Por que cremos en cousas raras? (I)

Por que cremos en cousas raras? (I)

Este venres estiven en Carral falando dos motivos que nos levan a crer en cousas raras. A actividade chámase C4: Ciencia, Cultura e Cervexa en Carral, e podo dar fe de que as catro cousas son certas. A xente da Asociación Eco-Cultural Lacrar é marabillosa, fixéronme un cartel chulísimo, non sei de onde saían as cervexas e regaláronme un pan, que creo que deberían incluír no título das palestras. Ciencia, cultura, cervexa e Comer pan de Carral, debía chamarse.

Os motivos que nos levan a crer en cousas raras son moitos e moi variados, e hoxe quero falar concretamente dos factores de personalidade. Máis aló do nivel cultural, que pode actuar como factor protector, pero só ata certo punto, determinados estilos cognitivos poden facer que sexamos máis proclives a crer en milagres, en reptilianos ou na conspiración lunar. Ás veces, incluso en todo ao mesmo tempo.

1. Pensamento máxico: suponse que o pensamento máxico é unha caracterísitica do xeito de pensar infantil que abandonamos progresivamente cando nos facemos adultos, pero non sempre é así, ou non o é totalmente. Baséase en atribuír causalidade a feitos non correlacionados entre si, como pasa con case todas as supersticións, pero tamén co pensamento relixioso. Levar un certo xersei aos exames, pero tamén sacar un santo en procesión para que chova, ou rezar para que algo aconteza, son exemplos de pensamento máxico. As persoas tendentes ao pensamento máxico tamén cren que desexar algo con forza pode provocar que se cumpra, ou que pensar en algo malo pode ser a causa de que suceda. Polo tanto, tamén as crenzas supersticiosas “de autoaxuda” (o universo conspira ao teu favor, e cousas así) estarían dentro do pensamento máxico.

2. Desconfianza excesiva ou paranoidismo: o pensamento paranoide caracterízase por atribuír intencionalidade negativa a feitos neutros ou incluso positivos. Crer, por exemplo, que alguén que che sorrí en realidade se está a rir de ti. Estes estilos de pensamento fan máis probable que se acabe crendo en conspiracións máis ou menos rebuscadas, dende que o ser humano non chegou á lúa ata na teoría reptiliano-illuminati. Curiosamente, as persoas que razoan deste xeito poden chegar a crer ao mesmo tempo cousas incompatibles entre sí, como que non chegamos á lúa e que o Apolo XII atopou unha base extraterrestre na lúa.

3. Esquizotipia: a esquizotipia é unha tendencia cara todo o máxico, esotérico ou paranormal, un xeito de pensar que tende a crer en forzas invisibles e enerxías místicas que gobernan o mundo. Para estas persoas, parece moito máis natural crer no karma ou no destino que na aleatoriedade inherente á existencia. Non precisan ningún tipo de proba para crer, e son pasto doado de tarotistas, mestres reiki e sanadores orientais de calquera ralea.

4. Locus externo de control: hai persoas que tenden a infravalorar a súa propia capacidade para influír no curso das súas vidas. Teñen a impresión de que todo o que lles acontece está fóra do seu control e non poden facer nada, ou poden facer moi pouco, para evitalo. Disto a crer no destino ou nun deus vingador, como podedes imaxinar, hai un paso.

5. Rixidez cognitiva: é a dificultade para modificar os patróns de pensamento e conduta para acomodalos ás circunstancias. Isto non quere dicir que unha persoa ríxida teña que crer necesariamente en cousas raras, pero si que, se recibe unha educación de tipo relixioso, por exemplo, custaralle máis cuestionar as súas crenzas á luz da evidencia científica. Son os fans do “sempre se fixo así”.

Se vos recoñecedes nalgún ou incluso en varios destes grupos, tranquilos. En principio, todos podemos ter unha certa tendencia ao pensamento máxico ou ao paranoidismo, e iso non significa que vaiamos acabar cun gorrito de papel de aluminio na cabeza. Só quere dicir que temos que aguzar máis o sentido crítico para non deixarnos levar por crenzas ou pensamentos irracionais. A vindeira semana, máis motivos para crer en cousas raras.

O meu pago en especias

2 pensamentos sobre “Por que cremos en cousas raras? (I)

  1. Moi interesante, Raíña. Qué opinas da posibilidade de que unha certa tendencia á relixiosidade estexa inscrita na nosa programación mental (en maior medida nuns que outros, mais presente?). Algúns defenderían o valor terapeútico e optimista da crenza relixiosa (permite aceptar as miserias da vida mellor e os temores á morte).

  2. Que ben velo de novo por aquí! Isto lémbrame aos vellos tempos do blogomillo 🙂
    Precisamente o seguinte post vai sobre iso, os factores evolutivos que subxacen ás crenzas. En canto ao suposto beneficio perante a morte, se así fose as persoas relixiosas terían unha mellor experiencia nas enfermidades graves ou terminais, mentres que os ateos morrerían aterrorizados, e non parece que sexa así. Incluso se así fose, crer nalgo manifestamente falso só porque sexa conveniente ou consolador non parece unha boa opción, e ademais os efectos perniciosos das crenzas relixiosas, en termos de vidas humanas, pero tamén de sufrimento psíquico para os seus crentes, e sobre todo de opresión, superan con moito o posible beneficio nesas circunstancias.
    Benvido de novo!

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.