured to myself the Queen of Hearts as a sort of embodiment of ungovernable passion – a blind and aimless Fury.
The Red Queen I pictured as a Fury, but of another type; her passion must be cold and calm – she must be formal and strict, yet not unkindly; pedantic to the 10th degree, the concentrated essence of all governesses!”
— Lewis Carroll, in “Alice on the Stage”, 1887

Carroll xa tratou en vida de aclarar a confusión entre a Raíña Vermella e a Raíña de Corazóns, dous personaxes moi diferentes que as sucesivas adaptacións, interpretacións e reinterpretacións encargáronse de mesturar ata volver case imposible recoñecer as características presentes nas obras literarias.

A Través do Espello non é unha continuación do País das Marabillas, senón que, comezando xa dende a propia concepción da obra co xogo especular, pretende ser un reflexo invertido desta. O País das Marabillas comeza ao aire libre, nun prado primaveral. A Través do Espello arrinca no interior, nun salón fronte ao lume da cheminea no outono. O País das Marabillas segue a lóxica caótica e aleatoria dos soños, representada polo xogo azaroso dos naipes. A Través do Espello desenvólvese nun taboleiro de xadrez, e cada capítulo representa unha xogada rexida polas estritas normas dunha partida real, ata que Alicia acada o último escaque e é coroada á súa vez raíña.

Continuando con este mesmo paralelismo (Carroll non dá puntada sen fío) o reinado da Raíña de Corazóns é a terrorífica ditadura dunha psicópata que ordea execucións á menor provocación ou mesmo sen ela, guiada só polo seu propio capricho. Pinta de vermello as rosas brancas e xoga ao críquet con flamingos e ourizos, e compórtase en suma como unha lunática. A Raíña Vermella pretende ser xusto a imaxe oposta: unha gobernante ríxida e estricta que fai cumprir unhas normas estrañas, pero coherentes. A Raíña Vermella explícalle a Alicia cales son as regras que rexen no mundo do Espello, é dicir, como ten que moverse, como peón que é, para acadar o último escaque e ser coroada Raíña, e así gañar a partida.

Alicia extráñase de que, por moito que corran, sempre permanecen no mesmo sitio. “Que mundo máis lento o teu!”, replica a Raíña Vermella. “Aquí, para ficar no mesmo sitio, hai que correr todo o que unha poida! E se queres chegar a algún outro lugar, hai que correr o dobre!”.

Esta conversa aparentemente disparatada pero cunha curiosa coherencia interna (non por nada Carroll era matemático) dá nome á Hipótese da Raíña Vermella, enunciada en 1973 por Leigh Van Valen. Na natureza, di Van Valen, non é suficiente con adaptarse ao medio (correr todo canto unha poida) para sobrevivir, senón que é preciso ademais adaptarse continuamente ás modificacións seleccionadas nos competidores e depredadores (hai que correr o dobre!). O exemplo máis clásico é a carreira armamentística entre presas e depredadores: unha delicada gacela Thompson non só ten que adaptarse ao medio para sobrevivir, ser quen de conseguir suficiente enerxía, reproducirse máis e mellor que outras gacelas e resistir as enfermdiades e as secas, senón que ademáis debe evitar ser cazada polas leoas, desenvolvendo cada vez mellores recursos de camuflaxe, defensa ou fuxida, mentres que estas, pola súa banda, precisan ser cada vez máis rápidas, máis fortes e coordinarse mellor. Así, as leoas e as gacelas deben correr, non tanto como poidan (contra o medio) senón o dobre (tratando de superarse unhas ás outras).

Este blogue pretende, como a Raíña Vermella, explicar as extrañas pero marabillosas regras que gobernan, non só o mundo do Espello, senón tamén o mundo real. Ás veces poden parecer disparatadas, ou pode parecer que o mundo é caótico e desordeado, pero para iso está a ciencia: para explicarnos como chegar ao último escaque.