Identidade

Identidade

No principio, foi a dopamina. O pó máxico que convirte os feitos en recordos. Suavízaos, desdebúxaos, destácaos. A outra cara da moeda, os lentes a través das que vemos a realidade. Se os teus pensamentos soan, como podes saber que son teus? Os circuitos neuronais como as curvas dunha estrada. Como un novelo de fío finísimo que nos contén. O fío da vida. Cando te recoñeces no espello, algo muda. O teu corpo como unha marioneta. Só tes que pensalo e móvese.

Se tiveras os ollos doutra cor, seguirías sendo ti? E se naceras noutro lugar? Nunca saberemos o que sucedeu antes de recoñecernos no espello. O equilibrio entre moléculas e receptores determínanos. Un erro, un exceso, e diluiríamonos. Non saber que vives é como non existir.

A música das esferas, a música dos neurotransmisores. Millóns de quilómetros para ler tres notas. A cada paso, unha perda irreparable. Alonxámonos do comezo deixando unha estela de recordos. Tiveches algunha vez un déjà vu, un erro no sistema?

16 comentarios en «Identidade»

  1. Eu tiven moitos deja-vu… non sei se polo eterno retorno ou por un erro (mais) na industria de cine americana. Por outra parte sei que eu seguiría sendo eu en calquera circunstancia na que me deixaran a man un disco de Ensiferum…. pero non me fagas pensar moito sobre a identidade, que a última vez saíu esa cousa que aportei a “proxecto identidade”, 😛

  2. Por sorte os erros no sistema como o déjà vu non o desequilibran o suficiente como para tirar abaixo con el. Eu teño centos deles.

  3. Eu tamén teño a sensación de ter vivido episodios de déjà vu. E non penso neles como erros do sistema.

  4. Qué chulo lle quedou o post. Dellabú non sei se tiven, pero erros do sistema, cada día máis. E o que me queda!

  5. tíveos e gustanme moito. Gustame o caos, esa condición fráxil e anárquica da memoria e do que somos (ou do que pensamos que somos). Non sempre fun asi. Ao longo de moitas décadas, fun deses que queren (ilusos!) gobernalo todo. Pero hoxe en día, vou cara adiante conciente do delicado e mentireiro ronsel de recordos ou ficcións que queda…

  6. Nova nota 8

    Moucho: que sorte ter tan claro o teu núcleo de personalidade. Non sei se seguirías sendo ti, dende logo a túa lista do last.fm seguiría sendo túa 🙂

    Mario: centos? Estás a piques de desconectarte de Matrix, logo.

    Bouzafría: hai unha teoría que di que os déjà vu provócanse porque os hemisferios cerebrais non están perfectamente sincronizados, ou porque che pega un subidón de dopamina sen vir a conto. Sexan ou non erros (a teoría psi é que son ecos de vidas pasadas, non si?) é unha sensación do mais curiosa…

    R.R: graciñas. Era para que saíra no de Identidade, pero non chegou a tempo ao prelo, coido. mea culpa, que o deixo todo para última hora. Agora tírome dos pelos ao ver o guai que quedou o proxecto.

    Torre: eu tamén son (aínda) das obsesivas do autocontrol, así que estas cousas danme un chisco de medo. E dende logo hai poucas cousas mais incontrolables que a propia memoria. A moi cabrita.

  7. hai posts que a mesma palabra lle queda minúscula, que excede máxicamente da rutina de deglución de reflexións vulgares, amarelas e adhesivas. Esta é unha sinapse marabillosa que provoca pensamentos inéditos, sensacións inspiradoras, nítidas. E si existes porque a raiña pensa en ti?e si eres só unha nota, un paso, un recordo doutra vida doutra persoa? Non me importaria recoñecerme nun espello alleo porque me gusta o teu reinado e a tua cor…a única perda irreparable seria non lembrar esta identidade…a que che soa ler xa este comentario nun sitio moi semellante, xa visto?

  8. Que chulo quedou. Eu son un erro do sistema con patas, menos mal que non funciona baixo Windows, se non estaría todo o día coas alertas de erro 😉

  9. e cal sería a combinación adecuada de neurotransmisores que che permite pensar nunha sensación, nunha frase ou nun bo texto coma o seu.

  10. pois oxe mesmo estou coma se fose um déja vu, talcalll.
    imos dir o sabado por compos xa che chamarei. beijos

  11. Interesantes reflexións sen dúbida, tes un blog moi interesante, por certo acabote de coñecer, hei voltar máis veces. Saúdos.

  12. Tsk, tsk… a química asaltando a metafísica. Co cal me lembro de Vicente Risco escandalizado nas Alemañas cando os comunistas galegos que o recibiran alá (entre eles un Tobío, que será Lois Tobío, imaxino), lle ponderaban a materialidade de todo, incluído o sexo (ese Berlín liberado dos anos 20…), mentres Vicente sacaba da alxibeira o idealismo máis estoico-platónico ca cristián (soma, sema) en contra do ‘darlle gusto ao corpo’, ao tempo que loubaba a eses nacional-socialistas que lle negaban o futuro aos comunacas e que no fondo, eran bos rapaces, anque algo exaltados (mellor se fosen católicos).

  13. Roi: en realidade, a Raíña Vermella só existe porque Alicia a soña. Do outro lado é o gatiño negro:)

    Pastor: grazas! Iso é moito vindo do novo valor do microrrelato electrónico 😉 Dende logo, até os erros do sistema molan mais con Linux.

    Manel: benvido polo Espello. Ás veces é difícil saber cal é combinación adecudada até para erguerte pola mañá, para canto mais.

    D’Agolada: Moitas grazas. Xa sabes que sempre estás convidado ao té.

    FraVernero: Ai, Fra. Xa sabe vostede que unha é dramaticamente materialista e mais dramaticamente aínda hedonista e anticlerical. Lástima de don Vicente, debe ser do mais aburrido ser estoico.

    Suso: é certo! Aínda que ben pensado, eu no fondo sempre escribo sobre un espello.

  14. (segundas partes nunca foron boas…)

    Supoño que os erros no sistema acaban por ser os que nos conectan coa realidade, os q nos alertan de que nada é como o vivimos dentro da nosa cabeza. A min moito me intriga se realmente dá igual o que somos pra nós porque só somos aos ollos d@s demais, das que están fóra e nos ven, nos reciben. O certo é cada vez vexo máis distantes esas dúas dimensións, máis incomunicadas, até o punto de andar cavilando se poderiamos levar por dentro algo totalmente distinto ao que se ve, se se perden cousas nese tránsito do sistema nervioso ao movemento. “seino pero non o explicar”, terá sentido esta afirmación?
    E despois esta, se admitimos q somos a partes iguais o q pensamos e como nos pensan, se cambia como nos ven, cambiamos nós? Se cadra si, ás veces penso q si, q é igual ca se un día nos levantamos e nos vestimos de mods, heavies, hippies ou pij@s… acabariamolo sendo, tarde ou cedo… a imaxe, a representación, acaba por conformarnos… ou non?

    non sei, isto da conciencia tenme moi intrigada… ains… mil bikiños!

  15. Ima: recollo a túa reflexión para un próximo post, merece unha resposta un tanto mais longa e mais currada que un comentario. Un bico grande.

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.