Navegación por
Etiqueta: relixión

Por que cremos en cousas raras (II): mito, metáfora e mentira

Por que cremos en cousas raras (II): mito, metáfora e mentira

Outra cuestión que se nos presenta frecuentemente é a da utilidade da crenza. Se a crenza falsa (relixiosa, supersticiosa ou sobrenatural) está presente en todas as sociedades humanas, debe servir para algo. Este “servir para” debería facer revolverse no seu asento a calquera darwinista de ben. O longo pescozo da xirafa “serve para” acadar as pólas máis altas? Iso soa a deseño intelixente ou o que é peor, a lamarckismo. En realidade, a maneira correcta de enfocalo é que as xirafas cos pescozos máis longos foron seleccionadas para sobrevivir. Non “serve para” nada. Co da crenza pode ser semellante. Pode ser que as crenzas non teñan unha “utilidade”, senón que máis ben doten dunha avantaxe ao individuo ou grupo de individuos que as xeneran.

1. Causalidade: COMO. Unha teoría ao respecto é que as crenzas responden á necesidade humana de atopar respostas. O noso cerebro funciona buscando causalidade, e cando non a atopa, invéntaa. En situacións nas que non existe posibilidade de achar a resposta real a certos fenómenos, os seres humanos inventan mitos acerca de deuses que provocan o raio, a chuvia ou fan medrar as colleitas. Buscan unha explicación causal, pero falsa. Dende este punto de vista, se a crenza tivo algún tipo de sentido evolutivo, hai xa tempo que o perdeu, porque xa non precisamos a Thor para explicar por que se produce o trono. Unha mágoa.

2. Causalidade: POR QUÉ. Hai outro tipo de relacións causais non tan obvias que teñen que ver, non con buscar unha relación errónea, senón con buscar causalidade alí onde non a hai. Podemos chegar a entender como se produce realmente o trono, pero nunca atoparemos unha resposta a por que lle pasan cousas malas ás persoas bóas. Ese tipo de causalidades, simplemente, non existen. Buscar un motivo en eventos aleatorios é moi propio do pensamento relixioso, e case todas as crenzas teñen as súas propias respostas. Nas relixións politeístas explícase moi ben polas liortas, alianzas e contraalianzas entre as distintas divinidades (a ofrenda que lle levaches a Afrodita era moito mellor que a de Artemis, hoxe non vas cazar nin un triste coello, pero vas ligar), pero no monoteísmo a cousa complícase. A teoloxía ten toda unha rama adicada ao “problema do mal” (se deus é bo, por que permite que sucedan cousas malas?) que trata de parchear con escaso éxito esta flagrante contradición. Polo tanto, neste segundo suposto, as crenzas poden ter unha utilidade, pero non soportan a proba do mínimo contraste lóxico.

3. DE CASUALIDADE: As crenzas aparecen como unha consecuencia aleatoria doutras características do cerebro humano que si son favorables evolutivamente. Particularmente, da linguaxe e da teoría da mente. A linguaxe fai posible que transmitamos unha grande cantidade de información entre individuos, sen que sexa necesario que cada un deles chegue por si mesmo a certa conclusión. Se un individuo atopa caza e o comunica, todo o grupo posúe esa información. Para que isto suceda, e necesario que o resto “crea” a información que se lle transmite. Polo tanto, a utilidade da crenza, entendida como dar algo por certo sen necesidade de comprobalo persoalmente, é evidente. Claro que isto pode dar lugar, nun segundo paso, a que asumamos como certas cousas que non o son, con tal de que teñan algunha avantaxe para o grupo, en termos de cohesión, identidade ou seguridade. Tamén se pode dar que, no medio de algún conxunto de regras míticas máis ou menos arbitrarias, exista unha delas que confire avantaxes, como por exemplo algunhas prohibicións alimentares. Dado que as persoas que forman esa comunidade non teñen xeito de saber cal é a norma que lles beneficia, todo o conxunto se perpetuará, e ademais daráselle unha explicación sobrenatural. Científicos como Stephen Jay Gould avogaban por esta última explicación, a crenza irracional como un subproduto (indesexado) da linguaxe e, secundariamente, da teoría da mente.

4. FAIME CASO: O último (e peor) motivo para crer é o medo. Se é certo que as crenzas irracionais están presentes en todas as épocas e culturas, non o é menos que tamén sempre serviron para atemorizar, controlar e manter un determinado (e inxusto) status quo. As relixións monoteístas e as súas leis salvaxes son as que nos quedan máis preto, pero o aparentemente inofensivo budismo tamén se empregou para someter e explotar poboacións enteiras, por non falar da pintoresca relixión hindú e o seu divertido sistema de castas. Aínda que non fose así, as relixións en tanto organización fomentan un tipo de pensamento pouco crítico e pouco orixinal, e reprimen, incluso fisicamente, a disensión.

En calquera caso, aínda que poidamos atopar unha utilidade positiva de determinada crenza, isto non afectaría á súa veracidade. Podes crer o maior disparate polos mellores motivos, e que ademais crelo sexa moi positivo para ti, e seguirá sendo falso.

