Ola, Mundo!
Para todos aqueles que pensan que a Unión Soviética ía só de colas interminables e roupa fea, recordar que o 16 de xuño se cumpriron 50 anos da viaxe orbital de Valentina Tereshkova, alias Chaika (Gaivota), a primeira muller cosmonauta da historia. No ano 63 no Estado Español as mulleres precisaban de autorización firmada polo seu pai ou marido para viaxar, e en Estados Unidos, a pesar de que as cousas ían algo mellor, tardaron ata 1983 en poñer en órbita a Sally Ride, na misión Challenger.
Aos que din que a viaxe der Valentina era só propaganda prosoviética, contestar que ao mundo supostamente “libre” nin sequera se lle pasaba pola cabeza nos 60 facer ese tipo de propaganda, probablemente porque non consideraban de interese fomentar a imaxe dunha muller en eidos tan pouco “femininos”. Ao tipo ideal de muller estadounidense dos 60 chafaríaselle irremediablemente o cardado e a manicura nunha misión como a de Chaika, nunha nave diminuta e controlada por un computador paleolítico.
Os motivos do programa espacial soviético para adestrar mulleres non eran só ideolóxicos As mulleres son máis lixeiras, máis pequenas, máis resistentes. Chaika, en concreto, ademáis era paracaídista. Valentina tivo que estar 70 horas case inmobilizada na cabina do Vostok 6, practicamente deshidratada, e despois ser exectada da nave, caer en paracaídas e nadar por un lago xeado antes de ser rescatada. Se cadra debéramos pensar se non eran os motivos dos estadounidenses para non adestrar mulleres os que eran de tipo ideolóxico.
Pola miña banda, nada me gustaría máis que que algún día non houbese que cumprir todas esas restricións absurdas de medir máis de 1,60 e ser enxeñeira, piloto, paracaídista e nadadora olímpica (á fin e ao cabo para algo ten que servir a tecnoloxía), para poder dicir dende o espazo, como Chaika: “Ola, Mundo!”.