Opioides Endóxenos
Ás veces ocórreme que todo o que fago semella apuntar nunha mesma dirección, e daquela estou case obrigada a falar do tema que me obsesiona, mais ca nada porque non podo pensar noutra cousa. Outras, como neste caso, varias ideas desconectadas entre si fan colisión e conxúganse maxicamente. Por unha banda, volvo estar con mono de ciencia, producido por tanta idea abstracta e filosófica. Por outra, empeza a facer calor e repercute no meu ánimo. E por último, dende Valdeorosa pídenme que fale do hedonismo (o individualismo deixareino para mais adiante).
A evolución inxectou nos nosos corpos un tipo de molécula moi semellante aos derivados do opio tipo morfina, que fan exactamente o mesmo que o opio: producir unha sensación pracenteira, e enganchar. Cal é a razón para semellante actitude tan pouco politicamente correcta? Pois facer que repitamos certas conductas que lle parecen proveitosas para a especie, como comer ou practicar o sexo. Son actividades que, de xeito non condicionado, fai que nos autochutemos de endorfinas. Vale para que a especie se perpetúe, e punto. Pero o ser humano, vicioso como é, aprendeu a suministrarse moléculas destas por outros medios. Aprendemos que determinadas cousas que facemos nos provocan pracer, e canto mais as facemos, mais pracer nos provocan. O mero feito de pensar nelas resulta agradable e fai que as endorfinas se disparen. Chega un momento que non se sabe moi ben se foi primeiro o ovo ou a galiña: provócannos pracer porque segregan endorfinas ou segregan endorfinas porque nos provocan pracer? (NOTA: para os que xa están pensando o que non é, este tipo de pracer non ten por que ser de índole sexual, que nos coñecemos…:p)
Estas respostas son xa de tipo condicionado, aprendido, e polo tanto difiren enormemente dun individuo a outro. O que para min resulta unha nube opioide, por exemplo a miña sauna dos mércores, para calquera de vos pode ser algo moi próximo ás caldeiras do inferno ou á pota de cocer o marisco. A música segrega una de endorfinas impresionante, algunhas persoas provocan en min auténticas inundacións mórficas, durmir, a literatura, as tormentas. Hai cousas que se explican bioloxicamente e outras que non. A dor, estrañamente, provoca en todos nós tamén este efecto, e incluso hai estudos que falan da morte como unha avalancha destas sustancias. Neste caso, semella que a razón biolóxica é paliar a sensación dolorosa, pero tamén explicaría por que a dor e o pracer poden estar tan desacougantemente próximos.
Resulta difícil explicar o que se pode entender por hedonismo, porque a min dáme a impresión de que, aínda que a definición mais aséptica sería “a busca inmediata de pracer” hai algo nesta palabra que nos fai pensar nuns praceres e non noutros. Mentres escribo isto soa Bud Powell, e a miña intención ao poñelo era única e exclusivamente poñerme cega de opioides endóxenos, pero ninguén diría que esta é unha actitude hedonista. Si parece mais hedonista, por exemplo, saír toda a noite polos garitos menos recomendables da cidade, aínda que a intención sexa exactamente a mesma. Tras todo isto subxace certa idea xudeocristiá do pracer como algo morboso, lúbrico e destructivo. A busca incesante do pracer seca a alma e impídenos abrir a nosa mente a un coñecemento superior. O sexo como xeito de obter placer é algo indigno que destrúe o respecto dos seres humanos, é “utilizar” ao outro.
Por suposto que hai placeres que poden resultar destructivos (aínda que na maior parte dos casos sexa unha cuestión de medida), pero eu creo que, no fondo, todo o que facemos é porque, dun xeito ou outro, mais ou menos egoistamenta, provócanos placer, aínda que sexa ter un blog, acadar as mais altas cotas da arte e a filosofía ou ir de cooperante a Namibia. De feito, dende o meu ateísmo militante, non podo entender a vida se non é como unha busca incesante de placer e benestar. Outra cousa é que o desexe para todo o mundo, e non só para min mesma.