Imaxe: Leda e o Cisne, de Antonio da Correggio. Cousas moi, pero que moi raras… Ou era unha pomba?

A Materia Escura ou a auténtica subversión: ciencia, ateísmo e steam punk.

A Materia Escura ou a auténtica subversión: ciencia, ateísmo e steam punk.

Para os que pensamos que o futuro da literatura galega está (tamén) na tradución, editoriais como Factoría K dannos agradables sorpresas. Polo pronto, eu papei a triloxía da Materia Escura en galego, o cal é unha agradable sorpresa para quen le maior e principalmente traducións.

Ter que ir buscar “A Materia Escura” á sección de literatura infantil e xuvenil, e que se compare coas Crónicas de Narnia significa que, ou ben alguén non leu os libros mais que pola contracapa, ou ben que a estratexia do autor funcionou: escribamos algo absolutamente prorrevolucionario e subversivo, engadamos despois animaliños que falan para despistar e… voilá! Pasará por libro infantil e chegaremos a milleiros de adolescentes ávidos de ideas para os que non se escriben libros de filosofía.

Porque a Materia Escura son, antes ca ningunha outra cousa, novelas de tese. E a tese é bastante explícita dende o segundo volume (supoño que por iso non fixeron as outras partes do filme). Sen facer spoiler, e resumindo: a relixión debe ser eliminada, se é preciso pola forza, se o ser humano quere ser verdadeiramente libre e vivir conforme a súa natureza. Sen confundir o de “natureza” con ningún tipo de paranoia biocrática ou heterocéntrica, porque para Pullman a natureza humana defínese como a autoconsciencia e a capacidade para explicar (e modificar) o mundo no que vivimos. A ciencia, nunha palabra.

Por iso a imaxinería steam punk está especialmente xustificada nesta saga, porque a tecnoloxía (zepelíns e luz eléctrica, pero tamén supercomputadores e ferramentas) tamén forma parte do que caracteriza ao ser humano, e será o que permita cambiar para sempre a nosa visión do mundo. Como dixo Bakunin, “se Deus existise, tería que ser destruído”.

DJ Hildegard (ou debería dicir Doutora von Bingen?)

DJ Hildegard (ou debería dicir Doutora von Bingen?)

Se nacese no século XI querería ser monxa. Téñoo clarísimo. Por suposto, non por unha cuestión de fe, senón de posibilidades. De entre as posibilidades dunha muller na Idade Media, entrar nun convento paréceme a mellor con moito. Asegúraste comer tódolos días se es pobre, asegúraste non ser vendida como unha vaca ao noble do lado se es rica, e sobre todo é o único xeito de ter acceso á cultura. Ler aos clásicos, aprender música, facer precarios experimentos de química. Non parece unha mala opción.

A Hildegard tocoulle, non o escolleu ela, pero estou convencida que sendo a décima filla dun noble vido a menos, era o mellor que lle podía pasar. Iso, a pesar do trauma que pode supoñer que os teus pais oficien os teus ritos fúnebres cando tes doce anos… contigo diante! e ver como tapian a porta do convento… contigo dentro! Por sorte estaba Jutta, que xa sabía de que ía o tinglado, e que en realidade as reclusas si podían saír do convento e dentro del, facer na práctica o que lles viña en gana.

Cando escoito a música sacra de Hildegard, sempre imaxino ese pequeno mosteiro da Selva Negra (mixto, por certo) como un pequeno paraíso para unha rapaza intelixente. Un lugar onde poder ser unha mesma, aínda que dando un estraño rodeo. A liberdade total disfrazada de clausura.

Hildegard escribiu 77 obras musicais, e aínda hoxe é unha das escasísimas compositoras da historia, e escribiu os que foron os libros de medicina mais adiantados da época, “Liber Simplici Medicinae” , e “Liber Compositae Medicinae”. Non aparece en nas historias da medicina, a pesar de que foi a compiladora mais importante dende Galeno. Nas historias da música sae de pasada.

A que foi a científica mais influínte do seu século só aparece nomeada como beata e visionaria. Iso, despois de que a Igrexa Católica tratara de impedirlle escribir, de que se proibira a súa música no convento de Bingen e de que trataran de mantela baixo arresto por enterrar en sagrado a un nobre excomulgado. Eu dubido seriamente de que alguén deste calado tivera visións místicas, sobre todo porque ela mesma conta as tiña en estado “de completa lucidez”, sen entrar en trance nin caralladas. Decántome mais pola outra versión, a que di que Hildegard utilizaba a historia das visións como un xeito de conferir autoridade á súa obra e de que a deixaran escribir en paz. Doutro xeito, remataría na cadea ou na fogueira por se muller, escribir e facer potingues con herbas. Quero dicir que o de ver o ceo e tal era sospeitosamente conveniente.

Non sei que opinaría ela da gloria póstuma, igual non lle importaba en absoluto. En certo modo, gañou a batalla, porque eu podo escoitar o que ela escribiu. Pero visto doutro xeito, se Hildegard nacera home, tería a consideración que ten hoxe Hipócrates: un precursor, un visionario noutro sentido. Iso pode entenderse no século XI, pero que no XXI siga a ser así da para pensar. Para pensar que temos un problema.