Bach salvoume a vida

Bach salvoume a vida

Cando se fala de doenza mental, aparecen moi rapidamente dous estereotipos: o tolo perigoso psicópata asasino, ou o xenio perturbado e excéntrico. Nesta segunda categoría cabe a xenialidade en todos os eidos, o científico tolo, o artista torturado, o escritor depresivo e fóbico social, o matemático autista. Os exemplos son abondosos: Virginia Wolf, John Nash, Robert Schumann, Van Gogh.

Por suposto, o nesgo é evidente, porque aquelas persoas con doenzas mentais sen estas capacidades asombrosas non se fixeron famosas, e non as coñecemos. Ademais, existe un nesgo de asociación: cando dous acontecementos aparecen xuntos, tendemos a atribuírlles causalidade. É a xenialidade produto da doenza mental, ou a doenza mental produto da xenialidade? En realidade, a correlación (que dous feitos aparezan simultaneamente) non implica causalidade (que un sexa produto do outro), pero o noso cerebro vén preprogramado para funcionar dese xeito. Esta é a base de case todas as supersticións, como ao perder ou gañar batallas despois de que un gato negro cruce por diante das nosas tropas (e das do inimigo), e botarlle a culpa do resultado ao pobre animal.

Estes días prestáronme Instrumental, o libro autobiográfico do pianista James Rhodes. Deixoumo, conminándome enerxicamente a lelo, alguén que me coñece moi ben, e sabe que toca dous temas que me interesan moito: Bach e a enfermidade mental.

A tese de Rhodes sobre como se relacionan a xenialidade e a enfermidade mental resúmese nunha frase escalofriante: “Se comparásemos a vida con correr unha maratón, os abusos sexuais na infancia terían o efecto de quitarche unha perna e cargarte cunha mochila chea de tixolos na liña de saída”. Rhodes non fala de diagnósticos, pero describe a perfección un trastorno límite de personalidade, e posiblemente tamén unha síndrome por estrés postraumático, provocada polas violacións repetidas durante anos das que foi obxecto. Eu pensaba que tiña callo con estas cousas, e aínda así tiven que parar de ler un par de veces. Despois non digades que non vos avisei.

Instrumental fala da enfermidade mental, dos ingresos psiquiátricos, das adicións e das autolesións, pero faino sen autocompaixón e sen ton épico ou heroico. Non hai tampouco esa aura de xenio perturbado que tanto me molesta, porque é unha forma máis do estigma. O que conta Instrumental é a historia dunha persoa xenial a pesar da doenza, que acada un elevado grao de pericia técnica a pesar de telo todo en contra.

Que pinta Bach en todo isto? James Rhodes di no seu libro que foi a Chacona en re menor o que, literalmente, salvou a súa vida. Entendemos que o pracer que lle produce a música, e esta peza en concreto, foi o que en certos momentos fixo que merecera a pena continuar vivindo unha vida con enormes sufrimentos, físicos e psíquicos. O paradóxico é que precisamente a Chacona está escrita nun época de enorme sufrimento para o propio Bach, tras a morte repentina da súa primeira esposa, María Bárbara. Ademais, Bach serve para exemplificar xusto o extremo contrario: sería o antítese do xenio tolo. Un tipo familiar, traballador e metódico, do que se coñecen poucas anécdotas escabrosas e que é considerado por moita xente como un señor aburridote.

Porén, Johann Sebastian tiña todos os boletos para volverse tolo, ou cando menos para ter unha historia de traxedia e melodrama: viu morrer a varios dos seus fillos, un deles desapareceu sen máis, vítima probablemente dun axuste de contas, e María Bárbara falece tamén durante unha viaxe de del, de maneira que, cando regresa á casa, atópase coa noticia. En cambio, a reacción foi xusto a oposta: traballo, traballo e traballo.

En realidade, a historia do xenio tolo non é máis ca un cliché do Romanticismo, e do “xenio de Leipizg” non se fai esa narrativa porque, simplemente, naceu antes de tempo. É certo que Schumann, por exemplo, tiña algún tipo de enfermidade mental, probablemente un trastorno bipolar moi grave, ou unha psicose, e que a súa obra estivo marcada pola doenza, pero como algo que o limitaba, non como o acicate da súa creatividade. E se non, aí está Bach para demostralo, o xenio entre os xenios, a quen, como a Rhodes, posiblemente a música lle salvou literalmente a vida.

Comentarios pechados.