Navegación por
Etiqueta: xen egoísta

Estratexia Evolutivamente Estable

Estratexia Evolutivamente Estable

“Unha galiña non é mais ca un medio do ovo para crear mais ovos”

Falaba no anterior post R.R. sobre Richard Dawkins, a quen eu coñecía non tanto como insigne ateo (ou brigth, que queda mais cool) senón como evolucionista de pro. Claro que unha cousa vai coa outra. A teoría do Xen Egoísta postula que a unidade básica da supervivencia dos mais aptos non é o individuo, senón o xen, e que os organismos non son senón máquinas que estes empregan para replicarse. Isto explica, por exemplo, as conductas altruistas cara membros da nosa familia, xa que comparten carga xenética con nós, ou o especismo, é dicir, que os individuos beneficien aos membros da súa especie a expensas doutras. Que nos dea mais pena un gato que unha mosca, porque está mais próximo xenéticamente a nós. Unha conducta que reporta beneficios para unha determinada carga xénica sobre outra diferente convírtese nunha EEE, unha estratexia evolutivamente estable, que se perpetuará xeración tras xeración porque serve aos maquiavélicos propósitos do xen: dominar o mundo (riso diabólico).

Nunha primeira instancia, esta teoría ten dúas lecturas complementarias : implica un determinismo xenético total, sen deixar sitio para a vontade individual nin para a autoconsciencia, e por outro lado unha visión totalmente aleatoria e digamos, non lineal da evolución. O ser humano non sería superior aos insectos, tendo en conta que as cascudas levan aí cen millóns de anos, ocupan todo o planeta e a súa carga xenética sobreviviu.

A min gústanme ou non as teorías un pouco en relación a como encaixen na miña forma, un tanto cínica, de ver o mundo. Neste caso, unha evolución sen unha fin, sen un obxectivo, gústame. Gústame porque un obxectivo implica unha dirección, unha dirección implica un plan e un plan implica algo ou alguén que o planifique. É un creacionismo disfrazado de evolucionismo, como un xeito de asumir a creación intelixente pero con mais voltas. E non. Grazas pero non, grazas. Igual é un pouco duro pensar que estamos aquí por casualidade, que isto non vai a ningures en concreto e que non somos o cumio, gloria e ornato da evolución, pero paréceme moito mais honesto. Ademáis, non cambia demasiado o feito de que estamos aquí, e imos pasar un tempiño.

A segunda parte, o do determinismo, non o vexo tan claro. Asumo que a intelixencia é un plus evolutivo, un xeito de adaptarse ao medio para un becho extraordinariamente feble e desvalido, pero unha vez que chegamos a ter autoconsciencia, non teño claro até que punto non nos estamos saíndo do curso normal da evolución. Para ben e para mal. Para ser altruísta con persoas ás que non coñecemos ou para cargarnos aos nosos familiares directos. É a intelixencia unha estratexia evolutivamante estable?