15 comentarios en «Opioides Endóxenos»
Fíxate, a esta hora da noite os dous comentandonos respectivamente nos blogues, que pendoneo! 🙂
A ver… o pracer, endorfinas…fíxate que non sabía eu que o jevi tiña nada que ver con esas cousas. Pero sexa como sexa non é un bó momento para que eu filosofée sobre endorfinas, pracer, hedonismo, e outras herbas… teño os aminoácedos plumíferos atolondrados, :S
Así que esa é a explicación… eu particularmente nunca tiven nada contra certo tipo de hedonismo, é a resistencia ao pracer, de raigame tan xudeocristiá, o que provoca a maior parte dos conflictos e as frustracións humanas. Vivan as endorfinas, oasis refrescante deste mundo cruel.
Argh! Nada de praceres, nada de praceres! Epicuri de grege porcum! Ou en román paladino, Porcos da Pildra de Epicuro!
xD
Ben, alén do legado xudeo-cristián, permítome discrepar, anque sone como o anticuado Gran Outro. Despois de todos, as grandes figuras revolucionarias sempre foron Puritanas (Lenin, Robespierre). E claro, na revolucionciña que fixeron eses neniños jipis no 68, o único que se sacou en limpo foi o do sexo, e non o panorama de guillotinas, terror e socialización dos medios de producción que é o que me fai a mín o tilín…
Doutro lado, case tódalas cousas interesantes que conseguimos como especie partillan dunha economía e dominio dos praceres ás veces asociado á súa represión e posterior sublimación (retorno do reprimido; iso lémbrame ás motivacións literarias das que estivemos a falar na túa casa, Mario, e ésta é unha delas que cre que se nos pasou).
Alén, a sociedade consumista na que estamos insertos convertiunos en pepeles carnais útiles suxeitos escravamente a praceres consumistas. A utopía do proletario tornou en supermercado. Tan só a dor nos conecta coa realidade (coma as cutters que tanto lle gorentan a Zizek).
O cerebro é un vicioso. Algo repunante nesa escravitude servil ás endorfinas, ao que nos deberíamos resistir polo que teñen de coacción agradábel á nosa liberdade soberana. Ou como dicía Kant: “Debes, porque podes!”.
eu estou con mario: vivan as endorfinas! creo que me vou facer unha camiseta coa frase 😉 en canto ó hedonismo, a min non me gusta para practicalo, pero é certo que entre os artistas é o deporte número un e parece que de cando en vez non deu mal froito. só que nestos últimos tempos parece estarse expandendo como unha plaga, e iso xa non tén nada de artístico…
biquiños dende o observatorio! encántanme as reflexións que fas!
Encantoume a disertación que fai vostede sobre o hedonismo, e paréceme que o favernero tamén da unha visión coa que concordo bastante.
Un saudiño.
Ante todo desculpas pola ausencia destes últimos días, non me esquezo de que teño un blog:)
Moucho: pois si que foi casualidade, sobre todo porque eu xeralmente a esas horas durmo, pero ese día tiven un ataque de pertinaz insomnio. As endorfinas o que teñen é que están aí para o teu placer, penses ou non nelas:)
Mario: ai, a resistencia ao placer, o mal deste mundo… se algunha xente desfrutara mais, probavlemente faría menos barbaridades.
FraVernero: encántame a polémica:) En parte, estou dacordo contigo no do imperativo kantiano, que debera estar por enriba do pracer persoal. Pero non o estou no de reprimir e sublimar os desexos para facer a revolución. As forzas reaccionarias tamén foron sempre puritanas! E mais ca iso, empregaron esa represión como xeito de control social. Ademáis, cómpre non perder de vista cal é a fin última de toda revolución, ou cal debería ser: a xente, as persoas e o seu benestar. Se se empeza por negarlles o pracer, que nos queda?
En canto á sociedade capitalista…reparaches en que ningún dos praceres que mencionei implica consumo (salvo se cadra a sauna, que pode considerarse tamén unha cuestión de saúde)? O problema do capitalismo é que trata de convencernos de que, para desfrutar, é preciso gastar, e non é certo.
