Alta mortalidade: as enfermidades infecciosas no boom das series
É un tópico falar da idade de ouro da ficción televisiva e das características das producións para este medio, moito máis ambiciosas en orzamentos, tramas e calidade que os produtos cos que medramos as persoas nacidas nos 80, os capítulos autoconclusivos (e repetitivos) de The A-Team ou McGuiver, aínda que existisen rara avis como Twin Peaks, que xa anunciaba o tipo de produtos audiovisuais que hoxe consumimos.
Ademais de ambigüidade moral e a complexidade psicolóxica, nas novas tramas estámonos habituando tamén a que ningún personaxe é imprescindible, e que debemos estar dispostos a sufrir a perda dos nosos heroes/viláns favoritos en calquera momento. Neste escenario de incertezas, aparece un aspecto da realidade que nunca ou case nunca aparecía na ficción tratado desta maneira: as enfermidades infecciosas.
Aínda que sabemos que a mortandade ata o século XIX era maioritariamente debida a virus e bacterias, existía unha regra non escrita na ficción que impedía representar esta realidade salvo que cumprise unha función dramática na trama, como por exemplo a tuberculose da Dama das Camelias, case unha metáfora do pecado. Era impensable que un protagonista heroico non morrese en batalla, senón meses despois, a consecuencia das súas feridas. Iso era o máis frecuente na realidade, pero raramente se nos presentaba na pantalla. Nas novas ficcións, a alta taxa de mortalidade requerida, introduce as enfermidades infecciosas como unha causa de morte posible, e impredicible, que pode deixarnos sen os nosos personaxes favoritos. Vexamos algúns exemplos
1. Khal Drogo (Game of Thrones, tempada 1): cando todo parecía ir ben, a nosa querida Danaerys Targaryen tiña o control da súa vida e o brutal xefe dokhrati estaba convertíndose en amantísimo esposo, unha ferida aparentemente banal inféctase, complícase e acaba nunha morte nada épica para un personaxe que prometía moito. Khal Drogo 0 – Bacterias 1. No universo GoT, ademais, existe unha enfermidade imaxinaria, a psoriagris, da que o único que sabemos é que é altamente contaxiosa e letal, como se dun tipo de lepra extremadamente agresiva se tratase.
2. Gyda e Thyri (Vikings, tempada 1): no século X, que unha praga acabase con parte da poboación infantil dunha aldea debía de ser algo bastante frecuente, e nunha serie da canle History que trata de ser o máis veraz posible, non nos escatiman asistir a unha enfermidade contaxiosa que remata coa vida das fillas de dúas das protagonistas, probablemente algún tipo de gripe.
3. Abigail Alford (the Knick, tempada 1): dado que é unha serie de médicos a comezos do século XX, ten que haber infeccións, por suposto. Pero a maneira na que se reflexa a sífilis terciaria que padece a exparella do Dr. Thackery ben merece estar nesta lista, polo crúa e polo inquedante que resulta. Vemos como a enfermidade destruíu os tecidos do nariz da personaxe, que tamén se nos presenta nun flashback no esplendor da súa beleza, e tamén como se lle reconstrúe co músculo do brazo. Bastante impresionante.
4. Minette (Henriette de Inglaterra) (Versalles, tempada 1): A morte real da Duquesa de Orleáns por un suposto envelenamento, que en realidade era unha gastroenterite (si, a xente morría de gastroenterite no século XVIII) causa unha conmoción na corte máis avanzada da época, que a pesar da súa innegable clase e estilo, non se caracterizaba por un correcto tratamento de residuos nin polo carné de manipulador de alimentos do seu persoal de cociña.
5. Non son zombies, son infectados. As novas series e películas de zombies, comezando por The Walking Dead, pero tamén 28 Days Later e World War Z parten todas elas, non tanto da idea do morto que resucita, como do contaxio. Poderíamos pensar que, nun mundo no que o contaxio non é xa unha realidade cotiá, é posible utilizalo como elemento.
Podedes ler este artigo tamén no blogue de ciencia de Praza Pública, Cianuro nas Mazás).