Biotecnoloxía, agricultura, mercado.

Biotecnoloxía, agricultura, mercado.

Sempre que se fala de biotecnoloxía aplicada á agricultura moita xente bota man dos organismos xeneticamente modificados. Efectivamente neles hai moita biotecnoloxía, pero non só. O solo agrícola e os cultivos están gobernados por complexas relacións de intercambio químico, físico e biolóxico. Fertilidade, estrutura, humidade, aireación, microorganismos e macroorganismos establecen unha rede de dependencias mutuas nun sistema dinámico e cambiante no que a agricultura intervén para desprazar os equilibrios segundo o produto que se pretenda obter. A enxeñaría agraria e a biotecnoloxía permítennos comprender os factores de desenvolvemento dun cultivo e os mecanismos de acción dos patóxenos. Grazas a isto podemos procurar, por exemplo, os antagonistas naturais dun parasito que adecuadamente manexados frean a súa acción: Coa biotecnoloxía obtivemos a chave para entender e reproducir as Trichodermas que interrompen a acción de fungos como a Rhizoctonia ou a Phytophtora (moi daniños no pemento, no tomate, na pataca…); ou explicar por que o nabo introducido nunha rotación contribúe a frear os nemátodos e outros parasitos interrompendo o seu ciclo no chan e beneficiando así o cultivo seguinte.

A biotecnoloxía danos a oportunidade de mellorar xeneticamente unha especie. E non só creando un transxénico; tamén aplicando de xeito eficaz e en menos tempo aquilo que a humanidade leva facendo desde hai algo máis de cinco mil anos: procurar as variantes dun vexetal con maiores aptitudes ou salientando algunha característica en concreto. A selección dunha semente fronte a outra da mesma especie, coa intención de obter graos máis grandes, en maior número, que dean fariña máis branca, ou calquera outro aspecto concreto, guíase exclusivamente por criterios nos que intervén o pensamento racional. Desde o momento que unha persoa escolle certo froito para extraer as súas sementes e reproducilo está facendo valer a súa preferencia e anulando de facto as probabilidades de reprodución doutras sementes da mesma xeración. Este proceder descarta a natureza casual da evolución da especie dando prioridade a unha carga xenética fronte a outra que fica sen sementar. A agricultura, polo tanto, é unha técnica exclusivamente humana: Non existe xa ningún grao de trigo (ou de tomate, ou de centeo,…) que poidamos definir como “natural”.

A biotecnoloxía é unha ferramenta que levamos aplicando hai séculos pero que na actualidade gañou unha certa fama malvada, porque asociamos batas brancas e laboratorios cun afastamento do natural que, pensamos, é a agricultura. Detrás disto escóndese tamén un pensamento simplista e en certo modo inmobilista que tende a vencellar progreso tecnolóxico cun afastamento das esencias representadas neste caso nun ideal agrícola onde existiría unha perfecta comunión entre humanidade e terra. Este ideal non refire un sistema nin un momento concretos do desenvolvemento agrario. Outórgalle certa eternidade a un modelo sen concretar cal e que na realidade non existe: A evolución foi continua e nin sequera os modelos históricos previos á Revolución Verde do século XX (tamén chamados “orgánicos”) obviaban a biotecnoloxía.

Dentro da complexidade e diversidade da agricultura convén ter moi presente o papel do sistema económico. A produción de alimentos tamén se somete ás normas do modelo capitalista, así que a tecnoloxía agraria e os seus avances non están vacinados contra a súa mercantilización. E aí vemos a acción das corporacións que na actualidade manexan a política económica sen excluír, claro, a política alimentaria. Agora ben, identificar biotecnoloxía con esa empresa “X” que todo o mundo ten na boca, resulta unha implicación ben arriscada. Manexar a xenética é un feito científico; o modelo que permite a esa empresa (e outras, tan voraces ou máis) impór unha determinada variante dun cultivo, os seus fertilizantes ou os seus fitosanitarios no canto de outros é un feito económico e discutible.

Unha cousa é a ciencia e outra moi distinta o lucro: Unha posible solución pasaría por incrementar o control público dos procesos biotecnolóxicos permitindo que os recursos e os beneficios revertesen na cidadanía e na produción. Isto ademais de mellorar os procesos agrarios permitiría a remediación das peores consecuencias dun eventual desastre. Modelos hainos pero desde logo ningún deles pasa polo freo a investigación, senón por procurar que esta resida no público e que consiga avaliar, entre outras, as consecuencias de modelos esquilmantes coma o actual.

Imaxe: Campo de trigo. Oscar Antón Perez

Comentarios pechados.