A lúa da colleita (I)
Damos comezo a unha serie na que explicaremos os mitos en torno á lúa e á súa influencia nas actividades e na bioloxía humana
Entre todas as conversas que manteño arredor da agricultura, o tema que, sen dúbida, xurde con máis asiduidade e un dos que probablemente xera máis controversia é o da posible influencia da Lúa nos cultivos e colleitas. Como non adoito refugar da silveira e meto os pés nos lameiros de boa gana, velaquí que vou tentar unha explicación desde un punto de vista racionalista e científico.
Desde hai anos a Ciencia leva tentando atopar unha relación entre Lúa (segundo a súa posición, fase ou luminosidade) e o desenvolvemento vexetal. Porén ningún dos experimentos realizados conseguiu demostrar con fiabilidade tal influencia. Entre a multitude de factores que interveñen no desenvolvemento vexetal, non se ten constancia de evidencias salientables do influxo do satélite en ningún dos estadios. Alén de afirmacións individuais (cuxo valor sabemos que é limitado) e valoracións de carácter etnográfico, cultural ou histórico, as probas realizadas non demostraron correlación algunha polo momento. Polo tanto imos cinguirnos a explicar algunhas opinións a respecto deste tema que xorden nos debates e coas que intentaremos tamén desmitificar esa presunta influencia que ninguén conseguiu demostrar aínda.
Para que algún corpo teña efecto noutro debe posuír algunha propiedade medible, inequívoca, que permita diferenciarse de outras. Outras interaccións sen demostración ou con efectos dubidosos, non nos serven nesta pescuda. Polo tanto e para comezar por algures é necesario que apelemos a conceptos para os que dispomos de capacidade de mensura e de observación. O primeiro será, xa que logo, o posible efecto da Gravidade.
A Lei da gravitación universal de Newton establece que a forza de atracción entre dous corpos é directamente proporcional ao produto das masas que interveñen, pero tamén é inversa ao cadrado da distancia que as separa. Isto quere dicir que, se a forza tivese un valor X, ao separarnos 1000 metros o valor desa forza dividiríase entre 1.000.000 e así sucesivamente. A Terra e a Lúa distan aproximadamente 400.000.000 metros, o cadrado da distancia limitaría, polo tanto, a forza de atracción entre pequenas masas a valores minúsculos.
Obxectivamente a Lúa ten unha masa enorme e como tal exerce sobre a Terra atracción gravitatoria, da mesma maneira que esta a exerce sobre a Lúa. O efecto desta forza é claramente perceptible no mar. E, aínda que as mareas non só se deben ao satélite terrestre, son consecuencia do mesmo en grande parte. Así que, tendo en conta a enorme masa do mar e que se trata dun líquido (e polo tanto deformable), os efectos da gravidade lunar son visibles. Porén, se pensamos nunha planta, caberían varias consideracións:
a) Unha planta non contén un volume de auga “libre”, é dicir, non se trata de auga acumulada xunta, senón que está incorporada nos tecidos, mesturada o que evita que interactúe como un só corpo.
b) Os efectos gravitatorios non podemos consideralos exercidos pola Lúa unicamente, pois a Terra e mesmo o sol tamén teñen relevancia nos movementos de marea.
c) A nivel microscópico actúan outras forzas con valores moi relevantes a corta distancia, aínda que a simple vista non se detecten, como as que sosteñen unidas as cadeas orgánicas, as forzas de Van der Waals ou a electromagnética.