Océanos de Tempo

Océanos de Tempo

Hipertexto, información, biblioteca. O Pastor Eléctrico abriu un tema apaixonante, a idea de recopilar toda a sabedoría (léase información) do mundo, poñela xunta e facela accesible.O Proxecto Xanadu, que deviría na actual internet. Iso é o maior logro das novas tecnoloxías, facer accesible calquera información para todo o mundo (antes de que ninguén diga nada, si,
refírome ao mundo occidental, e si, non debería existir esta barreira entre os que temos acceso á tecnoloxía e os que non a teñen).
Cosm
O primeiro intento de recopilación universal de información, de coñecemento, foi a Grande Bibiloteca de Alexandría. Fálase dunha cifra que oscila entre 700.000 e 900.000 volumes, todos copiados a man dos orixinais, ou mercados pagando, supoño, cifras astronómicas para a época. O único que está claro historicamente é que foi fundada por Ptolomeo no século III antes da Era Común (a.E.C) Despois diso, todo son lendas. As doazóns de libros Marco Antonio a Cleopatra, o seu incendio cando Exipto cae ante o Imperio Romano. Parece que no século IV da Era Común, a Bibllioteca seguía a funcionar, fora a mesma fundada por Ptolomeo ou unha institución que a sucede. Seguramente, xa pasara a súa época de esplendor.

Os historiadores insisten moito no aspecto mítico da Grande Biblioteca. Probablemente, repítese, foi mais unha lenda creada con posterioridade sobre unha realidade mais ben modesta. A min dame igual. Eu creo que o realmente valioso da Biblioteca non é que tivera 200.000 ou 900.000 volumes, nin o seu funcionamento real. Creo que o marabilloso foi a idea que a moveu, que non se voleveu a repetir ata os nosos días, de querer recopilar todo o coñecemento do mundo, de converterse nun lugar onde científicos ( e digo ben) de toda a terra coñecida puideran estudar sen ningún tipo de restricción.

Dame igual, tamén, se se quimou con Xulio César, ou se no século IV era só unha sombra do que foi. O que tamén está claro é que foi saqueada por fanáticos cristiáns, movidos polo patriarca Cirilo, ou por Teófilo (iso tampouco me importa demasiado) e que á mestra Hipatia arrastrárona fóra do Museo e esfolárona viva. Literalmente. Arrincáronlle a pel a tiras mentres aínda estaba viva.

Nunca saberemos o que se perdeu. Coméntame FraVernero que a ciencia helenística tiña as súas propias contradiccións, os seus propios erros, e sei que ten razón. Se cadra a Biblioteca remataría por pecharse, decaería e desaparecería, xa estaba nese camiño. A fascinación que sinte Sagan, e que se reflexa en Cosmos, non é polo que foi en realidade, senón polo que representa, porque o que sabemos con seguridade é que ese saqueo e ese asasinato marcan o paso da época do coñecemento á dos libros proibidos, da tolerancia relixiosa ás persecucións cristiáns (que por certo, comezaron as súas propias persecucións en canto deixaron de ser perseguidos).

Pénsase que Hipatia estaba interesada na aínda moi incipiente tecnoloxía, e que inventou varios inxenios, entre eles un aparello para destilar a auga e unha rudimentaria máquina de vapor. Non sei, igual quedaban en nada ou pasaban desapercibidos, pero o caso é que a máquina de vapor descubriuse de novo, como moi cedo, no XVII.

A Grande Biblioteca foi o primeiro intento de hipertexto, de comunidade de sabios e científicos traballando xuntos e sen cortapisas relixiosas, á marxe do que os preconceptos da época puideran marcar. Tardamos case dous mil anos en chegar de novo a ese punto. Eu sospeito, creo, que coa destrucción da Biblioteca e do xeito de entender o mundo que simboliza, a historia do coñecemento humano retrocedeu mil anos, pero nunca o saberei con certeza.

11 comentarios en «Océanos de Tempo»

  1. Seica a queima da biblioteca de Alexandría marca o comezo das eras escuras. Agora non está de moda o de pensar na historia da humanidade como un camiño, fálase sempre de ficción teleolóxica, nese sentido non se pode falar de marcha atrás, ou de retroceso. Entón o que nos resta é sinxelamente a posición ideolóxica. Hipatia si, Igrexa non. Se cadra non camiñamos cara a atrás, pero preferiría mil veces ser un conserxe en Alexandría que un bispo na Igrexa católica.

  2. Eu lembro-me da biblioteca de Sarajevo e da passividade de nós os occidentais que permitimos a destruiçom de tal maravilha por parte daqueles loucos serbios cegados polo odio religioso. Lembro-me também do grande filme de Truffaut: Fahrenheit 451 baseado na novela de Ray Bradbury onde umha sociedade futurística proscrevia os livros num mundo onde os incendios foram desterrados e os bombeiros dedicavam seus esforços a queimar toda criaçom literária. Paradigmas da vida!
    Agora nom é preciso o papel pra armazenar a sabedoria… será um plano maquiavélico pra queimar os servidores de internet umha vez que tenham desaparecido os livros e mesmo os discos de vinilo? Aí deixo a pergunta!

  3. Ao respecto do que di Mario sobre a imposibilidade de pensar na humanidade como un camiño, creo que a metáfora pode ser retábel se a multiplicamos e pensamos nunha cantidade infinita de camiños e tempos que discorren simultaneamente. O caso é que imos tomando decisións que nos sitúan nunha realidade ou noutra e xa demasiadas veces optamos por posturas totalmente despreciativas cara a cultura e o coñecemento.
    Esperemos que non apareza un virus fascista e incombatíbel que arrase con todo.

