Teño unha fan

Teño unha fan

Esta noite a lúa vólvese vermella. E ten o bo gusto de facelo cediño (sobre as dez, máis ou menos, comeza) e completamente. Completamente vermella, quero dicir, xa que o eclipse é total. Un eclipse de lúa é como o parente pobre. Resulta moito menos espectacular que un de sol, non acapara portadas de xornais, non son necesarios complicados artiluxios para velo. Só hai que mirar. Se tes un telescopio, perfecto. E aínda así, aínda sendo un fenómeno discreto e relativamente frecuente, ten a beleza das cousas que hai que esforzarse en ver.

Gustaríame que alguén fixera un estudo serio e contrastado sobre os efectos das fases lunares nos seres humanos, porque presinto que nos levaríamos máis dunha sorpresa. Que os días de lúa chea hai mais partos e mais ingresos psiquiátricos é algo que acredita moita xente que traballa no choio, pero claro, non deixa de ser unha impresión, e xa sabedes que, con isto de ser unha ficha de xadrez, unha ten certa obsesión coas cifras, as proporcións, as estatísticas.

Ademáis, se realmente é así (e xa vos adianto que eu penso que si) aínda queda unha segunda pregunta: por que? Qué é exactamente o que se altera? É algo químico, hormonal, de presión sanguínea?

Vou lanzar unha pedra contra o meu propio tellado, pero neste caso concreto creo que a ciencia, ou mellor, os científicos, déixanse levar por un prexuízo, e se non hai estudos sobre o tema é porque semella unha supersitición, un conto de vellas. Porque é moi romántico poñerse a estudar as fases da lúa, e non queda serio cando o mandas a Nature.

14 comentarios en «Teño unha fan»

  1. A lua sempre foi algo misterioso. Ata é misteriosa a sua formación. Feita d anacos de Terra e do seu planeta xemelgo que colisionaron nalgún momento da sua formación (ao mellor por eso chega a resultarnos algo próximo)
    En canto ao de que afecta ás persoas, se afecta ao mar, aos animais (ata ás medusas que nin sequera teñen ollos para vela) non hai ningunha razon para pensar que a nós non nos afecta (pero, como sempre,cremos q somos mellores que o resto dos animais, así que non somos quen de recoñecelo)

  2. É que como só temos un satélite hai que admiralo… nese sentido enténdese que os Xupiterianos sexan menos románticos…

  3. Si que é certo iso de que a ciencia ás veces despreza certos coñecementos, sinxelamente por non estar vinculados á súa tradición ou aínda por non ser quen de explicalos. Porén tampouco hai que caer nos cre-meigallos ou nos piores cre-conspiracións. Unha vez escoitei nunha conferencia a un señor médico que estivera anos na selva amazónica estudando a medicina dos indios. Nunca esquecerei o consello que deu a unha rapaza que preguntaba: para estudar as técnicas de curación dos indios hai que saber da ciencia médica, porque desde ela podemos chegar a comprendelas e aproveitalas, pero se aprendemos primeiro a “maxia” a ciencia médica pasará tamén a selo e nunca poderemos entender ningunha das dúas.

  4. Por experiencia tamén podo dicir -aiii, aqueles botellóns- que de borracheira a súa influencia é notable malia non poder probalo científicamente.

  5. Eu sempre asociei os cambios de humor ás fases da lúa. Non sei moi ben por qué. Tal vez por teren moi arraigada a idea de que realmente si que afectan, ao igual que o dos partos, o crecemento das colleitas, etc.
    Realmente non sei se estou no certo, o caso é que tampouco se me ocorrera cuestionarmo…
    Por certo, viuse o eclipse por estes lares?

  6. Moi apropiado, moi apropiado… Tamén collía a lúa unha cor vermella na ‘Salomé’ de Oscar Wilde, se mal non lembro…

    A lúa vermella lembra o mito da irmá de Huitzilopochtli, o deus azteca do Sol, descuartizada por el mesmo, xunto coas estrelas.

