Estratexia Evolutivamente Estable
“Unha galiña non é mais ca un medio do ovo para crear mais ovos”
Falaba no anterior post R.R. sobre Richard Dawkins, a quen eu coñecía non tanto como insigne ateo (ou brigth, que queda mais cool) senón como evolucionista de pro. Claro que unha cousa vai coa outra. A teoría do Xen Egoísta postula que a unidade básica da supervivencia dos mais aptos non é o individuo, senón o xen, e que os organismos non son senón máquinas que estes empregan para replicarse. Isto explica, por exemplo, as conductas altruistas cara membros da nosa familia, xa que comparten carga xenética con nós, ou o especismo, é dicir, que os individuos beneficien aos membros da súa especie a expensas doutras. Que nos dea mais pena un gato que unha mosca, porque está mais próximo xenéticamente a nós. Unha conducta que reporta beneficios para unha determinada carga xénica sobre outra diferente convírtese nunha EEE, unha estratexia evolutivamente estable, que se perpetuará xeración tras xeración porque serve aos maquiavélicos propósitos do xen: dominar o mundo (riso diabólico).
Nunha primeira instancia, esta teoría ten dúas lecturas complementarias : implica un determinismo xenético total, sen deixar sitio para a vontade individual nin para a autoconsciencia, e por outro lado unha visión totalmente aleatoria e digamos, non lineal da evolución. O ser humano non sería superior aos insectos, tendo en conta que as cascudas levan aí cen millóns de anos, ocupan todo o planeta e a súa carga xenética sobreviviu.
A min gústanme ou non as teorías un pouco en relación a como encaixen na miña forma, un tanto cínica, de ver o mundo. Neste caso, unha evolución sen unha fin, sen un obxectivo, gústame. Gústame porque un obxectivo implica unha dirección, unha dirección implica un plan e un plan implica algo ou alguén que o planifique. É un creacionismo disfrazado de evolucionismo, como un xeito de asumir a creación intelixente pero con mais voltas. E non. Grazas pero non, grazas. Igual é un pouco duro pensar que estamos aquí por casualidade, que isto non vai a ningures en concreto e que non somos o cumio, gloria e ornato da evolución, pero paréceme moito mais honesto. Ademáis, non cambia demasiado o feito de que estamos aquí, e imos pasar un tempiño.
A segunda parte, o do determinismo, non o vexo tan claro. Asumo que a intelixencia é un plus evolutivo, un xeito de adaptarse ao medio para un becho extraordinariamente feble e desvalido, pero unha vez que chegamos a ter autoconsciencia, non teño claro até que punto non nos estamos saíndo do curso normal da evolución. Para ben e para mal. Para ser altruísta con persoas ás que non coñecemos ou para cargarnos aos nosos familiares directos. É a intelixencia unha estratexia evolutivamante estable?
10 comentarios en «Estratexia Evolutivamente Estable»
Encántanme estas monodoses científicas que nos administras por via ocular…non sei…eu pregúntome as veces, en que carallo estaba pensando a natureza cando permitiu evoluir ao ser humano? non é un gran fallo ese desequilibrio? permitir no teu seo unha carga absolutamente letal, sofisticada e xenial tamén pero letal, co que penso na túa teoría e infiro que Gaia é máis estúpida do que nos contaron ou que sinxelamente está tan en mans da casualidade e do aleatorio como nós.
(xa te poño cara rainha, vin fotos da beliscada apocalíptica) bicos
Todos os meus xenes ferven de odio contra Roi Buligan, porque esa afirmación de coñecer a cara da raiña fará que as probabilidades de perpetuación do meu capital xenético disminúan cando a raiña dea comigo e me mate.
E quen dixo que existira Gaia?
Teño por aí o libro de “O xen egoísta”, e líno hai anos, anque me temo que apenas lembro o seu contido. Fascinoume moitísimo nun momento dado este tipo de materias, até que me din conta de que Odin podía cabrearse e abracei incondicionalmente o Asatru
Gaia nom existe e a natureza nom é sábia. É tudo umha casualidade; a natureza tem as suas próprias leis e nom age gratuitamente, mas o de estrategia, parece-me excessivo…
buffff.. nom pasei do da galinha
podo preometer e prometo que nesta semana o remato de ler….
mais podo dicir que estou o 100% dacordo coa sua persoa.
Ás veces pode ser liberador que o que somos non é máis que o robot doutra entidade, e que os nosos verdadeiros problemas non son máis que espolóns para que sigamos adiante e non teñen a menor importancia no devir do universo.
o único determinismo válido é a construción dun sistema socialista. A que si, mario? :p
Roi: moitas grazas, eu encantada de dar rédea solta ás miñas cienciofilias.
Aínda que a palabra “estratexia” pode levar a erro, porque da a sensación de ser algo premeditado, a teoría de Dawkins é precisamente que non existe Gaia, non existe un equilibrio nin unha finalidade, só o azar. Os patróns están só na mente do ser humano. Desacougante, non si?
P.D: agardo que a cara que me puxeches non sexa coa que saio na foto que colgou Ghanito :p
Ghanito: non te preocupes demasiado, xa tes unha copia xénica en camiño;)
Moucho: de abrazar algo, eu tamén abrazaría o Asatru (as tías saímos ben paradas ou so servimos como escanciadoras de hidromel e como sacrificios humanos?)
Tangaranho: como xa dixen, “estratexia” é unha palabra que leva a erro. Refírese sinxelamente a unha forma de comportamento que resulta seleccionada porque é eficaz.
AK: aceptación cega e incondicional. Gústame (riso diabólico)
Mario: a min polo menos prodúceme unha tranquilidade cósmica saber que non son o centro do universo, nin a especie humana o é, e que serei reciclada en pó estelar nalgún momento dun lonxano (agardo) futuro.
Zero: socialisnmo ou morte, meu;)
que si a intelixencia é unha estratexia evolutivamente estábel? eu creo que até certo punto si pero que nós xa nos pasamos de voltas :p
Creo que, chegados ao punto no que estamos como especie e despois de convertirnos no virus do planeta, a nosa intelixencia lévanos cara a autodestrución.
yujuu!! autodestrucción!! festa!
a min váleme, gustame a idea da reciclaxe e de que se os humanos se autodestruen non lle importaría a ninguén.
Eu como gato botaría en falta que me rascasen a barriga, pero superaríao XD
Comentarios pechados.