Navegación por
Autor: Oscar Antón Pérez

A lúa da colleita (II)

A lúa da colleita (II)

Se pensamos nunha planta, por exemplo unha árbore de 1 tonelada que teña o 95% de auga, é dicir 950 kg, os efectos da Forza da Gravidade serían tan escasos que poderían descartarse fronte a acción doutras forzas máis poderosas a nivel microscópico. Así e todo, en matemáticas dicir que algo se aproxima a cero non equivale a dicir que é cero. Considerado desde un punto de vista físico e tendo en conta a influencia doutras forzas con moitísima maior intensidade no entorno, pode comprobarse como a gravidade da Lúa no entorno posúe unha relevancia certamente escasa.

Outro dos factores esgrimido a favor da influencia lunar é o efecto da luz que emite (ou máis concretamente a luminosidade) e que afectaría ao funcionamento bioquímico do vexetal. Calquera planta precisa unha lonxitude de onda de luz de entre 400 e 700 nm para realizar a fotosíntese e esta só pode proveela o sol ou unha fonte luminosa artificial coa capacidade suficiente. Nin na fase de Chea, a Lúa é capaz de emitir tal cantidade de luz. O seu albedo (a cantidade de luz que reflicte un corpo celeste) supera escasamente o 0.07, é dicir, tan só reflicte un 7% da radiación luminosa que recebe do sol. Un valor insuficiente se falamos dos procesos bioquímicos para o mantemento das plantas.

Pero, daquela, por que a xente sigue a ollar para a Lúa cando vai facer podas, sementeiras, trasegas do viño…? Por que en Colúns escoitamos que as ameixeiras se podan na crecente, mentres que en Cea se podan na bazante? Velaquí expoño algúns argumentos que, intúo, que dan algo de luz ao asunto.

1.- Cada vexetal precisa da suma dun conxunto de horas de calor para alcanzar as diferentes fases do seu ciclo vital. Cada especie, cada variedade, posúe un rango propio que fai que os estadios de desenvolvemento sucedan. Así, para que o trigo madureza ten que acadar en torno aos 2000ºC, que se obterán sumando os valores de temperatura ao longo dos días que dure o ciclo. Agora ben, os valores non son infinitos, senón que se obteñen a partir de certos límites máximos e mínimos que tamén dependen do cultivo. Os límites establecen os puntos nos que un vexetal non se desenvolverá por frío ou por exceso de calor. A suma dos graos pode acontecer máis rápido, se a temperatura promedio se sitúa moi alta no rango térmico útil da planta, ou máis lentamente se é máis baixa. Isto explica por que nalgunhas zonas os cultivos acadan maduración antes ca noutras.

2.- Os nosos maiores non sabían moito de fisioloxía vexetal teórica porén si que eran bos observadores do ceo e moi dependentes dos fenómenos agrarios e climáticos. A regularidade e a tradición outorgábanlles un certo coñecemento dos factores que interviñan nos cultivos e eran capaces de intuír que realizar labores agrarias antes (ou despois) de certas datas diminuía a posibilidade de obter os rendementos agardados, converténdose, así, nun problema alimentario. Temos que pensar que, nunha época na que non había adubos de síntese, nin invernadoiros, nin sistemas de rega localizada, conviña xogar pouco coas colleitas e minimizar as probabilidades de fracaso.

3.- A lúa ten un ciclo bastante preciso. A translación arredor da Terra tarda 28 días o que nos outorga un calendario bastante regular se pensamos en ciclos de colleitas e demais. A ausencia de termómetros, higrómetros e outros instrumentos de medida no pasado, condicionou bastante a dependencia da regularidade do ciclo lunar para a instalación e mantemento dos cultivos. Tendo en conta o explicado anteriormente debemos pensar en que se certo cultivos se realizaba antes de tal fase dun ciclo lunar concreto, era probable que non se acadasen os mínimos térmicos para o agromo ou calquera outra fase do cultivo. Podía acontecer tamén que, realizada a operación agraria despois de certa fase dunha lúa concreta, as temperaturas acadadas fosen demasiado elevadas e reducir os rendementos ou mesmo derramar o cultivo.

4.- E por último, e non menos importante, habería que apelar aos factores xeográficos que interveñen no rango térmico. Así, é relativamente doado atoparse con que parroquias que están relativamente perto, empregan fases lunares diferentes para podas, sementeiras ou colleitas. Se un lugar calquera está resgardado do norte, ten abondosa iluminación do sur ou non aparecen obstáculos que produzan sombras, o máis normal é que os rangos de temperatura se alcancen antes, mentres que un lugar onde unha montaña retrasa a entrada dos raios solares ou que está aberto ao Norte adoita a ter un unha temperatura promedio máis baixa. E polo tanto o desenvolvemento das fases do cultivo será máis tardío, alongando, probablemente, as labores que lle son propias (sementeira, poda, colleita). Isto explica por que dúas persoas maiores de diferentes zonas de Galicia non se dan posto de acordo no momento do calendario para podar pexegueiros ou para sementar as cebolas.