    Son algo máis escéptico ca Maria con respecto ás mareas, xa que o tema, anque como toda sabedoría popular, pode ter certo tipo de efectos (non só nas mareas, o cal é científico), considero que a asociación clásica lúa-muller forma parte, consciente ou inconscientente, dunha cadea de significantes que en última instancia a degradan ao lugar secundaria. A muller: lúa, poesía, instinto, ciclos naturais mensuais (menstruación) fronte ao varón, sol (astro rei do ceo, lúa só refrexa a súa luz, como San Paulo dicía debían facer as boas mulleres e os escravos), razón e racionalidade, liberdade da natureza. Temas que tamén tocan os prexuízos cara os negros (anque fosen reasumidos positivamente, como fixeron os escritores da negritude, e moitas escritoras femininas).

  7. Gato: canto tempo! xa pensabamos que che comera a lingua un rato;) O tema da formación xeolóxica da lúa da para un post, faino ti, que se non písocho, avisada vas. Tes razón que o ser humano ten certa tendencia a crerse por riba dos procesos biolóxicos, e así nos vai.
    Moucho: ou igual son moitísimo máis románticos, e están todo o día agilipollados mirando as súas múltiples lúas:)
    Mario: sempre dando no clavo. iso é exactamente o que quería dicir, aínda que ti o digas mellor. Hai que estudalo todo, achegarse a todo e meter os fociños en tódalas culturas, pero sempre dende o paradigma científico, que é o que nos permite diferenciar o gran da palla.
    Cambote: terei que comprobar a túa “impresión clínica”. Ocórreseme emborracharnos durante un ciclo lunar seguido, e apuntar coidadosamente os efectos. Apúntaste como suxeito de laboratorio?;)
    Pastor: a min tamén me da a sensación de que me afectan, igual que as presións atmosféricas, pero no sabería dicir exactamente como. E si, si que se viu, pero como estaba nublado perdémolo:(
    FraVernero: eu tampouco creo que as mulleres sexamos particularmente sensibles (mira o pastor, que aínda por riba é eléctrico e tamén lle afecta) e todas estas teorías “telúricas” da muller vencellada aos ciclos da natureza, ao instinto e en definitiva á animalidade parécenme parte da crenza patriarcal na muller como alteridade, como algo que non remata de ser humano, aínda que quen as esgrima se diga feminista. Baixo o meu punto de vista, a racionalidade é o que nos caracteriza como humanos, e facer esa dicotomía home-razón muller-instinto só contribúe a relegarnos unha vez mais ao eterno papel secundario

  8. Apunto ho! (o meu apelido é pavlov)
    Pero haberá, digo eu, que facer unha preparatoria exhaustiva. Explícome: A inxesta non poderá ser realizada en días consecutivos nin se quera cada dous ou tres, se non cunha cadencia semanal por eso de deixar pasar os efectos entre borracheira e borracheira, se non o estudo estaría viciado polo efecto do costume.
    Ademais ocórreseme unha científica táboa que deberiamos elavorar previamente cunha serie de probas para evalua-lo efecto do luar en nós. Por exemplo:
    Proba primeira. Peroratas etílicas medindo a duración.
    Proba segunda. Camiñadas de ollos pechos.
    Proba terceira. Volume da voz e berridos.
    Proba cuarta. Cantatas nocturnas.
    Proba quinta. Vocalización deficiente.
    Proba sexta: ouveo cambote.
    … e tódalas suxestións que se che ocorran.
    Cada unha tería o seu científico gráfico e poderiamos ve-la súa evolución respectiva.
    Todo pola ciencia.

    Grado cinco.

  9. Maxestade, señor Cambote Pavlov: apúntome como suxeito de laboratorio do experimento etílico con tal de que sexa a gastos pagos. Vaian pedindo unha subvención -ben gorda- con cargo a algún capítulo de I+D. Ademáis é probable que nos dean algún premio internacional ignocientífico -aposto mesmo polo Nobel- e acaparemos moita prensa.

