O primeiro paxaro
En breve asistirei a unhas xornadas sobre darwinismo e evolución e estou toda emocionada, aínda que teña que facer un chanchullo no curro porque non conta como formación científica (!!!!). Deben de pensar que o da evolución xa está moi trillado e xa o sabemos, ou algo así. E como as ideas revolotean ao noso redor coma libeliñas xigantes do triásico tardío, e fan mais ruido que un caza de combate, hoxe atopeime de novo coa imaxe que me obsesionou parte importante da miña infancia, convencéndome de que na realidade pasaban cousas tan alucinantes que non había necesidade ningunha de recurrir ao sobrenatural para facela mais interesante.
A imaxe, por se alguén non a coñece aínda, é un dinosauro converténdose en paxaro, case case diante dos nosos ollos. O becho en cuestión chámase Archaeopterix e eu imaxínoo con plumas verdes e azuis aínda que a saber. O malo dos fósiles é que son en branco e negro. Esta imaxe foi suficiente para que a miña imaxinación ardera como combustible (fósil) e me fixera fan a morte da evolución, que permite que aos dinosauros lles saian plumas e sobrevivan a un cataclismo peor que calquera que saia na Biblia que fai que se extinga a meirande parte da vida do planeta, menos un rato diminuto que come ovos (mamá) e este vestixio da familia que estaba destinada a dominar o mundo e posiblemente a evoluir até acadar a intelixencia, cos seus grandes cerebros, os seus ollos con visión 3D e os seus polegares opoñibles.
Pero a dominación mundial é como a tele, hoxe es imprescindible e mañá ninguén se lembra de ti, e con sorte saes en Luar, e os dinosauros supercomplexos e superespecializados, os que tiñan tódalas bazas para ser a primeira especie con autoconciencia, eran demasiado fráxiles para o tema este do meteorito. Así que tivemos unha oportunidade que non nos tocaba, e polo que se ve soubemos aproveitala, namentres que os gañadores virtuais se convertían en devoradores de alpiste ou en polo ao curri. Quen o ia dicir, co que prometían. Outro xoguete roto de Evolución Triunfo, edición Cretácico.
P.D: as gaivotas do meu barrio están facendo ultimamente o camiño inverso, e como sigan comendo do lixo, van rematar por converterse en auténticos dinosauros.