O efecto Scully

O efecto Scully

En 1993 eu tiña 12 anos, interesábame a ciencia e quería ser médica. Todos os científicos que eu coñecía eran personaxes extravagantes ou malvados, todos os médicos que coñecía (a estes coñecíaos de verdade) eran señores adustos con bata branca e traxe que fumaban Ducados. Todos homes. Se nunha serie ou película aparecía unha muller ou unha nena interesada pola ciencia, sempre era a rara da súa clase, levaba lentes enormes e aparato dental (eu tamén levaba lentes e aparato, pero esa é outra historia). Entón apareceu ela. Intelixente. Elegante. Perigosa. Perfecta.

Os que xa se criaron coa chamada “nova idade de ouro das series” non saben a sorte que teñen coa sobreabundancia de ofertas e de personaxes profundos e ben tramados, nos primeiros 90 as series eran sota, cabalo e rei, polo menos as que chegaban ao grande público. O máis parecido a unha científica que eu vira na ficción era Bonnie, a enxeñeira do Coche Fantástico, que non se sabía moi ben o que facía alén de levar a bata coas lapelas levantadas (iso fascinábame).

Expediente X, e a axente Dana Scully, cambiárono todo. Porque era unha personaxe feminina ben caracterizada e complexa, con motivacións propias que ademais van cambiando ao longo da serie, e que se amosaba de xeito positivo. Era intelixente e un pouco empollona, si, pero tamén era seria, competente e atractiva, sen estar excesivamente sexualizada. Visto en perspectiva, era moi doado decidir que a trama da serie pivotase sobre o antagonismo-amizade entre dous polis ao uso, como tantos produtos exitosos da época,e porén decidiron que a antagonista, e posteriormente amiga, fora unha muller, e ademais unha muller que non aparece definida polo feito de selo, non é “a rapaza” no sentido do interese erótico do protagonista unicamente. Scully é predominantemente unha científica, unha escéptica e a mente racional do equipo, que circunstancialmente, é muller. Fálase incluso do efecto Scully, como esta personaxe marcou a toda unha xeración de nenas que hoxe nos dedicamos a eidos relacionados coa ciencia, porque nos deu un modelo nun mundo carente de modelos, ou no que estes eran pexorativos.

Se me preguntasen se hoxe eu sería médica sen Scully, a resposta é que probablemente si. No meu caso, eu tiña todo ao meu favor, pero estou segura de que moitas nenas non o tiñan tan doado. Para min era relativamente indiferente seguir sendo a empollona, pero pode ser que moitas das miñas compañeiras se visen disuadidas por todos os estereotipos negativos (raras, feas, extravagantes…) en torno ás mulleres científicas, ou pola percepción de que era un mundo eminentemente masculino, no que non tiñan cabida.

Hoxe é o día da Muller e a Nena na ciencia, e continuamos necesitando referentes. Non só personaxes de ficción, senón tamén mulleres reais, con vidas reais, que lles amosen ás nenas e mozas de hoxe que o coñecemento científico non é necesariamente masculino, e que precisamos os cerebros de todas para cambiar o mundo.

Imaxe agasallo de @moleculas-en-galego

Comentarios pechados.