In Vitro Veritas
Hai pouco, blogueando pola rede adiante, atopei unha comunidade, ou anel, ou como se chame, de bitácoras adicadas a temas científicos. Fíxome coña, porque algunhas delas trataban temas moi semellantes aos meus, pese a que este non é un blog estrictamente científico. Pero tamén parecían pillados polas matemáticas, a física, os paradoxos da Relatividade e a mecánica cuántica…
O que si cambiaba un pouco, alomenos nalgúns post, era o ton. Se eu me limito a facer unha exposición do tema de turno, con mais ou menos comentarios persoais, estes bloggers parecen verse na necesidade de facer unha auténtica defensa do que tratan. Para min, falar de ciencia é compartir o coñecemento de cousas que me fascinan, pero partindo da base de que non ten sentido dubidar do que eu expoño, salvo se se dubida de que a miña interpretación sexa correcta.
Entendín de que ía a película ao ler os comentarios, que non eran para nada o que eu agardaba para ese tipo de sitios. Non era xente discuindo sobre se a Relatividade tiña ou non tiña limitacións como teoría, moitos deles eran un ataque directo contra a existencia dun blog adicado á ciencia, ou da ciencia en si mesma! Cousas do tipo “coñecemento superficial”, “pasarse a vida buscando para non chegar a ningunha certeza”, “pobres vidas miserables, sen a luz divina”… É dicir, lectores que rexeitaban de plano o coñecemento científico como xeito de enfrontar a vida, non porque considerasen que o paradigma era machista, ou eurocéntrico, ou as típicas oposicións que se lle poden facer dende aquí, senón porque o coñecemento científico, ao ser unha ferramenta humana, é imperfecto e limitado, en contraposición á fe, que é inmutable.
E non, os comentarios non eran de ningún chalado particular, a maioría seguían un ton polo estilo. Aclarar, para que entendades o miolo do tema, que a meirande parte dos sitios están ubicados en Sudamérica. A que xa non vos sorprende tanto? Pois esta foi exactamente a sucesión de datos que seguín eu: primeiro flipar co que lía, e despois que me encaixara todo. Pero ben mirado, non é moi forte que sexa así? Que esteamos falando de que, en países como Arxentina, sexa necesario facer unha auténtica cruzada polo coñecemento científico, e que esa cruzada atope unha oposición absolutamente feroz? A min fíxome pensar que vivimos un pouco na nosa burbulla, alomenos eu, pero que fora de Europa, a cousa é moi diferente. Se cadra antes de falar do integrismo islámico deberamos pensar en como actúa a Igrexa en lugares menos cinicamente descridos ca estes lares.
Por outra banda, tamén me fixo pensar nas críticas se se adoitan facer dende aquí a este tipo de temas: discutimos sobre se a ciencia pode pretender explicalo todo, sobre se o posmodernismo rematou ou non coa pretensión de obxectividade. Nestes blogs notábase unha auténtica xenreira cara as posicións posmodernas, porque era como darlles a razón de novo aos que din que a subxectividade individual, as crenzas, son o auténtico coñecemento. É voltar ao pensamento máxico que trata de impoñer relixión.
Aquí, incluso cando atacamos furibundamente á relixión, somos conscientes de que é unha batalla que xa está gañada. Estamos aplastando a derradeira resistencia, non é unha loita real. Pero noutros lugares, a a guerra non só non está gañada senón que non está nada claro quen vai gañar. As posturas que aquí poden ser unha crítica parcial e mais ou menos proveitosa (todo depende do sentido común de quen as faga) porque parten do recoñecemento tácito do paradigma, alí son absolutamente devastadoras.
No fondo, isto tamén é posmoderno. Non é o mesmo facer crítica aquí que na outra beira do charco. Non é o mesmo criticar a ciencia rebasándoa que non chegando.
12 comentarios en «In Vitro Veritas»
Na miña opinión, non é so un problema de Sudamérica senon de todo o mundo. De feito, no estado Español os cidadáns manteñen unha realeza no cuxo nome se secuestran revistas. Tamén en Europa fica a sede desa Igrexa oscurantista e prepotente que, como ben dis, aproveita a pobreza dalgunhas rexións do mundo para espallar máis miseria e descoñecemento. Tolos e radicais hainos en todas partes. Tamén na Arxentina, país que deu 5 premios Nobel.
Torre: non me entendas mal, por favor. Non quixen dicir en ningún momento que en Sudamérica, ou en Arxentina en concreto, a xente sexa mais ignorante ou máis fanática. Dende logo que tolos e fanáticos, e fascistas secuestrarrevistas, hainos en tódolos lados, e nese sentido en Europa tamén imos servidiños. Sinxelamente, referíame ao que ti apuntas: que a relixión trata de cebarse nos pobres, ou nas zonas con maiores problemas sociais. Un bico grande;)
Si, dende logo nese sentido todo o continente está bastante arraigado o sentimento relixioso de tintes retrógados, tamén nos Estados Unidos, posiblemente porque a relixión chegou hai menos tempo e con moitos máis conflictos e competidores do que en Europa . Dobre orgullo para os 5 valentes premios Nobel arxentinos.
