Navegación por
Etiqueta: satélite

A lúa das mulleres

A lúa das mulleres

Inflúe a lúa nos nacementos? Mesmo o persoal sanitario, tamén o encargado de obstetricia, respondería categoricamente SI a esta pregunta. É un dos mitos máis difundidos e máis firmemente mantidos arredor da lúa, incluso con variantes que asocian cada fase lunar a un tipo de parto (máis complicacións nunha ou outra fase, máis partos de nádegas…). Unha busca en internet coas palabras “parto” e “lúa” dan lugar a centos de resultados que referendan esta relación, algúns deles asinados por profesionais sanitarios. Que hai de real nesta crenza?

En primeiro lugar, de onde se orixina? O cerebro humano, como sempre digo, evoluíu para buscar correlacións, e este é o noso grade éxito como especie. Relacionar feitos en forma de causa-efecto permítenos formular hipóteses sobre o mundo que nos rodea, e aumentar o noso coñecemento. Pero o que de entrada pode parecernos a todas luces unha relación causal, non ten por que selo en realidade. A coincidencia na duración entre os ciclos lunares e os ciclos menstruais humanos é demasiado gorentosa como para non pensar que é a lúa a que crea o ciclo menstrual, e polo tanto goberna tamén a reprodución humana. Así, en moitas culturas precientíficas, a lúa pasou a ser o símbolo do feminino, e establecíase unha comparación entre as mulleres e os cambios no seu organismo e o aspecto do satélite. A deusa grega da caza e a lúa, Ártemis, tamén presidía os partos.

Curiosamente, calquera persoa que menstrúe sabe que as fases lunares non teñen que ver co momento da menstruación, que cada persoa ten o seu propio ciclo, de maior ou menor duración, e que o momento da menstruación non coincide cunha fase determinada. Ademais, hai outros factores moito menos cósmicos que poden modificala, como a ansiedade, as viaxes ou outros cambios nas nosas rutinas. Por outra banda, esta aparente coincidencia non é tal xa que a lúa posúe ciclos de 29 días, e non de 28, como se asocia ao ciclo menstrual feminino (de media). Outras especies animais posúen ciclos menstruais de moi diferente duración (as chimpancés, por falar de parentes próximas, menstrúan cada 37 días) o cal non tería sentido se fose a influencia lunar a responsable da duración dos ciclos.

Seguindo con esta premisa, supoñer que a lúa inflúe no momento do parto parece unha consecuencia lóxica, sostida por xeracións e xeracións de matronas e xinecólogas. Pero realmente a lúa chea fai que os partos se multipliquen? Unha vez máis, a simple observación non é suficiente, e precisamos o método científico para responder esta pregunta. En 2003, un grupo de matemáticos galegos estudou os datos de 45.000 nacementos producidos nos hospitais públicos, sen atopar unha maior proporción en ningunha das fases da lúa. A fortaleza deste estudo é a descomunal potencia estatística (moitísimos partos ao longo de anos) polo que a posibilidade de que os datos se distribúan así “por casualidade” é baixísima. A súa debilidade, como os propios autores sinalan, é que non diferenza partos inducidos dos naturais, nos que sería de esperar que o influxo lunar fose maior. Os problemas da ciencia, amigas, soluciónanse con máis ciencia, e tamén existen estudos que observan só os partos sen indución, e incluso que realizan a mesma observación e lugares como Namibia, no que o 95% dos partos se realizan sen intervención médica. Unha vez máis a relación entra maior número de partos e as fases lunares segue a ser nula.

Daquela, por que o propio persoal sanitario que atende partos repite unha e outra vez esta crenza falsa? É un erro cognitivo moi frecuente chamado nesgo de confirmación: se xa escoitamos esta lenda sanitaria (e seguro que o persoal máis veterano o comentará cos novos fichaxes o día 0 de traballo) tendemos a atender máis aos sucesos que a confirmen, creando unha falsa sensación de irrefutabilidade porque nós mesmas estabamos alí para comprobalo.

(1) Strolego, F., Gigli, C., Bugalho, A., 1991. Influenza delle fasi lunari sulla frequenza dei parti.Minerva Ginecologica 43, 359–363