Navegación por
Etiqueta: Sermos Galiza

A teteira do mestre reiki

A teteira do mestre reiki

Esta coñecida cita resume o argumento coñecido como “teteira de Russell”, enunciado polo filósofo Bertrand Russell para ilustrar o tipo de afirmacións que fai o pensamento relixioso, que frecuentemente conteñen en si mesmas a súa propia imposibilidade para ser refutadas. Outros dos meus exemplos favoritos disto mesmo son o Unicornio Rosa Invisible e o Monstro Voador de Espaguetti, adorado pola moi ancestral relixión (dende 2005) do pastafarismo.

Este tipo de afirmacións sorprendentes (deuses invisibles, resurreccións ou nacementos milagrosos) non son exclusivas do pensamento relixioso, senón que inunda o misterioso mundo das pseudociencias e ás veces ameaza con colarse pola porta traseira dos movementos de esquerdas, máis dispostos en principio a aceptar ideas novas. Pero como dixo Feynmann, hai que ter a mente aberta, pero non tanto como que che caia o cerebro. Que nun medio como Sermos Galiza apareza un artigo no semanario en papel, a toda páxina, e un artigo de opinión na edición web, sobre unha pseudociencia chamada reiki, resulta cando menos preocupante.

O pensamento de esquerdas debe ser aberto e non dogmático, pero tamén crítico e científico, exactamente o contrario do que representa o reiki: unha suposta “enerxía” que non só non se ve, senón que é imposible de medir ou detectar, que supostamente cura (o que, exactamente?) e que tanto vale para un roto como para un descosido, probablemente porque non vale para nada. Vou ordenar por puntos o argumentario, que manexa, para que sexa máis doado de seguir.

  1. Cremos noutras enerxías que non podemos ver, como a wifi (!) ou o electromagnetismo (dobre !). Efectivamente, a wifi non se ve. Ben, no meu portátil vese un simboliño que indica que está prendida, pero casualmente o simboliño só aparece cando a rede está prendida e nunca aparece cando está apagada. Casualmente tamén, só teño conexión a internet cando está prendida. No caso do electromagnetismo, non só se ve claramente se tes un imán, senón que a empregamos todos os días para mil cousas. Polo tanto, son enerxías que non se ven como a luz visible, pero que son medibles e detectables.

  2. A enerxía que mobiliza o reiki é unha enerxía descoñecida pola ciencia. Enerxías (ou forzas) hai catro: nuclear forte, nuclear feble, electromagnetismo e gravidade. Se alguén descubre unha quinta, debera ter un premio Nobel ou dous por iso.

  3. Cura. Non hai unha soa evidencia ao respecto. Se poñemos nun papel unha afirmación así (o papel terma do que lle poñan, diría a miña avoa) agardamos que vaia acompañado dalgunha referencia de estudos científicos metodoloxicamente ben realizados, o cal non aparece por ningures.

  4. Está aprobada pola OMS. Verdade a medias. Ou información manipulada. Existe un documento da OMS no que, no contexto de “manexo da dor e coidados paliativos en pacientes con VIH” mencionan “enfoques multidisciplinarios” como reiki e shiatsu. Paliativo. Non cura nada. Como moito funciona como placebo para a dor. Direi que a OMS, en documentos polo estilo, tamén recomenda meditación e obviamente ninguén pretende que cure nada, aínda que non dubido que mellore a ansiedade.

  5. É “alternativo”. Para min, alternativo é igual a privado. En tempos de recortes no Sistema Público de Saúde, este tipo de argumentos non fai máis que apoiar implicitamente a vontade da dereita de eliminar ou deixar reducidas á súa mínima expresión as prestacións da Sanidade Pública, a que pagamos tod@s, en favor de todo tipo de tratamentos privados e non contrastados.

Medios como Sermos, en xeral coidadosos e plurais nos seus contidos, permiten que se lles colen temas así porque están presentes no pensamento da esquerda, porque non somos críticas ao respecto e non estamos habituad@s a esixir probas e evidencia a quen defende unha idea. O pensamento crítico non se basea na fe, en “crer” ou “non crer” se non en afirmacións que se poden falsar e demostrar. Se non, non hai nada que nos diferencie do pensamento máxico-relixioso salvo en que isto semella máis exótico que ir ao Corpiño a que che impoña as mans o crego.