Sintoo maxestade pero o comentario anterior que lle escribira foi eliminado antes de publicarse. Seguramente por obra e gracia do Señor.
O caso é que tou algo desanimado para reescribilo pero non para indicarlle as referenzas:
Un del.icio.us interesante:
http://del.icio.us/url/de830a2c7ec6c5376369756405828ebd
Un mapa das relixións que amosa que só en Europa (e con excepcións discutibles como Polonia) o ateísmo non é unha tendencia maioritaria:
http://del.icio.us/url/de830a2c7ec6c5376369756405828ebd
Un vídeo ilustrativo de como as sectas pentecostais e de renacidos norteamericanas (ultradereita nos costumes-neoliberal na economía) entran en latinoamerica:
http://es.youtube.com/watch?v=RnmBaWy4DJo
Un gran documental sobre o perigo mundial, non esaxero, que representan os cristianos renacidos en Estados Unidos (empezaron por desconfiar da evolución e xa non cren nin no quencemento global):
http://www.jesuscampthemovie.com/
Tamén hai que recoñecer que John Constantine xa falara do tema…
E para que se desafogue unha recompilación de gazapos da Biblia e moito máis. Material para escepticos:
http://skepticsannotatedbible.com/
Que disfrute do seu reinado dende o pazo de verán.
Asaltemos o Pazo de Inverno! Agarda, que estamos no veran… enton asaltemos o Pazo de Veran!
Temome ser mais esceptico que a Maxestade na victoria final da Razon sobre as Tebras (non e o tema da flauta maxica, cando Sarastro e a razon patriarcal escorrentan a maligna relixion oscurantista e rainha da noite?). A relixion cumpre papeis utiles para os crentes e para os que controlan o cotarro. Por suposto, tratase dunha guerra a morte, e empregaran todalas armasque tenhan a man para conservar o seu anaco de ceo e a sua parcela de verdade…
No optimismo ilustrado e marxista, ou incluso nietziano, asinabamos contentes a Morte de Deus como os malos lectores de Hegel da Fin da Historia… E nembargantes a relixion renace con forza incluso en currunchos da vella Europa, e a utopia revolucionaria e atea languidece… Coma se Deus dibuxase, malevo, nun busto de Nietzsche Ńietzsche esta morto. Asinado, Deus. Preguntaille ao Nadador…
É domingo pola tarde e veño de tomarme ibuprofeno para a dor de cabeza causada polo exceso vacacional de horas de sono… se cadra non atoparei as palabras para expresar o noxo que me inspira a fé relixiosa como condicionante xeral e como linchador do progreso científico en xeral… eu non son científico, non teño especiais coñecementos en materia de ciencias, pero como diría Woody Allen; “entre o papa e o aire acondicionado me quedo co aire acondicionado”.
Si, se cadra damos demasiadas cousas por feitas, e incluso aquí. Resúltame ben difícil pensar que algún día a relixión, sexa cal sexa, deixe de estender os seus tentáculos polo mundo adiante, hai demasiados intereses postos niso… pero ben, está claro que nuns sitios a cousa está peor cá noutros.
Resposta colectiva (estou vaga) :p Semella que tod@s entendíchedes que son unha optimista nata nisto da morte de deus e tal, quen me dera! En realidade, en absoluto. A(s) relixión(s) van dar aínda moita caña, e aos ateos de pro coma min, moitas dores de cabeza e moitos nolotiles tras discusións interminables. Pero si que penso que onde a relixión perdeu definitivamente a batalla é no que atingue á ciencia. Replegáronse ao campo da moral, do dogma e de dicir estupideces sobre os espermatozoides que se colan entre as moléculas do látex, pero todos temos claro, incluso os católicos na súa maior parte, que son estupideces. O que non quere dicir que deixen de ser perigosos, que deixen de influir en campos que non son o seu, como a política, ou que eu pense que podemos baixar a garda. A única igrexa que ilumna é a que arde, como reza unha mítica camiseta;)
Curiosamente por eses lares atopeiche a ti, e comezo a ver que me atopo no teu blog, nesta rede que mencionas chama a atención que se chaman escépticos, e os seus textos están “cargados de verdade”, como única cura para o seu escepticismo fora o pensamento positivista. Estou molesto por cómo nestes blogs ponse o espiritismo, a relixión e a parapsicoloxía no mesmo nivel que o postmodernismo. Moléstalles porque provoca incertidumbre, porque fai efímeras as moitas verdades.
Ningunha “luz” ilumina ós pensadores postmodernos, máis que a propia curiosidade. É un movemento que nace no social aínda que se nutra de metáforas da física (que si caos, que si entropía, que si principio de incertidumbre), que son iso, metáforas, non se trata dunha mala comprensión destas teorías científicas. Nos meus libros de texto o átomo de Bohrn tiña uns neutróns que eran pelotas azuis e uns protóns que eran pelotas vermellas, creo que non era máis que unha metáfora (a ciencia “dura” tamén as utiliza) e que logo resultou que tampouco se axustaba ós feitos ¿cánto dura a verdade?.