    Con respecto á influencia da lúa, a miña sensación persoal é que coa lúa chea os que vivimos nesta casa andamos máis irritables, máis sensibles en tódolos aspectos imaxinables e cando comeza a devalar toca baixonciño de ánimo. Xúrollo. E hai unha experiencia como futboleiro de longa duración que vai ós estadios que me fai crer que con lúa chea as masas son máis agresivas, máis excitables; resumindo e concretando: diante dun feito semellante, coa lúa medrando ou chea as masas berreamos máis. Habería que estudialo.

    Hoxe, por certo, tomei un café ben chulo no alto dun bar de Compostela. Xa estou desexando repetir.

    Reverencias e saúdos, Alteza.

  10. co permiso da súa alteza, vin o eclipse nunha noite formidable. (Andaba eu de viaxe por outras terras)e mesmo penso que me afectou aquela noite…
    probou a súa alteza a preguntar nesta paxina
    http://curiosoperoinutil.com
    sorte

  11. Cambote, de novo: xa temos tres suxeitos de experimentación! Case suficiente para una serie de casos. Hai que pulir un pouco mais esa metodoloxía (eu engadiría, por exemplo, grao no que queres a todo o mundo)e adiante co experimento lunático-etílico;)
    R.R: estamos tramitando o da subvencion, eu creo que poderiamos optar ao anti-nobel.Outro posible experimento é a influencia sobre grandes masas humanas. Interesante.
    Que casualidade, eu tamén tomei un té moi chulo que me gustaría repetir:)
    Fuji: creo que me vou volver adicta á páxina esa! De feito acabo de atopar a clave para un soño repetitivo que tiven durante anos e que contarei noutro post. O do eclipse debeu de ser unha pasada. Bicos.

  12. Xa pensei nunha metodoloxía, algo así como un botellón itinerante ou viaxeiro. Entón, en cada lugar de botellón haberá unh@ anfitrión@ que escollerá lugar e hora e poñerá as bebidas para intoxicar ós suxeitos do experimento. Os suxeitos do experimento poderán levar os seus compis todos pero estes deberán levar as súas propias doses de intoxicación e sometérense ás probas -ou non-.
    A fasee botellón pode servir para unha parte das probas, como son as de camiñar cos ollos pechos ou dar tres reviravoltas sobre un mesmo -xa se estipulará- e despois unha segunda fase chamada momento bareto na que haberá outra serie de probas, por exemplo a proba “quero-a-todo-dios” que consistiría en falar un mínimo de dez minutos con todo dios, incluso xente que non forme parte da cofradía.

    … a ver que pensas e que che parece… suxestións???
    (por suposto hai que agardar a que a lúa estea cerca de devalar por completo para comezar e as doses cando menos na fase botellón terán que ser idénticas en tódalas probas)

  13. Para o do botellón: como era aquela norma do mítico París-Dakar? “Queda eliminado o equipo no que algún dos seus membros perde a verticalidade”?

    Para o tema orixinal, a lúa, a min aféctame moitísmo. Un amigo di que se debe ao feito de termos os seres humanos unha porcentaxe de mais do 70% de auga: se é capaz de provocar as mareas nos oceanos, que non fará coas masas hídricas dos nosos corpos!

  14. Cambote: perfecto, impecable metodoloxía. Claro que quen nos verá bebendo en vasos graduados, para comprobar a dose;)
    Lourixe: a perda da verticalidade vai ser pouco menos que inevitable, ademáis eu opto por un ensaio “por intención de beber” isto é, que se estude a todo o que comece a chuzarse, independientemente de como remate, consignando dose. Entendo que tamén te apuntas como suxeito. Que guai!;)
    En canto ao das mareas, non o pensara, pero ten sentido, claro. Igual provoca umentos de presión ou algo así.

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.