O rottweiler de Darwin (I)
En 1882, Henry Huxley, co-descubridor da teoría da evolución, leva a ombros o cadaleito de Darwin, demostrando que na investigación científica non todo é competencia despiadada. Huxley chegou á mesma conclusión que Darwin pouco antes da publicación da Orixe das Especies, e escribiulle facéndoo partícipe dos seus traballos. Darwin mencionou os estudos de Huxley no seu libro, e así comezou unha colaboración prolífica e intensa, que lle valeu a Huxley o apodo de Darwin’s Bulldog, por defender o darwinismo con apaixonamento nos debates nos que o mestre, xa ancián, non podía estar presente.
Darwin necesitou no seu momento un defensor mais novo e enérxico ca el mesmo, sobre todo sendo a súa teoría tan incómoda e revolucionaria como resultou. Os tempos de Darwin e Huxley non son os nosos, pero semella que o mestre continúa a precisar defensores.
Richard Dawkins tamén gañou por méritos propios o alcume de Darwin’s Rottweiler, en recordo daquel outro apaixonado defensor do darwinismo. Un alcume, por outra banda, que se nalgún momento pretendeu ser ofensivo, resulta en realidade profundamente afagador. É necesaria hoxe por hoxe unha defensa da evolución tan enérxica como a que levou a cabo no século XIX o primeiro bulldog de Darwin? Pois por desgraza, e aínda que pareza incrible, semella que si. Se cadra no ámbito europeo resúltanos estraño que algueń poña en dúbida a evolución, pero o 40% dos estadounidenses cren no deseño intelixente, e as cifras elévanse arrepiantemente cando se trata de Sudamérica.
En calquera caso, tamén en Europa cocemos fabas, e aínda que aquí non estea tan en boga o creacionismo, non estamos libres tampouco dunha certa visión relativista do coñecemento científico, e dunha mal chamada tolerancia relixiosa que nos leva a dicir que debe ser respectada calquera idea, por disparatada que sexa, se se expresa como un dogma de fe. Como dixo Dawkins: “sostemos a conveniente ficción de que as opinións relixiosas posúen certa clase de dereito a ser respectadas automaticamente e sen cuestionamentos”. Dende a propia esquerda, ás veces temos medo de parecer dogmátic@s ou reaccionari@s cando defendemos argumentos científicos e o seu valor de feito demostrado por riba de opinións, crenzas ou ideas pseudocientíficas. Semella que é de mal gusto facer notar que non, non é unha opinión, e non, a ciencia non é equiparable a outras formas de coñecemento “revelado”, pola sinxela razón de que a ciencia funciona. Outra frase gloriosa de Dawkins: “As teorías sobre a creación do ser humano anteriores a 1859 (en referencia á data de publicación da Orixe das Especies) están moi ben, salvo porque non son certas”. Se alguén defende unha opinión contraria á selección natural, está no seu dereito de facelo, só que non é certa! E o mesmo vale para a cristaloterapia, a homeopatía, a terra plana ou a arca de Noé. Estás no teu dereito de crelo, pero non é certo!
Así que, polo que a min respecta,á pregunta de se é necesario un ateísmo militante, a respota é: por suposto. Non serve de nada esta actitude falsamente tolerante que se nos quere obrigar a adoptar. Neste tema, non se trata de tolerancia ou intolerancia, senón de feitos comprobados e outros que non o están. Hai que dar a batalla, entrar nos debates e converternos tod@s, un pouco en rottweilers de Darwin, ou do pensamento científico se o preferides, dende unha postura de esquerdas e progresista, e non permitir que o fundamentalismo relixioso, a supersitición ou as paraciencias nos gañen a partida porque non puxemos a suficiente paixón en defender as nosas posturas. Como di o rottweiler, é tempo de enfadarse.
5 comentarios en «O rottweiler de Darwin (I)»
Adorei o artigo e a reflexom final. Eu sou dos que saca os dentes nestes temas, ainda que um bata contra a política do “bom rolho” e o relativismo postmoderno de “há cousas que nom sabemos…”.
Moitísimas grazas! Eu creo que é necesario sacar os dentes, aínda que quedemos de exaltad@s ou de chung@s, pero é o que hai. Persoalmente prefiro pecar de exaltada que de tibia, alomenos nestes temas, que son os que me dan de comer e me pagan os vicios :p
Estupendo!!!! Menos mal que ainda quedan mentes na esquerda que siguen pensando que hai certas ideíñas que hai que desterrar… Efectivamente é tempo de enfadarse, coa propia esquerda que anda nas berzas do misticismo a primeira cousa…. Magnífico o Blogue; moitas grazas por todo o que publicas.
Estou dacordo, salvo na maneira. Vin documentais de Dawkins tratando de ensinar ós nenos dun instituto de EEUU evolución, e vin que non surtiu efecto. Penso que o kid da cuestión é a maneira de facer chegar estas ideas á xente que naceu e creceu rodeada de fe. Inda fai pouco lin un artigo sobre un científico evolucionista que nunha época da súa vida estudou teoloxía e tenta compaxina-las dúas cousas para facer que a xente ultracatólica acepte a evolución, adaptándoa á súa fe (unha especie de ” a evolución exisistiu pero grazas a deus”). Inda que vaia contra os meus ideais, xa que eu non creo nada diso, coido que é a mellor forma de empezar. Non se pode ir de cero a cen en dez segundos, ten que ir calando nas mentes relixiosas pouco a pouco. De nada sirve facer como Dawkins e ser tan ferozmente-atacante, xa que a xente síntese iso mesmo: atacada, e polo tanto pecha máis aínda as miras e escapa. ¡miaur!
É que eu penso que é xusto ao contrario: non se pode loitar contra unha ideoloxía ferozmente totalitaria e agresiva cara os que pensan diferente cun discurso ou unha actitude tibia ou conciliadora, porque eles non o son. Cedendo, dando cancha á irracionalidade ou, o que é peor, pervertindo o pensamento científico cun “empate técnico” para que todos nos quedemos tranquilos o que facemos é equiparar o método científico coas crenzas relixiosas, nas que de pode crer moito, pouco ou regular, ou chegar a solucións de compromiso. A miña postura é a de tolerancia cero coa intolerancia e a irracionalidade, en primeiro lugar porque creo que así debe ser se nós tomamos a nós mesmos mínimamente en serio, e en segundo lugar porque xa probamos co de ser majetes e comprensivos e o que conseguimos foi un avance da ideoloxía relixiosa as nosas expensas. En calquera caso, non creo que sexa cuestión de que todas vaiamos pola vida coa espada vingadora, pero sí creo que figuras como Dawkins, lonxe de dar mala fama, visibilizan, argumentan e dan a batalla polos moitos e moitas que estamos na retagarda dos laboratorios e das consultas 🙂
Comentarios pechados.