Así pois, vistos os argumentos anteriores e logo de ter feito probas con diferentes cultivos durante anos, non cabe máis que pór en dúbida os argumentos a prol do emprego da Lúa como ferramenta favorable no manexo da agricultura. E dubidámolo por dous motivos básicos:

1.- O coñecemento tecnolóxico vexetal, o desenvolvemento de ferramentas e técnicas así como o emprego de sistemas que permiten actuar sobre o ambiente no que se sitúan os cultivos, permitiu minimizar os efectos do entorno e obter rendementos máis elevados por unidade de superficie, reducindo as dependencias da intemperie.

2.- O coñecemento que lle outorgou utilidade á Lúa como calendario é un ben de carácter etnográfico e patrimonial cun indubidable valor histórico e comunitario. Porén, as actuais técnicas que pretenden o emprego da lúa botando man duns presuntos beneficios segundo a fase na que se atopa, fican, curiosamente, condicionadas por unha estandarización que elimina o carácter cultural, histórico e patrimonial que puidera posuír este coñecemento. A pretensión de homologar as técnicas que hoxe en día que pretenden o uso das fases da lúa, en realidade están conferíndolle á agricultura unha metodoloxía común entre puntos xeográficamente moi distantes, anulando o carácter local e empregando, unha vez máis, aquilo que se presume de combater: A estandarización e o borrado da diversidade. Este feito revela, en realidade, o lonxe que nos atopamos das técnicas “tradicionais” ou de sabedoría popular que algunhas persoas pretenden exhibir para dotarse dunha presunta superioridade moral fronte á agricultura “moderna”.

Como conclusión sirva dicir que, o coñecemento e a ciencia son instrumentos, ferramentas coas que a humanidade actúa para “apoiarse no lombo dos xigantes” que camiñaron detrás e que cada día van sumando un elo máis na cadea. Non se trata de desprezar a existencia destes coñecementos, senón máis ben, contextualizalos, darlles a relevancia que teñen e melloralos, na medida do posible tal e como se veu facendo ao longo da historia da humanidade. Só deste xeito seremos capaces de continuar o camiño.

A lúa da colleita (I)

A lúa da colleita (I)

Damos comezo a unha serie na que explicaremos os mitos en torno á lúa e á súa influencia nas actividades e na bioloxía humana

Entre todas as conversas que manteño arredor da agricultura, o tema que, sen dúbida, xurde con máis asiduidade e un dos que probablemente xera máis controversia é o da posible influencia da Lúa nos cultivos e colleitas. Como non adoito refugar da silveira e meto os pés nos lameiros de boa gana, velaquí que vou tentar unha explicación desde un punto de vista racionalista e científico.

Desde hai anos a Ciencia leva tentando atopar unha relación entre Lúa (segundo a súa posición, fase ou luminosidade) e o desenvolvemento vexetal. Porén ningún dos experimentos realizados conseguiu demostrar con fiabilidade tal influencia. Entre a multitude de factores que interveñen no desenvolvemento vexetal, non se ten constancia de evidencias salientables do influxo do satélite en ningún dos estadios. Alén de afirmacións individuais (cuxo valor sabemos que é limitado) e valoracións de carácter etnográfico, cultural ou histórico, as probas realizadas non demostraron correlación algunha polo momento. Polo tanto imos cinguirnos a explicar algunhas opinións a respecto deste tema que xorden nos debates e coas que intentaremos tamén desmitificar esa presunta influencia que ninguén conseguiu demostrar aínda.

Para que algún corpo teña efecto noutro debe posuír algunha propiedade medible, inequívoca, que permita diferenciarse de outras. Outras interaccións sen demostración ou con efectos dubidosos, non nos serven nesta pescuda. Polo tanto e para comezar por algures é necesario que apelemos a conceptos para os que dispomos de capacidade de mensura e de observación. O primeiro será, xa que logo, o posible efecto da Gravidade.

A Lei da gravitación universal de Newton establece que a forza de atracción entre dous corpos é directamente proporcional ao produto das masas que interveñen, pero tamén é inversa ao cadrado da distancia que as separa. Isto quere dicir que, se a forza tivese un valor X, ao separarnos 1000 metros o valor desa forza dividiríase entre 1.000.000 e así sucesivamente. A Terra e a Lúa distan aproximadamente 400.000.000 metros, o cadrado da distancia limitaría, polo tanto, a forza de atracción entre pequenas masas a valores minúsculos.

Obxectivamente a Lúa ten unha masa enorme e como tal exerce sobre a Terra atracción gravitatoria, da mesma maneira que esta a exerce sobre a Lúa. O efecto desta forza é claramente perceptible no mar. E, aínda que as mareas non só se deben ao satélite terrestre, son consecuencia do mesmo en grande parte. Así que, tendo en conta a enorme masa do mar e que se trata dun líquido (e polo tanto deformable), os efectos da gravidade lunar son visibles. Porén, se pensamos nunha planta, caberían varias consideracións:

a) Unha planta non contén un volume de auga “libre”, é dicir, non se trata de auga acumulada xunta, senón que está incorporada nos tecidos, mesturada o que evita que interactúe como un só corpo.

b) Os efectos gravitatorios non podemos consideralos exercidos pola Lúa unicamente, pois a Terra e mesmo o sol tamén teñen relevancia nos movementos de marea.

c) A nivel microscópico actúan outras forzas con valores moi relevantes a corta distancia, aínda que a simple vista non se detecten, como as que sosteñen unidas as cadeas orgánicas, as forzas de Van der Waals ou a electromagnética.

