Navegación por
Etiqueta: posesión

Corpo aberto

Corpo aberto

Unha noite, en certo pub, o grandísimo Quico Cadaval ensinounos a diferenza entre posesión e corpo aberto, que toda persoa minimamente culta debera coñecer, sobre todo porque nunca se sabe cando pode ser unha posuída, e convén ter claros os conceptos. Aínda que a explicación de Quico era moito mais desternillante, e incluía un coche, unha pipa e unha escena tipo Tarantino, basicamente a diferenza radica en que a posesión ocorre sen o consentemento do posuído, namentres que no corpo aberto, un vivo préstase a albergar a alma dun morto, pero mantendo o control sobre os seus propios actos.

Pois ben, en Estocolmo conseguiron reproducir, ciencia mediante, algo moi semellante á idea xenuinamente galega de corpo aberto. Cando o vin, imaxinei inmediatamente algo semellante a Como ser John Malkovich, reptando por un túnel até o cerebro do elixido para rematar na cuneta da autopista New York-New Jersey. Pero non. A cousa é tan sinxela como acoplar unhas cámaras á cabeza do “posuído”, que se moven conforme uns sensores na cabeza do “posuidor”, de xeito que, ao mover a cabeza, abarcamos o campo de visión do outro no canto do propio. Se nese campo entra algo que contacta co corpo do posuído, e a zona correspondente ao corpo do posuidor é estimulada correlativamente, a sensación de que estamos noutro corpo é total. É incrible o doado que resulta enganar ao noso cerebro.

Aínda que as aplicacións aínda non están moi claras, a min véñenseme á cabeza pelis como Días estraños e a posibilidade de vivir experiencias alleas como se foran propias, pero sen o risco potencial que entrañan. Facer puenting, ir ao espazo, viaxar… Pero coido que o mais desconcertante pode ser sinxelamente a experiencia de ter outro corpo, incluso un corpo doutro sexo ou outra cor. Se cadra unha das posibles aplicacións é didáctica.