Teoría de Cordas (I)

Teoría de Cordas (I)


“Quen non sinta vertixe ao pensar na mecánica cuántica é que non a entende”. Niels Bohr dixit. Eu non estou moi segura de entendela de verdade, e dubido que ninguén que non sexa físico o faga, pero aínda así dame vertixe. Hoxe voume meter a falar dalgo que é o máis vertixinoso dentro do vertixinoso, a montaña rusa doble looping da física, así que xa de entrada pido desculpas polas inexactitudes e os erros, pero iso si, se os hai, duro con eles e sen piedade.

A Teoría de Cordas é un guión de cinema perfecto: intriga, polémica, escándalo e sucesos case paranormais. Parte do seu atractivo está en que non é en realidade unha teoría, senón unha hipótese. Non está comprobada e cabe a posibilidade de que non o estea nunca. Pero se resulta ser certa, as implicacións poden ser brutais para a física, e para a nosa forma de entender o mundo. Constituiría un cambio de paradigma como o que supuxo a Relatividade.

O grande problema da física teórica é que os dous grandes sistemas, a mecánica cuántica e a relatividade xeral semellan non ser compatibles entre sí. Os sucesos definidos por unha delas non son consistentes co que predí a outra e viceversa. Cada unha delas funciona só na súa parcela do infinitamente grande ou do infinitamente pequeno, e ademáis existen ocos sen cubrir por ningunha das dúas. A Teoría de Cordas pretende lograr o que se chamou a Grande Unificación, un sistema que explique absolutamente todo o que ocorre no universo.

Mais ou menos todos manexamos o concepto de onda-partícula, e sabemos que os átomos, a pesar do resultón do seu nome, poden ser divididos en electróns, protóns e neutróns. Estes dous últimos divídense á súa vez en seis tipos de partículas que si son elementais de verdade,os quarks (up, down, charm, strange, bottom e top. Carroll debe de estar orgulloso, non si?) Pois ben, a nosa superhipótese megaunificadora o que postula é que en realidade, estas partículas poderían conceptualizarse como se foran as cordas dun violín, e cada unha vibrara nunha nota diferente. O que as diferencia non é a “sustacia” que as conforma, senón a amplitude de onda (por chamarlle algo) na que vibra.

Pois isto en apariencia tan simple non só leva quitándolle o sono aos científicos dende hai mais de vinte anos, senón que chegou a ser un tema no que o apaixonamento leva case ao pique persoal, e a falar de intereses e grupos de presión arredor das teorías unificadoras. “A Teoría de Cordas pode estar minando as mentes dos estudantes como o facía a teoloxía na Idade Media” (Glashow)

No próximo post falarei das implicacións de todo isto,e de por que me parece tan fascinantemente carrolliano. Ide facendo a dixestión 🙂

P.D: reedito para corrixir o erro que me indica FraVernero no seu comentario. Aínda que na linguaxe habitual unha teoría sexa unha explicación non demostrada, ao que nos referimos cando falamos de teoría científica é ao nivel mais alto de evidencia que se pode acadar, cando esa explicación está respaldada por datos empíricos. O contrario sería unha hipótese. Cordas, polo tanto, é unha hipótese e non unha teoría, aínda que manterei a expresión porque aparece así en moitos artigos que consultei e porque cambialo estropea o título. Para que non digades que non son interactiva:p

10 comentarios en «Teoría de Cordas (I)»

  1. Interesante. Oíra falar da teoría esa, mais ninguén se parara nunca a explicarma. Agardo a continuación.

  2. Fascinante…

    Algo teño lido, a nivel de leigo, sobre as supercordas (sobretodo no libriño de Hawking, que é un dos seus máximos defensores, creo). A entrada da wikipedia xa se me perdía en elementos matemático-técnicos que polo momento (se non seguramente para sempre), escapan da miña capacidade de desciframento.
    Nembargantes, creo que é bastante polémica esta teoría, e que o problema parece estar, para algúns, na escasa aplicación predictoria que tivo ata o momento. Tamén din que non é falsable, o cal é un serio problema para unha teoría científica, que entón se convertiría, en efecto, en teoloxía e asunto de fé.
    O problema, alén, como dixo a Raíña e que os físicos non saben como facer cadrar a mecánica cuántica coa Relatividade. Sería de agradecer unha solución, anque só fose porque algúns dos aspectos do Cuántico abriron espazos de indeterminación que se empregan para defender postulados relativistas (posmodernos) sobre a realidade, de nefastas consecuencias.
    Doutra banda, non se pode negar que ten certa estética, como soe ser o caso, nas poéticas imaxes orixinais de toda teoría científica.
    Ao respeito, e se me permites dicilo, raíña, creo que empregas a palabra ‘teoría’ dun xeito desacertado -supoño que para que nós, o gran público de letras, non nos fagamos un lío-. Cordas non é estrictamente unha teoría científica, alomenos polo de agora (polo da falsibilidade. Alomenos, é o que dín moitos científicos). As ‘teorías científicas’ non o son no senso popular do termo (como queren os que atacan ao Darwinismo), xa que anque non son ‘certas’, teñen detrás unha sólida base de experimentación e testeado contrastado coa realidade que fai que, a efectos prácticos, funcionen como a ‘verdade’ máis solidamente acadada ata ese momento, e ata que se formula unha teoría que encaixe mellor coa realidade.
    Sempre falo de máis!
    Veremos se a teoría adianta. Fermosa é de carai, pero, a pesar do que dicía o poeta, verdade e beleza tenden a seguir camiños separados na nosa esfera sublunar.