Biotecnoloxía, agricultura, mercado.

Biotecnoloxía, agricultura, mercado.

Sempre que se fala de biotecnoloxía aplicada á agricultura moita xente bota man dos organismos xeneticamente modificados. Efectivamente neles hai moita biotecnoloxía, pero non só. O solo agrícola e os cultivos están gobernados por complexas relacións de intercambio químico, físico e biolóxico. Fertilidade, estrutura, humidade, aireación, microorganismos e macroorganismos establecen unha rede de dependencias mutuas nun sistema dinámico e cambiante no que a agricultura intervén para desprazar os equilibrios segundo o produto que se pretenda obter. A enxeñaría agraria e a biotecnoloxía permítennos comprender os factores de desenvolvemento dun cultivo e os mecanismos de acción dos patóxenos. Grazas a isto podemos procurar, por exemplo, os antagonistas naturais dun parasito que adecuadamente manexados frean a súa acción: Coa biotecnoloxía obtivemos a chave para entender e reproducir as Trichodermas que interrompen a acción de fungos como a Rhizoctonia ou a Phytophtora (moi daniños no pemento, no tomate, na pataca…); ou explicar por que o nabo introducido nunha rotación contribúe a frear os nemátodos e outros parasitos interrompendo o seu ciclo no chan e beneficiando así o cultivo seguinte.

A biotecnoloxía danos a oportunidade de mellorar xeneticamente unha especie. E non só creando un transxénico; tamén aplicando de xeito eficaz e en menos tempo aquilo que a humanidade leva facendo desde hai algo máis de cinco mil anos: procurar as variantes dun vexetal con maiores aptitudes ou salientando algunha característica en concreto. A selección dunha semente fronte a outra da mesma especie, coa intención de obter graos máis grandes, en maior número, que dean fariña máis branca, ou calquera outro aspecto concreto, guíase exclusivamente por criterios nos que intervén o pensamento racional. Desde o momento que unha persoa escolle certo froito para extraer as súas sementes e reproducilo está facendo valer a súa preferencia e anulando de facto as probabilidades de reprodución doutras sementes da mesma xeración. Este proceder descarta a natureza casual da evolución da especie dando prioridade a unha carga xenética fronte a outra que fica sen sementar. A agricultura, polo tanto, é unha técnica exclusivamente humana: Non existe xa ningún grao de trigo (ou de tomate, ou de centeo,…) que poidamos definir como “natural”.

A biotecnoloxía é unha ferramenta que levamos aplicando hai séculos pero que na actualidade gañou unha certa fama malvada, porque asociamos batas brancas e laboratorios cun afastamento do natural que, pensamos, é a agricultura. Detrás disto escóndese tamén un pensamento simplista e en certo modo inmobilista que tende a vencellar progreso tecnolóxico cun afastamento das esencias representadas neste caso nun ideal agrícola onde existiría unha perfecta comunión entre humanidade e terra. Este ideal non refire un sistema nin un momento concretos do desenvolvemento agrario. Outórgalle certa eternidade a un modelo sen concretar cal e que na realidade non existe: A evolución foi continua e nin sequera os modelos históricos previos á Revolución Verde do século XX (tamén chamados “orgánicos”) obviaban a biotecnoloxía.

Dentro da complexidade e diversidade da agricultura convén ter moi presente o papel do sistema económico. A produción de alimentos tamén se somete ás normas do modelo capitalista, así que a tecnoloxía agraria e os seus avances non están vacinados contra a súa mercantilización. E aí vemos a acción das corporacións que na actualidade manexan a política económica sen excluír, claro, a política alimentaria. Agora ben, identificar biotecnoloxía con esa empresa “X” que todo o mundo ten na boca, resulta unha implicación ben arriscada. Manexar a xenética é un feito científico; o modelo que permite a esa empresa (e outras, tan voraces ou máis) impór unha determinada variante dun cultivo, os seus fertilizantes ou os seus fitosanitarios no canto de outros é un feito económico e discutible.

Unha cousa é a ciencia e outra moi distinta o lucro: Unha posible solución pasaría por incrementar o control público dos procesos biotecnolóxicos permitindo que os recursos e os beneficios revertesen na cidadanía e na produción. Isto ademais de mellorar os procesos agrarios permitiría a remediación das peores consecuencias dun eventual desastre. Modelos hainos pero desde logo ningún deles pasa polo freo a investigación, senón por procurar que esta resida no público e que consiga avaliar, entre outras, as consecuencias de modelos esquilmantes coma o actual.

Imaxe: Campo de trigo. Oscar Antón Perez