Xa estaba ben que as ciencias do social adoptaran os métodos doutras ciencias en vez de crear os propios, pretendendo adoptar para fenómenos multicausais, con variables totalmente incontrolables, métodos que buscaban demostrar que A causa B, cando é imposible saber si en B inflúen C, D ou E, nin siquera si en realidade e B quen causa A. Alégrome que as ciencias sociais adoptasen o seu propio modelo, e que ese modelo estea baseado na linguaxe.
Vaia, semella que psicólogos e psiquiatras estamos en desacordo aínd a sen saber que o somos. A min paréceme xenial que as chamadas ciencias sociais adopten o seu propio modelo, é mais, non semella moi intelixente tratar de aplicar o método científico como tal para elas (como dixen noutra ocasión, é como tratar de cortar a herba coa torradora) O problema chega cando eses mesmos pensadores posmodernos tratan de facelo á inversa, e aplicar os seus presupostos ás ciencias que ti chamas “duras” (?) E claro, tampouco se pode torrar o pan coa segadora.
O problema do posmodernismo (de certos posmodernos, mello dito) non é que provoque incertidume, senón que a provoca no sentido erróneo. No canto de pinchar na parte feble das ciencias “duras” (?) que ao meu ver é como se decide o obxecto de estudo, que aínda a día de hoxe son mundos dominados por homes, como se emprega o coñecemento científico como medio de exercer o poder, adícanse a atacar o método en sí. Pois perfecto. A seguir negando o evidente, que o paradigma científico funciona, a efectos prácticos, dun xeito que non o fixo ningún outro conxunto de coñecementos na historia da humanidade. Ou ti dubidas, cando tecleas isto, de como funciona o teu computador? Úsalo, e punto. Pois iso tamén e ciencia, meu.
En primeiro lugar non quero facer unha defensa a ultranza do postmodernismo, non me considero un “postmoderno”, pero si que considero que comparar este movemento con outros como o espiritismo, o curandeirismo ou mesmo a relixión é absurdo.
Por outra banda non coñezo con exactitude os textos onde se critica o propio método científico, como método fundamental de investigación. O que se critica é o método científico como modo de obter verdades absolutas, e neste momento non creo que ningún científico poida defender esta postura. O método ten unha grande importancia xeradora, e sobre todo xeradora de novas preguntas, que é o que fai que avancemos. Outra cousa é que pretendamos atopar verdades absolutas. A lei de Newton ten unha grande importancia explicativa de moitos fenómenos e unha grande importancia xeradora de novos avances, pero cae como tantas outras “leises universais”, ó coñecer que non só existe a realidade da mazá, que hai tamén “realidades cuánticas” e “realidades cósmicas” que a gravidade non pode explicar.
Estou máis de acordo contigo do que pareces crer. Simplemente chamo a atención de que si as verdades por exemplo na física (vou a suprimir o de ciencias “duras”, a min tampouco me gusta, pero creo que fai que nos entendamos) son de duración indeterminada, con máis razón o son na socioloxía ou na psicoloxía onde se traballa con moitas variable incontrolables.
Por outra banda, e sobre a túa última apreciación, quería chamar atención sobre por exemplo, a importancia de Foucault o Bordieu no desenvolvemento do construccionismo social, e a repercusión que tiveron os seus traballos sobre as concepcións de poder e sexualidade. Tamén chamar a atención sobre a relevancia que tiveron os movementos feministas no xurdimento dun construcionismo social en terapia familiar (por exemplo) como reacción os modelos estructuralistas que se supón perpetuaban “verdades” nas que se establecían determinados roles segundo o sexo dentro da familia. Do mesmo xeito, e tamén dende a psicoterapia movementos xurdidos en Australia prestaron especial atención á diferenciación cultural e o papel de determinadas institucións (nas que se incluían os propios terapeutas) no control das minorías etnicas.
Un saudo
Alédome de que ámbolos dous acheguemos posicións:) Totalmente dacordo coa importancia do posmodernismo ao poñer en dúbida determinadas “verdades” como os problemas de xénero ou as estruturas de poder (a iso ía co dos puntos fracos da ciencia, e por iso maticei “algúns posmodernos”).
Ao respecto da ciencia como xeradora de verdades absolutas, coido que dende Einstein, a ciencia asumiu que só xera posibilidades estatísticas. Outra cousa é como sexa recibido iso a niveis, digamos “non especializados”.
Se ben concordo na importancia de Foucault e Bordieu, hai outros autores, Deleuze por exemplo, que fan unha crítica moito menos constructiva e, na miña opinión, moito menos documentada. Coido que, do mesmo xeito que non é o mesmo o método científico en si mesmo (estatística) que o que a xente pensa que fai a ciencia (verdade absoluta) tampouco é o mesmo o posmdernismo que os posmodernos. Ou que algúns posmodernos.
Un saúdo.
Comentarios pechados.