Begira: como se practica o hedonismo? O dos artistas e o hedonismo daría para un post do telescopio no tellado, e estaría moi ben:)
Rifo (podo chamarte así?): alédome de que che guste. A min tamén me gusta moito a diversidade de opinións e, aquí entre nós, ás veces recoñezo que levo os argumentos ao límite para provocala (sobre todo a FraVernero, que sempre argumenta moito e ben)
Bom, é possível que quando Lenine criticava o hedonismo como vício contra-revolucionário o fixera condicionado pola sua bagagem cultural, em todo caso está claro que o fazia dirigindo-se aos militantes. Às vezes militar significa sacrificar parte da tua vida social e familiar, e enquanto a família está de churrascada, tu estás numha infumável assembleia de quatro horas, ou enquanto os teus amigos estám num concerto tu estás na cama, porque ao dia seguinte tens que ir a umha manifestaçom. E o pior de tudo é que nom é umha cousa que facilmente compreendam os demais.
moi bo post, vivan as endorfinas por suposto habera xente para a que a relixion lle produza endorfinas.. é dicir que en certa maneira tamén serían hedonistas….
entrarian nunha contradicción insalvable non? producirialles pracer o feito de vivir acorde con ideoloxias que negan o pracer? como negalo entón? enton porque non aceptalo?
🙂
creo que che quedou un factor no importante que combina co pracer: a ilusión…
saúdos a dona dos escaques
Boas de novo, raíña. Por certo, non penses que porque non che deixara nada posto deixei de disfrutar da túa creación anteriormente posteada. Anímoche a que as continúes, xa que son do máis pracenteiras (demo de endorfinas! he, he) que se poden petiscar nas bitácoras.
O problema, quizaves, parte da nosa ideal asociación e pescuda de tódalas revolucións nunha: pretendemos a revolución política, a económica, a estética, a sexual… nun percorrido dende o maior ao menor nivel do(s) suxeito(s). Como esquema está moi ben, pero moitas veces os distintos programas entran en contradiccións estructurais, e entón hai que escoller.
As represións teñen sido empregada para o control social, mais o hedonismo teno sido en maior medida. Atreveríame a dicir, incluso, que é moito máis perverso e efectivo, xa que a represión’bruta’ alomenos xera unha frustración e ansia de subvertir. O feliz consumidor opiácico e aborregado só pescuda perpeturar a gaiola dourada, e como dí a célebre canción anti-castrista ‘mi gente no quiere que le coman la cabeza’.
Que nos queda se nos negan o pracer? A liberdade, quizais? ‘A Revolución non necesita de mestres’ dicían en Francia cando guillotinaron a Lavoisier. É que os ideais abstractos da Ilustración non necesitan como xustificante o pracer e o benestar de vida (algo que poden aducir como obxetivos prácticas sociais máis conservadoras, e retrotrae malévolamente ao ‘panem et circenses’, hoxe super-virtual).
Quizaves houbo unha liña revolucionaria, exemplificada nos Socialistas Utópicos (Fourier) e no Maio Francés e algunhas das reivindicacións posmodernas. Mais non estou satisfeito non só de ond nos levou iso, senón das súas posibilidades emancipatorias.
Chegará por hoxe!
Encantada de que trates este tema tan actual Totalmente dacordo con Fravernero. Creo que buscar o pracer está ben pero : Onde se sitúa o pracer? Na abulia? Sabemos o que queremos porque desenrolamos unha patria íntima ou nos ditan o que nos dá pracer? Creo que en moitos casos o hedonismo vai ligado ao egoísmo, a indsolidariedade. Consumimos. Queremos todo feito. Somos mileuristas sen capacidade de protesta? Se queres podemos falar desta xeración de indolentes sobradamente preparados pero sen sentido de grupo para facer unha protesta( retomo esta última idea das palabras de Espido Freire nunha entrevista e que, a marxe de como me cae ela, parecéronme moi axustadas á realidade.) Unha aperta e espero algo sobre o individualismo e estes mileuristas. Unha aperta alteza e grazas polo de moderno de merda.(valdeorosa-rosa)
Tangaranho: totalmente dacordo. Non só militar politicamente, senón calquera obxectivo que nos formulemos na vida esixe un esforzo e, polo tanto, certa renuncia. Supoño que en parte é unha cuestión semántica, porque eu non entendo o hedonismo como a busca cega e exclusiva do pracer, senón dun xeito mais global, da busca da felicidade, do desfrute e dunha vida satisfactoria en tódolos aspectos. E dentro diso, coido que teñen un papel moi importante as cousas que facemos única e exclusivamente por pracer.
