A idea dunha memoria colectiva non é patrimonio do doutor Sheldrake. De feito, o que el postula parécese moito á idea de Jung dun incosnciente colectivo, que ao principio era moi semellante eo supereu freudiano (unha conciencia social e moral) e rematou derivando na idea dunha memoria de especie, un caudal común de coñecementos que os seres humanos compartimos polo feito de selo. Jung explicaba con isto cousas como a telequinese ou a telepatía, que serían reverberacións na memoria colectiva.
Supoño que si é certo que compartimos cousas polo feito de pertencer á mesma especie, pero eu opino que son mais ben xeitos de organización da información que información en si mesma. É como se todos tiveramos o mesmo disco duro, pero cada un pode metelle os programas que lle pete. Vai ter funcións distintas, pero o xeito de traballar é o mesmo. O que non comparto con Jung nin con Sheldrake é esa idea de certa transmisión xenética da información. Ou mellor: a idea non me parece nin boa nin mala en si mesma, pero hai que demostrala. Por moi disparatadamente xenial que semelle, hai demostrala para que sirva de algo.Como se explica entón (pregúntase Sheldrake, MD, ao que non podo deixar de imaxinar cunha capa con lúas e estrelas) o feito de que o cociente intelectual da especie humana aumente progresivamente nos tests? Ocórrenseme varias explicacións alternativas, como por exemplo o maior hábito de lectoescritura ou de pensamento abstracto que temos hoxe en día, ou que o CI sexa un instrumento defectuoso sesgado polo nivel cultural. Non son nin mellores nin peores explicacións, pero teñen a avantaxe de que se poden deseñar experimentos para descartalas ou confirmalas. Como probamos a existencia da alma, de deus ou da memoria colectiva? Se fora agnóstica, diría que son obxectos espirituais que caen fóra do alcance da ciencia. Como non o son, digo que son ideas que non admiten refutación, e polo tanto valen o mesmo que dicir que hai unha pequenos homiños verdes que me falan e que só eu podo ver.
Pensar que existen realidades mais aló da nosa capacidade de coñecemento é ter en moi pouca estima á nosa especie. Podemos dicir que hai cousas que non sabemos aínda, pero cando alguén sostén que tal ou cal idea non é demostrable (ou refutable) e nunca o será, porque pertence a outra orde de cousas, dá para desconfiar. Aí xa estamos entrando no cenagoso terreo da fe.
2 comentarios en «Campos morfoxenéticos? (e 2)»
e o infinito é fé ou ainda ninguém chegou a ele?
xantando un día de febreiro deste ano cunhas compañeiras de teatro e falando das asombrosas bandadas de paxaros [anduriñas], alguén nomeou para os meus oídos virxes iso de campos morfoxenéticos. Ela denominounos campos mórficos o que, segundo lin, vén a ser o mesmo.
Pregunteille, interesada [algo que explica un comportamento colectivo dun xeito xenético? a ver, a ver] Explicou o que ti contas nestes dous posts [mencionando tamén a Sheldrake, que eu de inmediato relacionei con Mandrake, jaja] e pareceume, igualmente, unha teoría que parte dunha especie de superstición [ese famoso “algo por riba de nós”, ese patrón inexplicable, inescrutable, inconmensurable, in de in e todas as entradas in do dicionario] para vestirse coas ropaxes da ciencia máis punteira [memoria, comportamentos insolitamente ordenados na natureza, xenes] e así colarse en calquera simposium.
A idea é tentadora de aceptar. Estamos todos unidos por un fío invisible que nos fai avanzar nunha certa progresión… Pero é aí onde non ma creo. Na palabra progresión e na súa irmá decimonónica: progreso. A teoría deses campos presupón que existe unha certa aprendizaxe colectiva e inconsciente na orde natural dos obxectos do mundo.
Aprendizaxe cara onde?
Sermos máis intelixentes nos tests de CI [nos que non creo moito] garantirános non acabar coa nosa propia especie?
Que significa ser máis intelixente a nivel cósmico? Durar máis? Chegar máis lonxe?
Os campos mórficos levan algo da añorada telepatía, desa comunicación a través da non-contigüidade algo que, polo de agora, só lograron as empresas de telefonía móbil, mal que nos pese.
Detecto unha especie de consuelo espiritual nesa teoría.
Non sei. Supoño que teño que ler máis sobre o asunto para moldear unha opinión de certa consistencia, pero polo de pronto faime enrugar o nariz. Talvez un prexuízo parvo.
Grazas polos posts, en todo caso. Son moi interesantes
Comentarios pechados.