Océanos de Coñecemento
Xa que Arale menciona a palabra “divulgación” para referirse ao meu blog, cousa que me honra, agora non me queda mais remedio que cumplir e divulgar. Coñezo xente, científicos e non científicos, que lle teñen auténtica alerxia tanto á palabra como ao concepto mesmo de divulgación, que engado que non ten por que ser só científica. Esta xenreira xustifícase xeralmente dicindo que as obras feitas con este fin simplifican en exceso ou son pouco rigorosas, ou que dan unha idea banal sobre os temas que tratan. Eu sospeito que, en realidade, o que pasa é que hai xente á que lle gusta crer que os “seus” temas son máis complicados do que en realidade son, ou que desexaría que seguiran sendo escuros e misteriosos, porque queda moi guai ir pola vida de iluminado, falando de cousas que ninguén mais ca ti entende.A min si que me gusta a divulgación, e paréceme necesaria, xa que a ciencia ás veces manexa ideas difíciles de comprender, pero trata sobre “como funciona o mundo” que diría o doutor Beakman, é dicir, que nos atingue e nos interesa a todos. Ou debería.
A cousa foi que empecei a pensar sobre o tema , e entre iso e un post de Mr. Harvey, lembreime inmediatamente de canto me gustaba “Cosmos” a serie de Carl Sagan. Lembro como cocían un bolo con pasas para explicar como se separan as galaxias, e que existen mares de metano líquido. Lembro como me enterei do que era a relatividade, os anos-luz, as supernovas e as estrelas de neutróns mentras devoraba bocatas de queixo con marmelo (é que non me gusta a nocilla) e de que a evolución pode facer que se debuxe a cara dun samurai na casca dos caranguexos. Por suposto, convertinme nun pequeno monstro de seis anos que trataba de convencer aos seus compañeiros de cole, a piques de facer a comuñón, de que o ser humano descendía dos monos. Todo un fracaso social.
Ademáis, a serie parecía que trataba de todo o que a un lle puidera interesar, o ADN (noviño do trinque daquela), a memoria, a evolución, as viaxes espaciais… Unha das cousas que mais me gustaran, ademáis do do bolo de pasas, era a historia do Voyager. Saber que hai por aí fora, flotando no espazo, un disco de ouro con saúdos en varias linguas e distintas pezas musicais (entre elas os Concertos de Brandemburgo, inmellorable escolla) para que o atope unha civilización extraterrestre, paréceme, aínda hoxe, unha das cousas máis evocadoras e mais poéticas que escoitei nunca.Tamén me encantaba o capítulo da Biblioteca de Alexandría, pero iso queda para o seguinte post.
A miña simpatía cara Sagan, Hawking, Asimov e compaña parte da convicción de que nunca podería descubrir todo iso por min mesma, sen o tamiz que supuña o doutor Sagan e o seu xersei de cisne, e moito menos cando aínda tiña un cerebro blandiño, receptivo e permeable. É dicir, que son quen son, o mesmo pequeno monstro crítico e incómodo pero un pouco (tampouco moito) mais grande, en parte gracias a eles, que me ensinaron que eu podía saber cousas que os maiores non sabían, que non facía falta Deus habendo Big Bang e que “a nosa especie é nova, valente e promete moito, e estamos só mollando os pés nas beiras do océano do coñecemento”.
P.D: mirade este vídeo, que é curtiño e sae el co xersei de cisne:)
8 comentarios en «Océanos de Coñecemento»
Vaia unha memoria que tes. Lembro cousas, si, o da enterprise e de como falaba do universo.
O que si me acorda e co que gorentaba un googol plex era cos documentais de historia, como cando falaban das antigas civilizacións de américa, os Incas e todo aquelo. Flipaba. Cando neno a historia me fascinaba.
Aínda hai pouco vin o programa de Sagan, un amigo meu púxoo no DVD e eu fiquei apampado, non me lembraba del en absoluto.
Eu gosto moito do que chamas(mos) divulgación científica, Asimov é dos meus favoritos, o que pasa é que moitas veces me sinto coma se fose o rato Lester do programa de Beakman.