  4. O certo é que a história da humanidade está cheia de voltas atrás. Somos um bicho que dá tombos por toda a parte.

  5. Mario: tes razón no de que a historia non se pode ver como unha liña recta, pero eu creo q si hai retrocesos, digamos, morais. A idea de que a ciencia debe ser destruída porque contradí á fe é reaccionaria, e nese sentido si e un retroceso. Eu tamén preferiría ser conserxe da Biblioteca;)
    Mr. Harvey: Saraxevo, non fai falla irse ao séculol IV para atopar exemplos de como a relixión ten medo do coñecemento. A oposición a determinadas investigacións médicas tamén o é.
    Rapaza: deberías facer un post sobre iso da multiplicidade de camiños para enganchar con estes últimos do Pastor e meus! O tema ten múltiples resonancias…
    Tangaranho: acábasme de evocar o becho das “Metamorfoses” pegando tumbos polo cuarto. Vaia metáfora da humanidade!

  6. Concordo contigo en que o que conta é o intento de crear un lugar onde tivese cabida todo o saber do mundo. Eu tampouco sei ata que punto a historia está no certo, o que si sei é que dende hai uns anos en Exipto volve a estar aberta a biblioteca e o seu proxecto, bótalle unha ollada que paga a pena.

  7. concordo totalmente co tangaranho, todos/as somos Gregorio Samsa… pero eu mais que ninguén, 😛

  8. Estupendo, coma sempre, Non agardamos menos os cortesáns da Raíña…

    Non sendo un gran coñecedor (nen aínda modesto) da Historia da Ciencia, lembro como anecdótico, xa que mencionas a máquina de vapor, o feito de que os gregos posuían, en efecto, o coñecemento científico-técnico para creala, mais carecían tamén de estímulos na creación -os escravos facían o mesmo traballo sen apenas gastos-.
    O Proxecto Xanadú non pode máis que suscitar a nosa aprobación, anque un dos problemas actuais da rede provén da liberdade e o acceso: agora o problema é o de poder empregar unha peneira para distinguir entre as aportacións útiles e o mar de chorradas. Un problema que ralentiza os aproveitamentos que lle habemos de sacar á rede…
    A Biblioteca de Alexandría é certamente mito e modelo. Non sería, como dis, a primeira nen a última vez que ardía, ou sufría os embates do dogmatismo. Cando os árabes entraron na cidade, un dos seus dirixentes determinou empregar tódolos libros como calefacción para os baños baseándose neste siloxismo: se contan verdades coerentes co Corán, non son necesarios. Se en contra, son heréticos. O destino é o mesmo… Séculos despois, os árabes de Bagdad sufrirían o mesmo pago cando os Mongois arrasaron a capital abásida: alén dos moitos mortos, o río (segundo os cronistas) corría negro coa tinta esborranchada dos libros…
    Tanto se perdeu… e algo só se conserva. Imaxes de Hipatia, que me permitín fusilar tamén nun textiño meu, e empregala como símbolo de ciencia e razón contra o estúpido cristianismo…
    Tamén poderiamos falar da ciencia e o saber (universal e acumulábel en liña de progreso? Culpábel, occidental e imperialista, como podían pensar Spengler (menos) e os Posmodernos (máis)? Pero vóltome prolixo. Remato tan só cunha nota (xa que vexo a Zizek entre os teus intereses na marxe): no seu único libro en galego opinaba o esloveno sobre as posibilidades da Rede de Redes no densenrolo do socialismo…

  9. Os libros meten medo a todos aqueles con ansias tiránicas. Sempre pode haber algún coa chave para desartellar as súas mentiras. Eu tamén creo que hai involucións e periodos de estancamento na historia, pero se cadra son características inevitables da nosa especie… (ollo, é unha afirmación resignada, non determinista).

  10. Pastor: tamén eu cheguei a ese sitio buscando información para o post, é algo así como Alexandría Reloaded. A idea, como unha especie de desagravio, é moi fermosa. Sei que tamén gostas dos mitos e das ideas, aínda que sempre virá algún posmoderno a dicirnos que non cre nos metarrelatos:p
    Moucho, Tangaranho: home, igual todos somos un pouquiño Gregorio Samsa, pero eu tería coidado dunha excesiva identificación, non vos parece?;)
    FraVernero: Moitas grazas polo afago, nunca está de mais asegurarse de que non fago tixolo-posts. Os musulmáns non me causan moita mais simpatía que os cristiáns ou que os budistas, que é concretamente ningunha, pero tamén hai información contraditoria sobre que destruíran ou queimaran a Biblioteca, mais que nada porque os cristiáns xa se lles adiantaran, e no ano 641 (esa é a data que teño eu como a da invasión) non quedaba nada. Tamén estou segura de que, se realmente non a queimaron, foi unicamente porque chegaron tarde á churrascada. O único dato totalmente contrastado que eu atopei, no que coincide mais ou menos todo o mundo, é a da fin do funcionamento do Museo, no século IV.
    Arale: debemos de ser as dúas moi clásicas na nosa concepción da historia, pero si, sempre hai momentos de estancamento. O que tamén teño claro é que o coñecemento sempre gaña a partida, aínda que lle coman as torres:)

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.