Campos morfoxenéticos? (e 2)
A idea dunha memoria colectiva non é patrimonio do doutor Sheldrake. De feito, o que el postula parécese moito á idea de Jung dun incosnciente colectivo, que ao principio era moi semellante eo supereu freudiano (unha conciencia social e moral) e rematou derivando na idea dunha memoria de especie, un caudal común de coñecementos que os seres humanos compartimos polo feito de selo. Jung explicaba con isto cousas como a telequinese ou a telepatía, que serían reverberacións na memoria colectiva.
Pensar que existen realidades mais aló da nosa capacidade de coñecemento é ter en moi pouca estima á nosa especie. Podemos dicir que hai cousas que non sabemos aínda, pero cando alguén sostén que tal ou cal idea non é demostrable (ou refutable) e nunca o será, porque pertence a outra orde de cousas, dá para desconfiar. Aí xa estamos entrando no cenagoso terreo da fe.