P.D. Por certo, saes na blogaliza como post destacado. Noraboa.
Andades vivos esta mañá, como se notan as vacacións! Eu tamén fllipei un pouco cando buscaba no you tube o vídeo, é estraño como lembras as cousas de cando es neno, pero neste caso non me decepcionou en absoluto;)
Pastor: que ilusión me fai o de blogaliza!! o meu primeiro destacado!! Aínda que é raro, porque teño a sensación de que ás veces cúrrome moitísimo un post e pasa sen pena nin gloria, e outros coma este, que me saen case sen pensar, parece que teñen mais éxito. Por certo, o mundo de Beakman tamén facía unha labor de divulgación que flipas, que non?
Cambote: o do googol plex era como cando te insultaban e dicías “pues tu infinito más!” É xusto iso: infinito mais;)
Eu também li a Carl Sagan, Assimov, Stephen Hawkings…
Esso quando passei dos trinta.
Antes, nas áulas de física não era quem de comprender nada.
Onte vi num programa de Redes, umha reportagem sobre o macro e o microcosmos precioso.
Não posso escrever mais, porque sinto-me fatigada mentalmente.
Quando fique bem, visitarei este blogue tão interessante.
Saudos
Ben, eu nunca tiven a oportunidade de ver a serie, mais sí o libro homónimo, ‘Cosmos’, baseado nos capítulos e que está na biblioteca da Serra. Pareceume un libro fascinante e entretido, cheo de láminas e dunha ciencia seguíbel polos leigos, con elementos de inspiración notorios (como os adicados a outros seres intelixentes que poidan existir e as súas especulativas formas de ser e pensar: ‘poesía matemática’, corpos de luz?’. Ou aqueles seres-globo que, especulaba, podían flotar nas convencións térmicas de Xúpiter…).
Algo máis escéptico era co seu modelo do esplendor Alexandrino eclipsado polo auxe da Relixión -o meu ateísmo radical esixe, nembargantes, un maior desenrolo e complexidade no tema exposto, e a ciencia helenística tamén tiña limitacións e antinomias das que non lle tería sido doado saír-. Supoño que moitos científicos, como dís, lamentan o perigo de caer en reduccionismos similares cando se meten no eido do divulgativo, mais é un risco que creo que merece a pena correr. A obra de Sagan, dende logo, confírmamo.
Vaia! Pois é todo un honor ter esa microparcela de culpa na xénese dun post tan interesante 🙂
Hei de confesar que non tiven a sorte de gorentar a serie de Sagan, mais si que devoraba os apéndices de curiosidades dos libros de mate e física ao tempo que era devota de Beakman (ilusa de min cheguei a enviarlle unha pregunta via postal). Como tí ben dis, é moi triste esa actitude dalgúns “académicos” (por chamalos dalgún xeito) que semellan ter medo de que un público extenso entenda os temas que estudan, como se o coñecemento fora unha propiedade ou unha cuestión de elites. Menos mal que hai figuras como Sagan, Hawking, Asimov, Punset e mesmo Beakman para contribuir realmente á difusión do coñecemento.
Rifenha: benvidísima, alégrome de ter visitas dende tan lonxe, este é unn dos pequenos milagres cotiás da rede:) Alédome de que che gustara o blog, eu tamén andiven curioseando polo teu. Se che apetece, gustaríame que nos contaras o do macro e microcosmos, que ven moito ao caso e é moi interesante.
FraVernero: eu tamén lin o libro e tamén me pareceu moi interesante, igual que todo o que lin del. Este home ten un don para facer fácil o difícil. Coido que no caso da ciencia alexandrina, si que a explicación pode resentirse un pouco pola simplificación, pero aínda así… ben, non me meto máis, porque é o meu próximo post e se non vouno escribir aquí! 😉
Arale: os apéndices eran o máis interesante dos libros de texto, e moitas veces o único que lembras ao final. E habería que crear a “Cátedra Beakman” nalgunha facultade de ciencias.
Carl Sagan é un crack… a súa novela “Contact” fíxome disfrutar coma un anano, anque logo foi levada moi torpemente ao cine.
Un brillante ateo materialista… como deus manda.
Comentarios pechados.