O primeiro paxaro
En breve asistirei a unhas xornadas sobre darwinismo e evolución e estou toda emocionada, aínda que teña que facer un chanchullo no curro porque non conta como formación científica (!!!!). Deben de pensar que o da evolución xa está moi trillado e xa o sabemos, ou algo así. E como as ideas revolotean ao noso redor coma libeliñas xigantes do triásico tardío, e fan mais ruido que un caza de combate, hoxe atopeime de novo coa imaxe que me obsesionou parte importante da miña infancia, convencéndome de que na realidade pasaban cousas tan alucinantes que non había necesidade ningunha de recurrir ao sobrenatural para facela mais interesante.
A imaxe, por se alguén non a coñece aínda, é un dinosauro converténdose en paxaro, case case diante dos nosos ollos. O becho en cuestión chámase Archaeopterix e eu imaxínoo con plumas verdes e azuis aínda que a saber. O malo dos fósiles é que son en branco e negro. Esta imaxe foi suficiente para que a miña imaxinación ardera como combustible (fósil) e me fixera fan a morte da evolución, que permite que aos dinosauros lles saian plumas e sobrevivan a un cataclismo peor que calquera que saia na Biblia que fai que se extinga a meirande parte da vida do planeta, menos un rato diminuto que come ovos (mamá) e este vestixio da familia que estaba destinada a dominar o mundo e posiblemente a evoluir até acadar a intelixencia, cos seus grandes cerebros, os seus ollos con visión 3D e os seus polegares opoñibles.
Pero a dominación mundial é como a tele, hoxe es imprescindible e mañá ninguén se lembra de ti, e con sorte saes en Luar, e os dinosauros supercomplexos e superespecializados, os que tiñan tódalas bazas para ser a primeira especie con autoconciencia, eran demasiado fráxiles para o tema este do meteorito. Así que tivemos unha oportunidade que non nos tocaba, e polo que se ve soubemos aproveitala, namentres que os gañadores virtuais se convertían en devoradores de alpiste ou en polo ao curri. Quen o ia dicir, co que prometían. Outro xoguete roto de Evolución Triunfo, edición Cretácico.
P.D: as gaivotas do meu barrio están facendo ultimamente o camiño inverso, e como sigan comendo do lixo, van rematar por converterse en auténticos dinosauros.
7 comentarios en «O primeiro paxaro»
Que pensarán os creacionistas disto? Que se trataba dun anxo pequeno?
Pois claro que si, un anxo pequeno, y si no me llevo la pelota y no jugamos más…
Non me estraña que quedaras fascinada polos dinos e a evolución cando eras nena, a cousa parece ciencia ficción, de feito, a min aínda me segue resultando difícil imaxinar como realidades certas cousas. E o que virá…
¿?¿?¿?
O dos fósiles é unha tecnoloxía que aínda está dando os seus primeiros pasos, xa co tempo teremos fósiles en cores e con son dolby-surround. Tamén pasara así coas primeiras televisións.
Eu penso que non é anxo, porque éstes no Cretácico aínda non fixeran aparición. Tivo primeiro que vir o home e crear a deus e logo aos anxos, así que polo menos ata uns cantos millóns de anos despois non existiron e non puideron deixar fósiles desa antigüidade. Penso eu.
..E ao final a débil especie humana… blanditos e sen defensa física intrínseca.
Eu de pequena tamén tiven unha parte importante da infancia adicada a chapar un libraco de dinosaurios que me regalaran por un cumple. O meu preferido era o Smilodón ou dentes de sable, e despois o T-rex. Burro grande ande ou non ande. Muerte-y-destrucción.
Ao mellor foi esa EvoluciónTriunfo sobre os bichacos máis bestias, ese mi papá es mas fuerte quel tuyo! o que fixo nacer na especie humana o idealismo a crenza de termos o poder de cambiar toda a natureza ao noso antollo. E aínda por riba sen ter nada que ver neste triunfo… Somos uns soberbios
Parece mentira, o que fixo a natureza para levar a cabo unha evolución da especie, e que coa chegada dos humanos o único que se apreza é unha forte involución.
Só me ronda unha pregunta pola mente, por qué o propio planeta aínda no fixo desaparecer aos xenes humanos?, pensando ben, non levamos aquí nen a metade do que permaneceron os dinosauros, así que… tempo o tempo.
Todo o mundo sabe que o dinosaurios extinguíronse porque non cabían na arca de Noe, daí que lles chamemos “antediluvianos”… e os dinosaurios marinos pois porque…. afogaron igual…
Atreide, Arqueira: esta é a proba irrefutable de que as especies evolucionan, non si? Un becho “a medio camiño”. O que din os creacionistas é que deus creou o mundo xa así, con fósiles e todo, para poñer a proba a nosa fe. A miña, dende logo, non aguanta tanto.
Rui: he, he que bo, evolucionismo aplicado ás relixións. Os anxos son mais ou menos do 3000 a.e.c.
Aliada: a min gustábame o Deinonychus, que é como os velocirraptores de Jurassic Park pero mais bruto 🙂 Muerte, muerteeeeeeeeee!!!!
Skaltum: Supoño que os humanos somos sorprendentes noutro sentido: é sorprendente que sigamos vivos, despois de tódalas cafradas que facemos. Aínda así, eu teño moitas esperanzas na especie humana. Como dicía Sagan, a nosa raza é nova, curiosa e promete moito.
Moucho: os dinos mariños morreron porque pesaban demasiado e afundían, igggggnorante!
Comentarios pechados.