  3. Aquí é cando o profesor me preguntaba e eu dicía; “e que non o entendín”. E el me dicía: “o qué non entendiches?”, eu eu confesaba; “dende o -bos días- nada”… uf!, a ver se a segunda entrega me fai entender a primeira e así sucesivamente… creo que non son totalmente idiota, senón tamén un pouco disperso, 🙂

  4. Pastor: si que é interesante, e ademáis é a típica frikallada que tiña todas as papeletas para captar a túa atención, e se non xa verás o próximo post:p

    FraVernero: tes razón, moitas grazas por sinalarmo:) Ao longo do post mesturei o significado habitual de “teoría” e o que é en realidade unha teoría científica. De feito, vouno reeditar para corrixilo. Vale que falamos como leigos, pero non hai excusa para non tratar de ser rigoroso.
    A polémica en torno a todo isto é moi interesante, polo que eu lin a base de todo o asunto é a que ti sinalas, a posibilidade ou non de demostración da hipótese. Os seus defensores din que é só cuestión de tempo e de avances técnicos, pero o que é obvio é que se non se demostra non valerá para nada por moito que unifique e por moi bonita que sexa. En canto ao escaso valor predictivo, pasa un pouco o mesmo. Se resulta ser contrastable, o poder predictivo irá engadido. Ou ao revés, que se poda empregar para predicir fenómenos físicos sería unha evidencia forte no seu favor.

    Moucho: ghó! pois entón a culpa é miña que non me explico:( Hawking faino moito mellor ca min se queres unha opinión con máis sustancia.

  5. Tendo en conta que a miña cultura científica é de divulgación, sempre quedo fascinado con estes temas. Maxestade, siga divulgando, estaremos atentos. 😉

  6. Interesantísimo asunto, agardo o novo post: sobre o dos enfrontamentos entre científicos, pois claro, é que andar conseguindo a pasta para aceleradores de partículas e demáis inventos para investigación require deixar a outros atrás no camiño…

    E recoméndolle unha lectura ó respecto: “Caos y orden”, de Escohotado. Préstome a prestarllo.

    Ós seus (sempre aseados) pés.

  7. É unha delicia seguirla por estes laberintos do universo e do inaprenxíbel 🙂 aínda que sexa algo abstracto e difícil, o xeito de explicalo facilita bastante o tránsito. Se aínda non chegamos até o punto clave que fai que todo nos encaixe na cabeciña, sabemos que imos chegar levados desa man súa

  8. Mario: precisamente porque a miña cultura nalgúns ámbitos tamén é de divulgación estas cousas parécenme case maxia:) E por suposto que vou seguir divulgando. A Raíña Vermella educa, a Raíña Vermella entretén :p

    R.R: non caera eu no carísimo que debe ser un acelerador de partículas para decorar o salón. Tomo nota do libro e do ofrecemento, que Escohotado sempre cunde. Xa cho pedirei. Un bico.

    Arqueira: moitas grazas, faise o que se pode, ás veces nin eu mesma me atopo moito, e coido que se nota. Un placer e unha responsabilidade, levarvos da man polas supercordas:)

  9. Algunhas filosofias orientais sosteñen que o pensamento é unha forma coma outra de enerxia, e a enerxia en certa maneira é vibración, asi que bos pensamentos atraen boas cousas e viceversa, ainda que sexa simplificar moito o asunto poderia ser unha boa aplicación de tal hipotese… seguindo o razonamento e por desgraza hai ben pouquiña xente que vibre “afinada” 🙂
    un saúdo

Comentarios pechados.

Comentarios pechados.