Fuji: he, he, gustoume o paradoxo. Rezar parece que libera endorfinas, co cal a xente que reza faino en parte por pracer, ao igual que os ritos externos de calquera relixión. A ilusión tamén debe liberar cousas destas… 🙂
FraVernero: coido que tes razón, e que a base do noso desacordo é a idea das diferentes revolucións. Eu non creo na idea das revolucións principais ou secundarias, porque as consideradas secundarias sempre son as mesmas: o feminismo, a loita pola identidade sexual. É dicir, liberdade si, pero para os mesmos de sempre, para os homes heterosexuais, aínda que por suposto non se pode abandonar a loita contra o capitalismo. Contrapoñer a idea de liberdade á de benestar paréceme axudar a que a dereita se marque un tanto, redunda na idea de que hai que renunciar a algo: a felicidade ou a liberdade. De novo, perdemos de vista os obxectivos, deixámonos cousas polo camiño e renunciamos a cousas esenciais en nome dun ben maior ao que lle imos quitando cachiños. sempre é un pracer polemizar contigo:)
Rosa: precisamente para redactar este post estiven lendo sobre o tema. Claro que hai unha corrente hedonista que proclama o pracer persoal e egoísta por enriba de todo, pero creo que é evidente que non defendo iso. Non creo, tampouco, que pracer sexa sinónimo de abulia, nin de consumismo. Toda manifestación artística é producida e recibida por puro deleite, por puro ocio, e cando non é así é cando se convirte nunproducto mecantil ou nuna marca de clase social.
Por outra banda, a idea de que “os novos” somos unha xeración insolidaria e indolente, caprichosa e egoísta, é algo que, por experiencia, non podo compartir. Outra cousa é que as loitas cambien, ou por mellor dicir, a apariencia daquilo contra o que se loita. A xeración que vivimos a L.O.U. por poñer un exemplo, estabamos loitando contra un caso concreto, pero tamén era unha loita anticapitalista. O feito de que non houbera resposta social noutros ámbitos (cando non eramos nós os que pagabamos, senón xente da xeración dos nosos pais) ou que se vira como unha excusa para perder aulas si foi un signo palmario de insolidariedade. Un bico dende o Espello, e de nada polo outro;)
Maxestade: non pensei en ningún momento que defendera o pracer persoal por riba de todo. Pareceuno? Síntoo poero non captei iso de vostede PARA NADA. Creo que a busca do pracer sen esforzo(na casa dos pais ata os trinta, play, vídeos, fútbol, home zinema..) xenera individualismo e falta de sacrificio. Non todos os “novos” son así. Hai moita xente nova que traballa moito e non consigue o que desexa. Non creo que vostede e moitos máis pertenzan a este grupo de “garrapatas” de papá e mamá. (Pero é un grupo de egoístas que existe e non loita o suficiente)Se o crese así non me interesaría a súa opinión. Considéroa sobradamente preparada e sei que terá unha boa vida. Seguro. Encántame a polémica. É unha “debatiente” de altura. Os meus respectos alteza. Un bico e a ver se nos vemos¡Teño que parar para traballar… Seguiría porque o tema é candente…(valdeorosa-rosa)
Se estamos contentos con nós mesmos, se temos unha vida pracenteira, non precisamos buscar conforto nas relixións que viven de criar sentimentos de culpabilidade. No propio cristianismo houbo unha loita constante entre a visión ascética e a mística. Por outra banda opino que o hedonismo non ten nada a ver co consumismo, que non é mais que unha corrupción.
Rosa: sinto se pareceu que me ofenderas, en absoluto. Non me tomo estas cousas polo persoal, e ademáis é certo que me encanta polemizar, e que me leven a contraria. Só destacar que o de estar na casa ata os trinta é algo ao que nos aboca o propio mercado, aínda que haberá de todo.
P.D: grazas polo de “debatiente” mola a palabra. Dixeches algo dun tema a catro mans? De piano non ando moi fina, pero se se trata de escribir, estou aberta a suxerencias:)
Lourixe: de volta xa;) Que che vou dicir, que estou totalmente dacordo contigo. Canto mais plenas sexan as nosas vidas en tódolos aspectos menos vulnerables seremos ás manipulacións, e isto vale tanto para as relixións como para o consumismo.
Gustoume moito o cadro. De quen é?
Comentarios pechados.