Navegación por
Etiqueta: darwinismo social

O rottweiler de Darwin (I)

O rottweiler de Darwin (I)

En 1882, Henry Huxley, co-descubridor da teoría da evolución, leva a ombros o cadaleito de Darwin, demostrando que na investigación científica non todo é competencia despiadada. Huxley chegou á mesma conclusión que Darwin pouco antes da publicación da Orixe das Especies, e escribiulle facéndoo partícipe dos seus traballos. Darwin mencionou os estudos de Huxley no seu libro, e así comezou unha colaboración prolífica e intensa, que lle valeu a Huxley o apodo de Darwin’s Bulldog, por defender o darwinismo con apaixonamento nos debates nos que o mestre, xa ancián, non podía estar presente.

Darwin necesitou no seu momento un defensor mais novo e enérxico ca el mesmo, sobre todo sendo a súa teoría tan incómoda e revolucionaria como resultou. Os tempos de Darwin e Huxley non son os nosos, pero semella que o mestre continúa a precisar defensores.

Richard Dawkins tamén gañou por méritos propios o alcume de Darwin’s Rottweiler, en recordo daquel outro apaixonado defensor do darwinismo. Un alcume, por outra banda, que se nalgún momento pretendeu ser ofensivo, resulta en realidade profundamente afagador. É necesaria hoxe por hoxe unha defensa da evolución tan enérxica como a que levou a cabo no século XIX o primeiro bulldog de Darwin? Pois por desgraza, e aínda que pareza incrible, semella que si. Se cadra no ámbito europeo resúltanos estraño que algueń poña en dúbida a evolución, pero o 40% dos estadounidenses cren no deseño intelixente, e as cifras elévanse arrepiantemente cando se trata de Sudamérica.

En calquera caso, tamén en Europa cocemos fabas, e aínda que aquí non estea tan en boga o creacionismo, non estamos libres tampouco dunha certa visión relativista do coñecemento científico, e dunha mal chamada tolerancia relixiosa que nos leva a dicir que debe ser respectada calquera idea, por disparatada que sexa, se se expresa como un dogma de fe. Como dixo Dawkins: “sostemos a conveniente ficción de que as opinións relixiosas posúen certa clase de dereito a ser respectadas automaticamente e sen cuestionamentos”. Dende a propia esquerda, ás veces temos medo de parecer dogmátic@s ou reaccionari@s cando defendemos argumentos científicos e o seu valor de feito demostrado por riba de opinións, crenzas ou ideas pseudocientíficas. Semella que é de mal gusto facer notar que non, non é unha opinión, e non, a ciencia non é equiparable a outras formas de coñecemento “revelado”, pola sinxela razón de que a ciencia funciona. Outra frase gloriosa de Dawkins: “As teorías sobre a creación do ser humano anteriores a 1859 (en referencia á data de publicación da Orixe das Especies) están moi ben, salvo porque non son certas”. Se alguén defende unha opinión contraria á selección natural, está no seu dereito de facelo, só que non é certa! E o mesmo vale para a cristaloterapia, a homeopatía, a terra plana ou a arca de Noé. Estás no teu dereito de crelo, pero non é certo!

Así que, polo que a min respecta,á pregunta de se é necesario un ateísmo militante, a respota é: por suposto. Non serve de nada esta actitude falsamente tolerante que se nos quere obrigar a adoptar. Neste tema, non se trata de tolerancia ou intolerancia, senón de feitos comprobados e outros que non o están. Hai que dar a batalla, entrar nos debates e converternos tod@s, un pouco en rottweilers de Darwin, ou do pensamento científico se o preferides, dende unha postura de esquerdas e progresista, e non permitir que o fundamentalismo relixioso, a supersitición ou as paraciencias nos gañen a partida porque non puxemos a suficiente paixón en defender as nosas posturas. Como di o rottweiler, é tempo de enfadarse.