Navegación por
Etiqueta: Vida extraterrestre

Enigmas e mestres cervexeiros

Enigmas e mestres cervexeiros

Cando era nena, pensaba que me gustaría chegar a ser moi velliña porque así tería máis probabilidades de presenciar o descubrimento de vida extraterrestre. Se estades imaxinándome como unha nena resabida e repelente, con aparato dental e lentes, a resposta é si. O caso é que parece que non vou ter que esperar a ser particularmente velliña (aínda que a idade que teño agora pareceríalle a total decrepitude ao meu eu dos cinco anos) para ver o descubrimento de vida alieníxena.

Cando digo vida, non me refiro a vida intelixente, e se cadra nin sequera a vida pluricelular complexa. Aínda que descubrir un planeta con animais e prantas exóticos sería espectacular, simplemente atopar vida bacteriana abriría miles de novos interrogantes e despexaría outros. Por exemplo, todos os seres vivos teñen que ter ADN, ou algo semellante? Todos replicarán do mesmo xeito algún tipo de código? E de ser así, sería un ADN cos mesmos compoñentes que o noso, ou completamente diferente? Ou nin sequera terá como base o carbono, e daí si que non sabemos o que pode saír? Iso só cunha minúscula bacteria.

O descubrimento do ano, o sistema planetario de Trappist-1 (un sistema planetario con nome de fabricante de cervexa, xa estou facendo a maleta para mudarme) é un paso adiante na busca de vida intelixente do máis prometedor, aínda que non sexa a antesala de noticia científica do século. Que posibilidades reais hai de que haxa vida nalgún planeta do sistema Trappist?

A FAVOR

  • Planetas rochosos semellantes á terra: sempre que se busca vida, asumimos que o que buscamos é semellante ao que coñecemos. Pode ser que exista vida en condicións extraordinariamente diferentes, pero o que sabemos seguro é que en planetas rochosos pode existir, porque o noso propio planeta é deste tipo. Trappist-1 conta con sete planetas deste tipo.
  • Riciños de Ouro: nin demasiado quente nin demasiado frío. A presenza de auga líquida é como o Santo Grial da busca de vida, e para iso é necesario que as temperaturas do planeta estean dentro da zona de habitabilidade ou Riciños de Ouro, aquelas que permiten que a auga non se conxele nin se evapore. Se as temperaturas son demasiado baixas, as moléculas non terán suficiente mobilidade para combinarse e crear as longas cadeas que sustentan a vida. Se son demasiado altas, estarán demasiado lonxe, en forma de gases, para combinarse. En Trappist, polo menos tres dos sete planetas están na zona de habitabilidade.
  • Proximidade entre os planetas: no sistema Trappist os planetas están particularmente preto, polo que sería incluso posible que se producise o fenómeno da panspermia, a sementeira de vida dun planeta cara a outro.
  • Atmosfera: as observacións parecen confirmar que os planetas deste sistema teñen atmosferas gaseoas, un factor esencial para que se poida formar vida, polo menos tal e como nós a coñecemos.

EN CONTRA

  • Acoplamento por mareas: os planetas de Trappist-1, debido á súa proximidade á súa fría estrela, sofren forzas gravitacionais moi intensas, que fan que ofrezan sempre a mesma cara á estrela, do mesmo xeito que sempre vemos a mesma cara da nosa Lúa. Isto implica unha cara do planeta en noite perpetua e a outra achicharrada por un día interminable. Existirían zonas de lusco-fusco ou sombras nas que a temperatura será menos extrema, pero esta caracterísitica complica realmente as cousas.
  • Radiación: a estrela de Trappist é pequena e fría, e as temperaturas tépedas son posibles porque os planetas están moi preto. Tanto, que o ano do máis cercano dura un día terrestre. Pero aínda que a temperatura sexa axeitada, esa cercanía fará que os planetas soporten unha radiación moi intensa procedente da súa estrela, unha anana vermella, que pode ser suficientemente letal como para imposibilitar a vida.
  • Campo magnético: como xa explicamos noutro post, o campo magnético é o que evita que a radiación da túa estrela te churrasque. No caso de Trappist-1, unha estrela vermella ultra-radiactiva, que os seus planetas teñan campo magnético, é aínda máis importante se buscamos vida. Por desgraza, a baixa densidade observada non suxire un núcleo ferroso fundido que sexa quen de producilo.

En calquera caso, sexa ou non Trappist o primeiro lugar no que a detectaremos, o descubrimento de novos exoplanetas rochosos case cada mes fai prever que xa non está moi lonxe, e que o universo estará, como dicía Carl Sagan, bulindo de vida.

Carl Sagan Cosmos dandelion

Imaxe: De NASA/JPL-Caltech – Catalog page · Full-res (JPEG · TIFF), Dominio público, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=56513807