Átomos e Caracolas

Átomos e Caracolas


Como me deu por pensar sobre as matemáticas e a miña experiencia con elas, pasei a pensar na física, na miña época de ler ciencia-ficción e ensaio científico, e nun problema co que me dou de cabeza unha e outra vez, a saber, a falta de cultura científica. Non falo de que a xente saiba os nomes dos últimos premio Nobel (eu tampocuco os sei), nin de que as conversas na cafetería traten sobre se o universo ten forma de cadeira de montar ou de chapeu boca abaixo. Falo de distinguir entre un virus e unha bacteria (que se asemellan entre sí como un verme a unha balea), de saber que unha molécula é unha orxía de átomos moi xuntiños, e cousas polo estilo. Teoricamente, todo isto aprendémolo no colexio. Na práctica, o sistema educativo diche, máis ou menos: “ti para que precisas isto, se os átomos nin se ven, e as matemáticas, total, non as entende nin Dios? Iso é para os científicos, como o fulano ese da cadeira de rodas” É dicir, ninguén che explica para que valen.

A ciencia, como a arte, vale para entender o mundo no que vives. Para entender por que non serve de nada que te poñas cego de antibióticos cando tes gripe. Para saber que, cando alguén fala do “cen por cen de probabilidades”, está intentando que merques algo. Para ler a Asimov, que vale a pena, e enterarse. Para comprender que o Nautilus, aquí na foto, non medra así porque se vaia de guai e de sobrado, senón porque sabe matemáticas.

A outra cousa que ocorre é que, entre a xente en principio culta, percíbese un olímpico desprezo cara o coñecemento científico. Supoño que parte do problema é que se asimila ciencia a técnica, industria, economía, capitalismo. Coido que esa é, pouco máis ou menos, a liña de razonamento, en parte inconsciente. Cada quen é moi libre de poñer calquera cousa en relación con calquera outra, e tampouco vou ir eu aquí de abanderada da neutralidade (que mal rollito da esa palabra) da ciencia, pero ao meu entender o erro reside en confundir a ciencia como método coa aplicación que dela se fai. A ciencia-método só che describe a curva perfecta do Nautilus, e ao Nautilus dálle igual as teorías que fagas arredor del. Xa estaba aquí antes dos dinosauros, e probablemente aquí seguirá, haxa ou non alguén para describilo.

7 comentarios en «Átomos e Caracolas»

  1. Anda, pois quê interessante reflexiom…eu som um absoluto lerdo em matemática e em biologia, mas é por curtedade mental, nom é porque nom goste…no fundo a gente que sabe de matemática, de física, de biologia, de arquitectura, de química…da-me inveja. Nada é, no mundo do conhecimento, supérfluo nem gratuíto. Tudo tem umha explicaçom. E umha aplicaçom.

  2. A min tamén me dá envexa a xente que ten “ese algo” para as ciencias exactas que eu non teño. Igual che plaxio esa frase: “Nada é, no mundo do coñecemento, superfluo nin gratuito” Se me deixas, claro 🙂

  3. Eu respeto infinitamente tóda-las ciencias… logo con algúnha non me levo ben (caso das matemáticas propiamente ditas), e outras me apaixoan (caso da astrofísica)… ler a Hawkins ou a Carl Seagan é un pracer inmenso.

    un saúdo.

  4. Carl Sagan marcou a miña infancia, “Cosmos” e os xerséis de pescozo cisne:)Aínda lembro frases e imaxes de capítulos. Eu creo que ninguén que dea con Sagan ou con Hawkins, ou con C.Clarke, pode seguir indiferente ante a visión do mundo que aportan.

  5. Ben, que tamén había un socialismo científico, así que tampouco debería asociarse só ao capitalismo. E certo que determinados científicos contribuíron ao odio “elevándose” xerarquicamente como novos señores feudais. O que hai que entender é que, así como os irmandiños tiraban os castelos, pero non rompían as espadas, senón que as roubaban para que o pobo se libertase, con eses científicos temos que facer o mesmo. Roubar a luz de novo para os que viven na escuridade. Derrubar a xerarquía, pero non as súas ferramentas, que ben nos valen para moitas cousas se as empregamos mellor do que o fixo o capitalismo. En calquera caso está de moda estar contra a ciencia, en parte porque así se pode desbarrar tranquilos de determinadas cousas sen ter que xustificalas.

  6. Dou fe de que tes razón, raiña vermella, cando falas das incoherencias do sistema educativo. Do mesmo xeito que a outra xente apártana totalmente do camiño das ciencias, non porque non lle gusten, se non sinxelamente porque son uns apaixoados do latín, tamen turran e turran de nos os que preferimos ciencias para que esquezamos o gusto pola literatura, polos idiomas e as letras en xeral. O máximo dis gregos que aprenderemos e que a letra “fi” tradúcese como radio de curvatura e “alfa” como o grao de apaertura dun ángulo. E diremos “mira que falaban raro estos gregos”
    Grazas por escoitarme nesta hora do te tan circular como o tempo para os poropios gregos.

  7. Estasme dando moitas ideas q me gustan para os seguintes post, gato. Ao final este vai ser un blog a medias cos q me escribides comentarios:) A min pásame algo semellante, a miña relación académico-profesional co latín e o grego redúcese a unhas cantas palabras e á letra “gamma”. A min pasoume co latín o mesmo que lle pasou amoita xente coas mates, que tiven unha profesora que mo fixo aborrecer, cando agora coido que noutras circunstancias gustaríame, porque no fondo parécese un pouco ás mates. Se cadra o próximo post vai dalgo disto. Ata a seginte hora do té.

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.