O Psiquiatra Vermello
A morte de Castilla del Pino, hai tres días, deixoume unha sensación agridoce. Houbo un momento no que o admirei moitísimo, porque me parecía doblemente meritorio que un home da súa idade entendera e compartira determinadas reivindicacións, como o feminismo, habendo tantos esquerdistas de salón que o consideran unha “loita secundaria” que non debe desviarnos da verdadeira revolución (a dos homes). Despois, asinou o manifesto “Por la lengua común” e descubrín que había outras moitas reivindicacións que non entendía.
Coa morte todo se suaviza, aínda que eu mesma penso que non debera ser así, e agora pesa mais a admiración que a mágoa polo que non entedía. Ser psiquiatra durante o franquismo, que empregou a disciplina como xeito de control social de disidentes políticos ou sexuais, debeu ser unha loita constante contracorrente. E un poñer en risco a propia vida, en moitos casos.
Pero o que mais me gustaba de Castilla del Pino era a valentía para dicir cousas politicamente incorrectas sen despeitearse. Por exemplo, que a morte do seu pai foi liberadora, ou que a dos seus fillos foi dolorosísisma, pero non estragou o seu proxecto vital. Son cousas que seguramente moita xente sinta, pero que son difíciles de dicir. Un non está obrigado a querer a ninguén, nin a ter unha determinada orde de prioridades na vida.
Da súa obra, quedo coa idea do perdón. Da non obrigatoriedade do perdón, para ser mais exacta. En contra dos psicólogos de mesiña de noite que falan da necesidade de perdoar para seguir adiante (da obriga de perdoar, dende unha óptica herdada do cristianismo), Castilla del Pino fala da opción do perdón. Ninguén pode dicirche se debes ou non perdoar. Hai cousas que son imperdoables. Hai persoas ás que non queres perdoar. Hai que ser valente para decidir que non perdoas e non sentir culpabilidade. A obrigatoriedade do perdón convirte aos agredidos en culpables, subvirte de xeito perverso os papeis. Supoño que el pensaría en parte nos vencidos da Guerra Civil e na obsesión dos gañadores con obrigarnos a perdoar, e que deixemos dunha vez de remover nas feridas.
8 comentarios en «O Psiquiatra Vermello»
É certo, esa idea do perdón é absolutamente revolucionaria.
E o Bernabé este é como a antítese de todo o que foi Castilla del Pino. E seguramente moito máis coñecido.
Comparto a filiak, unha mágoa cando desaparece un destes, que levou a súa práctica fora do consultorio, postergando o recoñecemento profesional ós seus ideais (non doregándose ao, no seu momento omnipotente López Ibor), pero especialmente comparto a fobia, polos psicólogos de salón e de chaqué, pasando a muleta ao aire mantendo a pose erguida. Expertos en todoloxía que paren un libro tras outro sobre cómo vivir correctamente, para ser feliz… ter éxito… educar aos teus fillos… Sen ver xente diante, sen ter lido un artículo (máis que os seus) o polo menos parecendo que non fai ningunha destas cousas.
Un saúdo
unnf q chulada , cando teña eu um ratinho cousa q vai ser dificil. ei mirar pasarme a blogailza tamém. pero ando moi liadinho, xa tmos outro grupo. xa vos contarei. biko para todos e umha aperta
Mario: tes que entrar no sitio web de Bernabé, non ten desperdicio. Nunca entendín por que non avisaba: “atención, psicólogo cristián, as súas opinións poden ferir certas sensibilidades”.
Antonio: os López Ibor aínda campan por simposios e congresos, igual que certos políticos reconvertidos a demócratas. Pero como algén me dixo unha vez, o tempo pon a cada un no seu lugar, e Castilla pasará á historia como un dos grandes. Os Bucay de la vidiña, non 🙂
Sergio: a que mola Blogaliza? Xa me contarás, si, iso do grupo…
Certamente non teño perdón para quen asina manifestos etnocidas e xacobinos, pero sin embargo perdonoche que odies a Jung, que contodo non era mal rapas, 🙂
Por certo, o novo deseño xenial.
Benvido, resucitado de entre os mortos! Non sexas tan duro con Castilla, que ao fin e ao cabo tiña oitenta anos cando asinou o manifesto e xa lle fallaba a vista, e xa sabes como son estes commies do PCE. Alédome de que che guste a escenografía 🙂
Eu tamén alucinei un cacho cando vin a firmiña no manifesto (ía decir comunista…;)
Se cadra é que hai xente que se especializa tanto en según qué cousas que por forza non chega a entender outras moi elementais. Non se lle nega o bon, e non se lle disimula o malo. Digo eu.
Benvid@, Setesoles! Algo diso debe de haber, e tamén algo da manía dalgúns ex-PC coa unidade da patria, sen decatarse de que esa idea está perigosamente cerca dos postulados da dereita. Pero en fin, a min deume tanta pena a súa morte que lle perdoei até iso 🙂
Comentarios pechados.